Lilus Kikus é o título do libro que vén de publicar a Editorial Trifolium. O texto da premiada escritora mexicana Elena Poniatowska, inicialmente aparecido en 1954, recibe novas ilustracións a cargo do noso socio Santy Gutiérrez para esta edición, que na súa versión en galego conta coa tradución de Teresa Moure.
Categoría: historico
-
Santy Gutiérrez ilustra a Poniatowska
-
Banda deseñada e divulgación arqueolóxica
Tal e como publicaba o diario El País o pasado venres, o proxecto arqueolóxico Torre dos Mouros, de Lira (Carnota), terá entre os seus resultados unha síntese dos achados e das conclusións dos traballos que se están a desenvolver durante estes días no xacemento. Dado o carácter aberto e divulgativo da iniciativa, esa primeira síntese para o público será feita en forma de banda deseñada; o guión correrá a cargo do profesor e xornalista Manuel Gago, e os debuxos serán responsabilidade do noso socio Manel Cráneo (que ademais vén de anunciar no seu blog a inminente edición do seu novo libro, Cousas de mortos). -
Ilustración no Outlet do Libro Galego
Entre o 21 e o 29 de xullo, no Café Moderno (praza de San Xosé, 36001 Pontevedra) terá lugar o segundo Outlet do Libro Galego, organizado pola Asociación Galega de Editores (AGE). O Outlet, segundo os seus promotores, enmárcase dentro da «estratexia de promoción e visibilidade dos libros galegos, consistente
na organización de espazos singulares de venda de libros a prezos de
crise», e representa «unha segunda oportunidade para
títulos e autores que foron reemprazados polas novidades editoriais e
que xa non forman parte dos escaparates e andeis das librerías galegas».Esta segunda edición do Outlet conta coa colaboración dos ilustradores galegos, que, a través da AGPI, poñen en venda algunhas reproducións e mesmo orixinais das súas obras a prezos moi especiais (láminas a 5 euros e orixinais entre 20 e 100 euros). Para esta ocasión cóntase con máis de 150 láminas (algunhas delas asinadas polos seus autores) e unha vintena de orixinais, a cargo dos nosos socios Alberto Guitián + Leandro, Augusto Metztli, Bernal Prieto, David Rubín, Emma Ríos, Jaime Asensi, Kristina Sabaite e Óscar Villán.
O programa completo de actividades pode descargarse aquí (PDF, 803 Kb).
-
Emma Ríos, na Image Comics
Segundo adiantaba esta semana CulturaGalega.org, a nosa socia Emma Ríos está a preparar, para 2013, unha obra para a editora norteamericana Image Comics. Sobre guións de Kelly Sue DeConnick —con quen xa colabora en varias series da Marvel—, Emma debuxará Pretty Deadly, un western en que ambas as autoras gozarán de liberdade creativa e manterán os seus dereitos de explotación sobre os personaxes.Estes días tamén se deu a coñecer que Emma Ríos será unha das convidadas da nova edición do Salón de Cangas, que comeza o vindeiro luns.
-
A obra de David Pintor, exposta en Taiwán
A mostra de ilustración Bologna Wonderland pode visitarse, ata o mes de setembro, na cidade taiwanesa de Kaohsiung. A exposición está organizada pola prestixiosa publicación DPI Magazine, especializada en deseño gráfico e industrial, moda e ilustración, e nesta ocasión convidou ilustradores de todo o mundo, que tivesen sido seleccionados recentemente na Feira do Libro de Boloña.Así, a exposición reúne obra de autores como o noso socio David Pintor, Gabriel Pacheco, Jose María Lema de Pablo, Katrin Stangl ou Silvia Bolognesi.
-
DesOrdes Creativas
O festival de arte urbana de DesOrdes Creativas, comeza hoxe en Ordes (A Coruña), onde se desenvolverá ata o 22 de agosto. Durante estas datas
estarán traballando nas rúas da vila unha selección de artistas, que levarán a
cabo murais de gran formato en distintas localizacións da zona urbana. O importante cartel de invitados inclúe a referencias de importancia internacional como 3ttman, Blu, Ericailne, Liqen, Mou, Nana, Nano 4814, Nash, Sam3, Sokram e o noso socio Xpen.O festival acollerá tamén outras actividades paralelas, como unha
exposición colectiva no Museo Juanjo Linares e varias clases maxistrais impartidas
por algúns dos artistas convidados. -
Novo número de ‘Agpirina’
A AGPI acaba de publicar o número 9 do seu boletín Agpirina, que se distribúe gratuitamente en papel (a través das feiras e eventos con presenza da asociación) e en formato PDF (968 Kb).Este número contén, ademais de noticias sobre as actividades da asociación, dúas reportaxes: unha sobre a banda deseñada en Galicia, con entrevistas a tres dos autores máis destacados do panorama actual, os nosos socios José Domingo, David Rubín e Jacobo Fernández; e outra acerca da Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, desde a perspectiva práctica de como se achegar a ela para lle tirar proveito como ilustrador, que escribiu a nosa socia Almudena Aparicio.
-
Ilustracións de David Pintor para repostería
O noso socio David Pintor colaborou coa empresa colombiana de repostería gourmet Cascabel no deseño das novas embalaxes para os seu produtos, que levan ilustracións do su libro Ciudades de papel. Cascabel lanza ao mercado cada ano unha colección de produtos con obra de artistas plásticos, ilustradores e caricaturistas. Na web da empresa dan máis detalles sobre esta colección de produtos para 2012-2013, titulada Alimentar la mente, e sobre David como autor das ilustracións desta.
-
Exposición ‘Rir, por non chorar’
A asociación ecoloxista Adega inaugurou hoxe, na praza de San Marcos de Lugo, a exposición de humor gráfico Rir, por non chorar.
A
mostra conta con trinta e seis obras dunha vintena de humoristas gráficos
e ilustradores galegos, entre os que a organización cita a Pinto & Chinto, Leandro, Guitián, Calros Silvar, Alberto García Ariza, Almudena Aparicio, Davida, Idoia de
Luxán, M.ª Carmen Ferrín, Rooster, Sergio Covelo, Marcos Beltrán, Quico, Zamudio, Miguel Fernández, Jorge Alba e Alfredo López Tokio.O obxectivo da exposición é «achegarse ás problemáticas ambientais galegas que
afectan o noso territorio desde outro prisma, a través da visión
irónica e crítica dos artistas gráficos galegos». A mostra poderá visitarse na cidade de Lugo ata o
10 de xullo, e despois percorrerá
varias localidades da provincia luguesa ata finais de ano. -
Edítase o ‘Nuevo libro blanco’
Está xa dispoñible para o público xeral o Nuevo libro blanco de la ilustración gráfica en España, subtitulado Guía práctica para profesionales de la ilustración. A obra «busca ser de utilidade tanto para aquelas persoas que se
estean a iniciar na profesión como para os ilustradores e
ilustradoras máis veteranos». Non se trata dunha actualización do Libro blanco editado en 2004, senón dun vademécum «dos aspectos máis relevantes
do exercicio da profesión: por exemplo, como defender os dereitos
de autor das obras, como relacionarse co cliente e coa
Administración, ou como coñecer o funcionamiento dos diferentes
mercados relacionados coa ilustración».O libro vén avalado pola Comisión de Profesionais do Observatorio da Ilustración Gráfica, e contou co apoio económico do Ministerio de Cultura. Pode ser adquirido na súa versión de papel a través da AGPI —así como de calquera das asociacións federadas ou da propia FADIP—, e pode ser descargado
gratuitamente en formato PDF desde esta ligazón.