O noso socio José Domingo —que é un dos convidados da actual edición do Viñetas desde o Atlántico e que ten nas librarías xa a segunda edición do seu libro Aventuras de un oficinista japonés— foi galardoado co primeiro premio do I Concurso Internacional de Humor Gráfico Bruixas i Bruixots, convocado co gallo do Aquelarre 2012 en Cervera (Lleida). Ao concurso presentáronse máis de 500 obras chegadas de 44 países. Nesta ligazón pode lerse máis información ao respecto, e ver a viñeta ganadora.
Categoría: historico
-
Dani Padrón ilustra ‘Acuario’
Xa está á venda un novo título da colección de álbum infantil ilustrado Fardel dos Soños, publicada por Edicións Embora. Trátase de Acuario, un libro de poemas da escritora María Canosa, ilustrado polo noso socio Dani Padrón.Tras coincidiren coa obra O papaventos de Laura, como
resultado do VIII Premio de literatura infantil e xuvenil Pura e
Dora Vázquez, Acuario supón a segunda colaboración
dos dous autores. -
Sinaturas na caseta de AGPI no Viñetas
Ademais da venda de láminas e serigrafías de socios, e das sesións de revisión de portafolios previstas para mañá e pasado, o sábado 11, entre 19:00 e 20:00 h, o noso socio Mariano Casas asinará na caseta da AGPI no Viñetas desde o Atlántico («Rúa da BD», n.º 1) exemplares das súas obras, que tamén poderán adquirirse alí.
-
Revisións gratuítas de portafolios no Viñetas
Entre as actividades que propón a AGPI para a súa caseta no festival Viñetas desde o Atlántico están dúas sesións de revisión gratuíta de portafolios a cargo de autores de recoñecida experiencia profesional en diversos ámbitos da banda deseñada.
Así, este venres 10, entre 12:00 e 14:00 h, serán Javi Montes e Alberto Guitián, e o sábado 11, no mesmo horario, Emma Ríos e David Rubín os que ofrecerán os seus consellos a calquera persoa interesada que queira achegarse cos seus traballos á caseta da AGPI (a n.º 1 na feira do festival, ou «Rúa da BD»). A experiencia de calquera dos catro (en BD europea e norteamericana, novela gráfica, etcétera) fai que esta sexa unha ocasión singular para coñecer unha perspectiva profesional sobre como enfocar o propio traballo, e tamén como mostralo a través do portafolio persoal.
A actividade está aberta a calquera ilustrador ou ilustradora, afeccionado ou profesional, sexa ou non socio da AGPI.
-
Comeza Viñetas desde o Atlántico
Desde hoxe ata o domingo día 12, a cidade da Coruña acolle unha nova edición do festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, con exposicións, conferencias e outras actividades, tanto centrais como paralelas. Máis información sobre as actividades, neste artigo de CulturaGalega.org.Como veu acontecendo nas edicións anteriores, a AGPI contará cunha caseta (a n.º 1) dentro da «Rúa da BD», a feira do festival. Nela poderá accederse a información e publicacións da asociación, e contará coas outras actividades, como venda de láminas, sesións de debuxo e revisións de portafolios. En breve facilitaremos máis datos ao respecto.
-
‘Estampas do Planeta Mincha’, exposición de Manel Cráneo
Hoxe, 3 de agosto, ás 20:00 h, inaugurarase na galería de arte 9the13 (rúa Tabernas 9, 15001 A Coruña) a exposición Estampas do Planeta Mincha, que recolle traballos orixinais do noso socio Manel Cráneo.A mostra, que se insire no imaxinario da serie Planeta Mincha (proxecto que xa inclúe unha serie de contos infantís, e mais unha novela gráfica —de próxima aparición— e un piloto de serie de animación), consta de 43 pezas, das cales 39 foron realizadas en exclusiva para a ocasión. Trátase de acrílicos, acuarelas e obras de técnica dixital que combinan diversos formatos.
Por outra parte, Manel presentará o sábado 11 de agosto ás 12:30 h o seu novo álbum de banda deseñada, Cousas de mortos, na carpa do Festival Viñetas desde o Atlántico.
-
Exposición de Pinto & Chinto e Santy na Coruña
En plena celebración dos xogos olímpicos, e en relación coa temática de contidos dos campamentos de verán organizados polo Concello da Coruña, o Centro Ágora (rúa Ágora, 15010 A Coruña) acolle a exposición Tito y Yeti, personajes de olimpiada.A mostra consta de 32 páxinas con historias autoconclusivas das series de banda deseñada Tito Longueirón (creada por Pinto & Chinto para a revista Golfiño) e Yeti, deporte X-tremo (por Santy Gutiérrez para a revista Míster K).
Ambas as series, enfocadas a un público xuvenil, teñen en común a temática deportiva: Tito Longueirón, en torno aos deportes olímpicos, e Yeti, en torno aos de risco e aventura.
A exposición está comisariada por Manel Cráneo, e poderá vistarse durante todo o mes de agosto.
-
Talleres de debuxo e ilustración para os cativos
A partir de hoxe, varios dos nosos socios impartirán talleres de debuxo e banda deseñada dentro das actividades dos campamentos infantís de verán organizados polo Concello da Coruña. O título dos talleres é «Olimpíadas de Cómic», e están dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos; realizaranse nos centros Ágora e Fórum Metropolitano, entre hoxe e o 9 de agosto.
O titulado «Deseña o teu personaxe de cómic olímpico» estará impartido por Santy Gutiérrez; «Debuxa a túa historieta olímpica» correrá a cargo de Xosé Tomás; «Como debuxar tiras de humor deportivo», terá como profesor a Alberto Guitián; «Heroes de plastilina», a Laura Blanco (modeladora 3D para filmes de animación); o «Taller de comicsetas» estará impartido por Talía; por último, «Personaxes de número e letra» estará a cargo de Suso Cubeiro.
-
Sinaturas de Marina Seoane na Coruña
O próximo 2 de agosto a nosa socia Marina Seoane estará asinando os seus últimos libros (Vamos a viajar 2, ¡Brujas! e La lluvia mágica) na Feira do Libro da Coruña, nos xardíns de Méndez Núñez. Será a partir das 19:30 h, na zona de
sinaturas, xunto á carpa de actividades e a caseta de secretaría. -
Preséntanse os Cursos AGPI
A AGPI pon en marcha unha nova actividade que desenvolverá de forma periódica en varias localidades galegas: os Cursos AGPI. Tratarase de sesións dunha xornada de duración, dirixidas a profesionais da ilustración e a toda persoa interesada. O primeiro destes cursos será o sábado 25 de agosto, e xirará en torno á aplicación dixital da cor. Consistirá en dúas clases maxistrais de tres horas cada unha impartidas por dous profesionais amplamente recoñecidos: Sergio Casas e Patricia Castelao.O curso desenvolverase no Centro Ágora da Coruña (rúa Ágora, 15010 A Coruña), ao longo de todo o sábado, e incluirá un xantar para os asistentes. Ademais, unha vez finalizado o curso completarase co IlustraNoite, un formato de presentacións multimedia de varios profesionais de diversos campos da ilustración, aberto a todo o público.
A tarifa de inscrición é 20 euros para socios da AGPI, 30 euros para estudantes de arte e 50 euros para o resto. As prazas son limitadas, e han de facerse antes do 14 de agosto. Toda a información do curso e o boletín de inscrición poden encontrarse nesta ligazón.