O pasado 31 de xaneiro, os nosos socios Marcos Calo e Santy Gutiérrez ofreceron unha charla conxunta na Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, en Ourense. Nela fixeron un repaso ás súas
traxectorias, amosaron os seus procesos de traballo (incluíndo unha
demostración de debuxo en directo) e deron aos estudantes consellos baseados na súa experiencia como profesionais. Salpicaron este
encontro de tres horas de charla con debuxos, datos e anécdotas que
lles sucederon nestes anos de oficio.
Autor: admin
-
Charla de Marcos Calo e Santy Gutiérrez na Escola de Arte de Ourense
-
Exposición ‘La Bolsa del Mercado’
Este venres, 8 de febreiro, inaugúrase a exposición colectiva da obra orixinal que compón os tres primeiros números da publicación cuadrimestral La Bolsa del Mercado, de Tazalunarbooks. O acto será ás 20:00 h na tenda-galería A Formiga no Carreiro (rúa dos Ferreiros 19, 36002 Pontevedra).A mostra está composta por 18 pezas, a cargo de pintores, ilustradores, fotógrafos e artistas gráficos de moi diversas procedencias (España, México, Honduras, Brasil e Venezuela). Entre os participantes están os nosos socios Aida Alonso e Augusto Metztli.
La Bolsa del Mercado autodefínese como «a única publicación contida nunha bolsa de “ir facer a compra”» que existe en España. En cada número participan seis artistas con pezas orixinais.
-
Autores galegos no Festival de Angoulême

La Voz de Galicia e CulturaGalega.org destacan hoxe a presenza de varios autores galegos, entre eles varios socios da AGPI, no Festival International de la Bande Dessinée d’Angoulême, que comezaba onte a súa cuadraxésima edición.
Deste xeito, estarán no que se considera o máis importante festival europeo dos cómics David Rubín, José Domingo e Martín Romero, arroupando as súas últimas edicións en territorio francófono, e na procura de novos editores interesados nestas e outras obras.
-
Tutorial de ilustración de Santy Gutiérrez en ‘The Art Boulevard’
O noso socio Santy Gutiérrez preparou un tutorial sobre a elaboración dunha das súas ilustracións para a web The Art Boulevard, rede de intercambio entre artistas e entidades culturais que forma parte do proxecto Conviver na Arte/Convivir en el Arte (Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal). No tutorial (que pode verse aquí, en castelán, portugués e inglés) amosa de maneira sinxela e con imaxes un dos seus métodos de
traballo, paso por paso e rematado ao final cun vídeo de todo o proceso. Ademais, tamén se pode descargar en formato PDF (2,98 Mb). -
Novas presentacións de ‘Cartas de inverno’
O noso socio Antonio Seijas participa nos próximos dúas en dúas novas presentacións da súa novela gráfica Cartas de inverno, adaptación da obra homónima de Agustín Fernández Paz.A primeira será o próximo martes, 29 de xaneiro, ás 20:00 h, na libraría Alita Comics (rúa do Orzán 94, 15003 A Coruña), e contará coa participación de Manuel Bragado (director de
Edicións Xerais). A segunda, o venres 8 de febreiro, tamén ás
20:00 h, na escola profesional
de banda deseñada e ilustración O Garaxe
Hermético (rúa Álvaro Cunqueiro 4, 36002 Pontevedra).Por outra parte, o blog de Antonio Seijas daba noticia nos últimos días da inclusión de tres dos seus pósters nos decorados da serie televisiva La que se avecina, na temporada actualmente en emisión.
-
David Pintor, seleccionado en Boloña
O noso socio David Pintor está novamente seleccionado —estívoo tamén en 2007, 2010 e 2011— para participar na prestixiosa Mostra degli Illustratori da 50.ª Feria Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que se desenvolverá entre os días 25 e 28 de marzo.As obras seleccionadas foron publicadas no volume Nel bosco della Baba Yaga, de Luigi Dal Cin. Trátase dunha recompilación de contos tradicionais rusos, ilustrados por
artistas de diversas procedencias. David ilustrou a cuberta e un deses contos.Esta mostra, á que optan miles de autores de todo o mundo, só contará este ano con dous ilustradores españois: David Pintor e Violeta Lópiz.
-
‘Compota de Manatí’, agora en liña
O colectivo de ilustradores Miñoco, ao cal pertencen varios dos nosos socios, está a desenvolver unha campaña para promover o seu fanzine Compota de Manatí entre os profesionais do sector, coa intención de dar a coñecer o fanzine e tentar conseguir unha nominación nos premios do 31.º Saló del Còmic de Barcelona.Por esta razón, poñen a disposición de todos os profesionais un enlace en que se pode ler enteiro e de xeito gratuíto o único número publicado. Ao tempo, lembran que a primeira fase das votacións finalizará o día 15 de febreiro. A lista orientativa de publicacións aspirantes pode lerse aquí.
-
Javier Pastor gaña o premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración
O ilustrador barcelonés Javier Pastor Díaz foi o gañador da décima
edición do premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e
Xuvenil, convocado pola Deputación de Ourense e dotado con 1500 euros.O xurado, que adoptou por unanimidade a súa decisión, estivo
presidido por Avelino
García Ferradal e integrado por Eva Torres (directora do
Museo Municipal de Ourense), o pintor Carlos Costoya, os ilustradores Xoán G. Baltar e o noso socio David Rubín, e mais a gañadora do premio na modalidade de
narración, Ángela Fernández Rey. Do premiado destacaron «a súa forza visual» e o «uso moi expresivo da
colaxe dixital». -
Sinaturas de Manel Cráneo en Santiago e Ferrol
O noso socio Manel Cráneo presentará as súas últimas publicacións (as obras en banda deseñada Cousas de mortos, A Torre dos Mouros e Os Lobos de Moeche, que chega á súa segunda edición) esta fin de semana en dúas librarías. Así, este venres, día 18, a partir das 18:00, asinará exemplares en Komic (rúa San Pedro de Mezonzo 34, 15701 Santiago de Compostela), e o sábado, 19, ás 12:00, fará o propio en Metrópolis Cómics (rúa de María
183, 15401 Ferrol).A maiores disto, sábado 26 de xaneiro participará ás 19:00 h nunha charla sobre a A Torre dos
Mouros na Fundación Wenceslao Fernández Flórez («Villa Florentina», Apeadeiro 14, 15650 Cecebre, Cambre), acompañado por Manuel Gago e Antón Malde, responsables do proxecto arqueolóxico en que
está baseado o cómic.Dentro do plan de publicacións para 2013, Demo Editorial anuncia tamén novo álbum de Manel Cráneo: Destino Hërgüss, ambientado no universo Planeta Mincha.
-
‘O neno can’, seleccionado polo IBBY
O libro O neno can, con relatos dos escritores Fina Casalderrey e Francisco Castro e ilustracións da nosa socia Patricia Castelao, foi incluido polo Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais, con sede en Oslo, na lista Outstanding Books 2013, unha colección de títulos destacados polo seu tratamento da discapacidade. Só outros dous títulos españois conseguiron esta distinción nesta ocasión.A selección supón, tal e como informa Francisco Castro, «entrar dentro dun catálogo que recolle as mellores publicacións do
mundo sobre esta temática e que se edita en varias linguas, e formar
parte dunha exposición que se inaugura na Feira de Boloña e que terá a
súa sede permanente en Oslo despois de itinerar por distintas capitais
do mundo».