Mañá, sábado 12, na Casa das Insuas (rúa José Pardo y Pardo Montenegro 27, 27370 Rábade, Lugo), o noso socio Calros Silvar impartirá un obradoiro de bosquexos de campo. Trátase dun curso intensivo de iniciación á realización de apuntamentos do natural dirixido a biólogos, naturalistas, monitores de tempo libre e afeccionados á natureza en xeral, e terá unha duración de 6 horas (de 10:30 a 13:30 e de 15:30 a 18:30). O custo é de 6 euros para socios da AGCT, e de 10 euros para os non socios. Para obter máis información e inscribirse, pode acudirse á web da Casa das Insuas.
Autor: admin
-
Obradoiro de bosquexos de campo por Calros Silvar
-
Santy Gutiérrez e David Rubín, na revista de R
Aínda que xa hai un tempo que os nosos socios Santy Gutiérrez e David Rubín deseñaron a decoración mural de dous andares das oficinas da empresa de telecomunicacións R, o número de xaneiro da revista periódica que a compañía edita para os seus clientes dedica unha reportaxe a esas ilustracións, con pequenas declaracións dos dous autores sobre o reto que supuxo a súa realización. A reportaxe pode lerse na versión en PDF da revista (páxinas 8 e 9; descárgase aquí); algunhas imaxes máis sobre o mural de Santy Gutiérrez poden verse aquí. -
Exposición de SketchCrawl en Santiago
Ata o próximo 20 de xaneiro estarán expostos na Biblioteca Ánxel Casal (avenida de Xoán XXIII s/n, 15704 Santiago de Compostela) os debuxos realizados na 37.ª SketchCrawl, desenvolvida en Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. Entre os 17 artistas que mostran as súas obras está o noso socio Mariano Casas. Mariano, ademais, presenta o seu cómic El Club del Miedo este venres día 11, ás 20:00 h, no taller creativo No Importa (rúa de Santo Andrés 46, 15003 A Coruña).
-
Marina Seoane ilustra ‘O libro dos Reis Magos’
O volume O libro dos Reis Magos, publicado pola Xunta de Galicia, inclúe textos de vinte e seis escritoras galegas e ilustrado pola nosa socia Marina Seoane. O libro será distribuído gratuitamente a través dos concellos que forman a Rede de Dinamización Lingüística, en coincidencia coa celebración das cabalgatas de Reis de toda Galicia. Ademais, pode descargarse en PDF desde esta ligazón.Non é o único traballo de Marina relacionado con estas datas en Galicia, xa que tamén é da súa autoría o cartel do «Poboado lapón» que instalou este Nadal Concello da Coruña na praza de María Pita.
-
Novos libros de David Pintor
O noso socio David Pintor, como membro do tándem Pinto & Chinto, acaba de publicar o libro As estrambóticas viaxes de Gulliver, revisión humorística do clásico de Jonathan Swift. Por outro lado, este mes de decembro tamén presentou o volume O Grande Chefe, publicado pola editora portuguesa Tcharan, no que ilustra textos de Carlos Nogueira.
-
Clausura e nova inaguración de exposición de Miki
O noso socio Miki (Miguel Ríos López) clausura este serán, ás 20:00 h, a súa exposición Carne de papel, que estivo nas últimas semanas no bar A Tapa das Meigas (rúa dos Olmos, 15003 A Coruña). Será cunha «Fiesta de descuelgue y del fin del mundo», que continuará ás 22:00 h no restaurante Café da Guiné (rúa de San Xosé 2, 15002 A Coruña) coa inauguración dunha nova exposición titulada Prêt-à-porter, e haberá para a ocasión un «recital poético apocalíptico». -
Presentación da primeira entrega de ‘Trisquelium’ na Coruña
La Llave de Poder, primeiro
libro da saga de novelas de fantasía Trisquelium, será presentado hoxe na Librería
Arenas (rúa do Cantón Pequeno 25, 15003 A Coruña), ás 20:30 h.Acompañando o autor, Saulo R. Mars, estarán tamén o noso socio
Pinturero (autor das ilustracións do libro) e mais o xornalista Pablo Portabales. -
Festa da «fin do mundo» de Demo Editorial
Mañá, venres 21 de decembro, coincidindo coa data indicada como fin do mundo polo calendario maia, Demo Editorial organiza a presentación do libro Cousas de mortos, de Manel Cráneo. No mesmo acto, o autor asinará exemplares desta obra, así como da nova edición d’Os Lobos
de Moeche —que xa leva vendidos 3000 exemplares, e que nesta ocasión se vende conxuntamente co comicbook A Torre dos Mouros, tamén de ambientación medieval—.Será ás 19:30 h na libraría Alita Comics (rúa do Orzán 94, 15003 A Coruña). Todos os compradores serán convidados a canas de cervexa e participarán no sorteo dunha lámina enmarcada e asinada.
Ao terminar, a festa continuará no Pub Dublín (rúa das Panadeiras 50, 15001 A Coruña), onde permanece a exposición de pranchas da BD A Torre dos Mouros, e ademais haberá música en directo.
-
Mariano Casas presenta ‘El Club del Miedo’
Mañá, mércores 19 de decembro, o noso socio Mariano Casas presentará o seu libro El Club del Miedo. No acto, falará sobre o proceso creativo deste cómic, as súas influencias e a experiencia no financiamento mediante crowdfunding que empregou para a edición do libro.Será ás 20:30 h, no Instituto Europeo Campus Stellae (rúa Concepción Arenal 1, 15702 Santiago de Compostela).
-
Exposición de Xosé Cobas na Biblioteca Nodal da Coruña
Mañá, 18 de decembro, preséntase o libro Paxaro de mar e vento, escrito por Tucho Calvo e ilustrado polo noso socio Xosé Cobas. O acto será no salón de actos da Biblioteca Miguel González Garcés (rúa Miguel González Garcés 1, 15008 A Coruña), ás 20:00 h, e precederá a inauguración da exposición dos óleos realizados por Xosé Cobas para o libro, que poderá visitarse na biblioteca ata o 26 de xaneiro.