O próximo luns, 18 de marzo, dentro das actividades do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a AGPI organiza ás 19:00 h unha sesión de revisión de portafolios de ilustración. De forma gratuíta, calquera persoa interesada (profesionais, afeccionados ou estudantes, e tanto socios como non socios da AGPI) pode achegarse polo salón de actos do Pazo da Cultura (rúa de Alexandre Bóveda, 36005 Pontevedra) co seu portafolios para recibir a opinión de dous profesionais de primeiro nivel, Jacobo Fernández Serrano e Marc Taeger. Deste xeito, os participantes poderán definir mellor a súa «tarxeta de presentación», a súa selección de traballos, de cara a conseguir optimizar a presentación da súa obra en entrevistas con editores e outros clientes.
Autor: admin
-
Sesión de revisión de portafolios
-
A exposición «Parafusos, alambiques e birleques», agora en liña
A mostra con que a AGPI participa este ano no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, «Parafusos, alambiques e birleques», pode verse desde hoxe tamén de forma virtual a través da conta de Flickr da asociación, nesta ligazón.
Trátase de 16 obras, de Aida Alonso Vázquez, Alberto García Ariza, Almudena Aparicio, Antonio Seijas, Carmen Ferrín, Dani Padrón, Eduardo Baamonde, José Souto Josiño, Manuel Lariño, Marina Seoane Pascual, Nuria Díaz, Pirusca, Quico, Rebecalópez, Rubén Mariño Lamas e Yago García Rodríguez Yaguete.
A exposición física segue sendo visitable ata o próximo día 23 de marzo no Pazo da Cultura (rúa de Alexandre Bóveda, 36005 Pontevedra).
-
Vídeo con Xan López Domínguez na web do Observatorio
A web do Observatorio da Ilustración Gráfica publicou, dentro do ciclo de vídeos que está a dedicar á xornada «El libro digital ilustrado: pasos hacia nuevos paradigmas», o referente á mesa redonda titulada «Creación de contenido digital: la visión de los creadores/ilustradores».Nela reuníronse, moderados por Lluís M. Abián, os ilustradores Sergio Alfonso González ‘Animatomic’, Kike de la Rubia, André Letria e o noso socio (e tamén directivo, representante da AGPI en FADIP) Xan López Domínguez.
Durante máis dunha hora, os catro autores falaron de como afrontan as novas realidades do mercado, o futuro dos libros de papel e mesmo a relación entre ilustradores e editores. O vídeo, dividido en dúas partes, pode verse desde esta ligazón.
-
Lanzamento de ‘Os días do cometa’
A nova novela gráfica do escritor e xornalista Manolo López Poy e o noso socio Miguel Fernández, Os días do cometa, chegará nos próximos días ás librarías de Galicia. Os autores de Mamed Casanova: O fillo da furia (2010), que se reedita precisamente agora, chegan cunha nova obra de xénero negro, nesta ocasión ambientada na Galicia dos anos oitenta. Segundo a nota difundida pola editorial, «é a primeira vez que na banda deseñada se abordan temas como a prostitución, o narcotráfico e a corrupción no rural galego».A primeira das presentacións será o próximo venres 22 de marzo na libraría Komic (rúa San Pedro de Mezonzo 34, 15701 Santiago de Compostela).
-
‘Las aventuras de Undine’, serie ilustrada por Cristal Reza
Acaba de publicarse o primeiro volume da serie infantil-xuvenil de fantasía Las aventuras de Undine, titulado La gran tormenta. Os textos son da autoría de Blanca Rodríguez, e as ilustracións, da nosa socia Cristal Reza. Na web da Editorial Bambú, que publica a serie, poden descargarse as primeiras páxinas do libro en pdf.
-
Premio internacional para David Pintor
O noso socio David Pintor acaba de ser galardoado polas súas ilustracións para o libro Gulliver’s Travels, da editorial coreana Agaworld, editado en España en galego e castelán por Bululú. En concreto, foille outorgado un dos premios especiais do xurado do Concurso Internacional de Ilustración do Festival Nami Island, en Corea do Sur. No certame participaron máis de 600 propostas de ilustradores dos cinco continentes. As ilustracións premiadas estarán expostas entre o 25 de abril e o 31 de maio, durante a sexta edición do Festival do Libro Ilustrado de Nami Island, e editarase un catálogo cos ilustradores premiados.
-
Exposición itinerante ‘Sementes de Frida’
Este venres, 8 de marzo, conmemorando o
Día da Muller, será inaugurada a exposición colectiva Sementes de Frida, mostra dedicada á artista mexicana Frida Kahlo. A exposición estará en tres cidades gallegas:
Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.Participarán catorce artistas radicados en Galicia, entre os cales están os nosos socios Aida Alonso, Augusto Metztli e Kristina Sabaite.
A primeira inauguración será o día 8, ás 20:00 h, na tenda-galería A Formiga no Carreiro (rúa dos Ferreiros 19, 36002 Pontevedra), onde poderá visitarse ata o 4 de abril.
Posteriormente, o 10 de abril abrirá no restaurante mexicano Chilam Balam (rúa de Oporto 7, 36201 Vigo); o 3 de maio en Zoográfico (avenida Atlántida, 32, 36208 Vigo); e o 7 de xuño no estudio-galería Tlapaltic (rúa Edelmiro Trillo, 19 36600 Vilagarcía de Arousa).
-
Chega a segunda edición de ‘O fillo da furia’
A novela gráfica Mamed Casanova: o fillo da furia, de Manolo López Poy e o noso socio Miguel Fernández, chega á súa segunda edición. Así o confirmaba esta semana a web de Demo Editorial, casa que a publicou orixinalmente en 2010 e coeditou na súa tradución a castelán (El hijo de la ira) en 2011. Esta segunda edición chegará xusto coa aparición dunha nova obra dos dous autores, de título Os días do cometa, cuxos detalles serán desvelados nos próximos días.
-
Convocado novamente o Premio Castelao de BD
A Deputación da Coruña anunciaba onte a convocatoria do oitavo Premio de Banda Deseñada Castelao, que non fora desenvolvido en 2012 por ter pasado a ser un certame de carácter bienal en vez de anual.
O premio está dotado con 6500 euros, e poden participar nesta oitava edición «todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non
fosen premiadas nas cinco edicións anteriores, e que presenten
narracións en banda deseñada escritas en lingua galega, inéditas e non
premiadas en ningún outro premio o certame». A extensión mínima das obras, que deberán presentarse completamente terminadas, é de 48 páxinas, e o prazo de entrega de obras acabará o próximo 5 de abril. Os regulamentos completos poden verse nesta ligazón. -
Nova edición do Salón do Libro de Pontevedra
Este sábado, 2 de marzo, comezará no Pazo da Cultura (rúa de Alexandre Bóveda, 36005 Pontevedra) a décimo cuarta edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que chega esta vez co lema «A toda máquina!», e que durará ata o próximo 23 de marzo.No seu programa inclúese unha nova colaboración coa AGPI, a exposición Parafusos, alambiques e birleques, con traballos de dezaseis ilustradores e ilustradoras membros da asociación, que mostran obras relacionadas, precisamente, coas máquinas. Os ilustradores participantes son Aida Alonso Vázquez,
Alberto García Ariza, Almudena Aparicio (que ademais é a autora do cartel desta edición), Antonio Seijas, Carmen Ferrín, Dani Padrón, Eduardo Baamonde, José Souto Josiño, Manuel Lariño, Marina Seoane Pascual, Nuria Díaz, Pirusca, Quico, Rebecalópez, Rubén Mariño Lamas e Yago García Rodríguez Yaguete.No programa de actividades hai varias relacionadas coa ilustración, como o obradoiro de banda deseñada «A debuxar con Marcopola», dirixido polo noso socio Jacobo Fernández Serrano. O acto, que incluirá a presentación dos libros da serie Marcopola, a illa remeira, será o xoves 7 de marzo, ás 19:00 h. Tamén o noso socio Anxo Fariña impartirá un obradoiro de ilustración todas as mañás do 4 ao 11 de marzo.