Autor: admin

  • II Encontro de ilustradores galegos

    folleto II Encontro de ilustradores galegos O próximo sábado 29 de outubro terá lugar en Santiago de Compostela o II Encontro de Ilustradores Galegos. O Encontro contará nesta ocasión coa presencia dos ilustradores Arnal Ballester e Raúl, que impartirán sendas conferencias pola mañá, na Fundación Caixa Galicia de Santiago (rúa do Vilar 19). O acceso a estas conferencias é libre; pode asistir calquera persoa interesada no tema.

    Ó remate das conferencias os socios de AGPI celebraremos a comida anual de confraternización no restaurante O Dezaséis (rúa de San Pedro nº 16). Pola tarde, de novo na Fundación Caixa Galicia, faremos a tamén anual asemblea xeral.

    O horario da xornada será o seguinte:

    • 10.00 a 11.00h: Recepción, saúdos e entrega do material.
    • 10.30h: Roda de prensa.
    • 11.00 a 11.15h: Presentación. Manel Cráneo.
    • 11.15 a 12.30h: Maquillando muertos. Conferencia de Arnal Ballester.
    • 12.30 a 12.45h: Descanso.
    • 12.45 a 14.15h: Raúl falará da súa experiencia como ilustrador de prensa.
    • 14.45h: Comida de confraternización no restaurante O Dezaseis
    • 17.30 a 20.00h aprox.: Asamblea xeral.

    Comentamos tamén, por se é do voso interese, que precisamente o día anterior ó Encontro a Fundación Caixa Galicia inaugurará unha exposición sobre Frida Kahlo no mesmo edificio no que terán lugar as conferencias.


    ilustracion arnal ballester - cartel la central Arnal Ballester (Barcelona, 1955), ilustrador, profesor na Escola Massana D’Art i Disseny de Barcelona e membro da Asociació Professional d’Il.lustradors de Catalunya (APIC). En 1993 recibiu o Premio Nacional de Ilustración por La boca risueña (Ed. Destino, 1992). Nese mesmo ano recibiu tambén o premio UNICEF-Illustrator of the Year de la Fiera dei Livri per Ragazzi di Bologna, e o Premio da Crítica Serra d’Or en 1995 pola colección Els artistics casos d’en Fricandó (Ed. Destino, 1992-1995). Colabora habitualmente co xornal El Mundo e o fixo durante anos con El País.

    Algúns dos seus libros: No tinc paraules (Ed. Media Vaca, 1998), Vista cansada (recopilación de debuxos feitos mentres falaba por teléfono, Ed. Sinse Ntido, 2000), Base y el generador misterioso (texto de J. A. Millán, Ed. Círulo de Lectores, 2002), Chamario (texto de E. Montejo, Ed. Ekaré, 2004).


    ilustracion de raul Raúl (Raúl Fernández Calleja, Madrid, 1960) é, entre outras cousas, ilustrador de prensa, revistas e libros para nenos, debuxante e guionista de cómic, e escultor. Os seus primeiros traballos apareceron nas revistas El Cairo y Madriz. Entre os anos 1986-1998 ilustrou diariamente a sección de opinión de El País (xornal que en 1990 o enviou a Rusia como corresponsal gráfico). Colaborou en revistas como Marie-Claire, Attonitus, Cinemanía, etc. Publica actualmente nos xornais La Razón e La Vanguardia.

    Algúns dos seus libros: Berlín 1931 (Texto de F. H. Cava, Ed. Casset, 1991), Raúl, fe de erratas (Textos de Raúl e F. H. Cava, Ed. Casset, 1992), Raúl, cuaderno perplejo (recopilación de ilustraciones para El País, Ed. Casset, 1992), Ventanas a Occidente (Texto de F. H. Cava, Luca Ed., 1994), Angulo el malo (obra de teatro, Camarasa y Mac Diego Editores, 1998), Pertinencias (caricaturas, Ed. Pataphysícas de la Candelaria, 2005).

    Agradecemos a colaboración do Departamento de Mocidade e Xuventude do Concello de Santiago de Compostela e da Fundación Caixa Galicia.

  • Novidades na web da AGPI

    Desde mediados do pasado mes de setembro, cada socio da AGPI pode dar de alta, actualizar ou facer calquera modificación por si mesmo na súa sección da galería web da asociación. Esto é posible gracias a aplicación que deseñaron o noso socio Xan Carpente e o seu compañeiro José Manuel Domínguez, ambos membros da empresa Xolda Diseño S.L.L. Convidámoste a que actualices a túa sección na web con novos traballos, ou que a des de alta, se aínda non o fixeras. O procedimento é moi sinxelo, podes ler as instruccións na zona socios da propia web.

    Por outra banda, acabamos de renovar a portada da web, misturando o índice de enlaces que había aquí co noticiario ou taboleiro de anuncios que ata agora estaba en agpi.blogspot.com. Que a páxina sexa a partires de agora máis ou menos dinámica depende de nós mesmos e das noticias, anuncios, opinións, etc. que enviemos. Convidamoste a que remitas a webmaster arroba agpilustracion.org calquera información relacionada co mundo do debuxo, ilustración, cómic, para que sexa publicada. Que non vos bote para atrás o ter que redacta-las posibles notas que enviedes á páxina: é un taboleiro de noticias, a maior parte das veces chegará cun par de liñas.

    A parte desto, mantéñense, como xa sabedes, as seccións de sempre: actas de reunións pasadas, estatutos, instruccións de participación na lista de correo, boletíns de outras asociacións do estado, informacións legais varias, etc.