O noso socio David Rubín —cuxo libro El héroe 2 quedou esta semana finalista do I Premio Zona Cómic (outorgado pola asociación de librarías especializadas do mesmo nome)— visita entre hoxe e o domingo 24 o Massana Còmic, salón andorrano que chega á súa décimo sétima edición. Alí participará en sesións de sinaturas de exemplares das súas publicacións e terá unha exposición de orixinais de El héroe, que ofrece un repaso ao proceso creativo da obra, incluíndo bosquexos, páxinas a tinta e mostras de acabado final a cor, ao longo de case 40 pranchas.
Autor: admin
-
Tráiler de ‘Os días do cometa’
A nova novela gráfica do escritor e xornalista Manolo López Poy e o noso socio Miguel Fernández, Os días do cometa, ten xa booktrailer dispoñible na web.
O libro pode adquirirse xa en moitas librarías galegas, e preséntase hoxe, día 22 de marzo, ás 18:00 h, en Komic (rúa San Pedro de Mezonzo 34, 15701 Santiago de Compostela).
-
Exposición de Miki en Vigo
O noso socio Miki inaugura hoxe, día 21, unha exposición en La Goleta Bar (rúa Luis Taboada 29, 36201 Vigo). No acto de inauguración, a partir das 20:30 h, pinchará o grupo Carycar DJs e sortearase unha ilustración dixital feita por Miki en directo para a ocasión.
-
‘Heavy Metal Artwork’ entrevista a Luis Sendón
O portal Heavy Metal Artwork, especializado en ilustradores e
deseñadores gráficos que traballan para o mundo musical da escena rock, acaba de lle facer unha entrevista ao noso socio Luis Sendón.O artigo, que inclúe unha completa galería de traballos do autor para portadas de discos e carteis, pode lerse aquí.
-
Pirusca, no espazo Big VAN
O espazo cultural Big VAN (rúa do Brasil 37 baixo, 36204 Vigo) prepara mensualmente unha proposta cultural titulada «Tómate a tarde», co obxecto «de crear sinerxías, de formar unha comunidade» para levar a cabo proxectos conxuntos. Na edición de hoxe, xoves 21, a partir das 20:00 h, haberá presentacións dos proxectos de ilustración da nosa socia Pirusca, de deseño de mobles do estudio The Nude Design, e de libro infantil de Patasdepeixe Editora, coa actuación de Chao&Gracias DJs. Haberá ademais un viño e petiscos para os asistentes. -
Charla de Guitián en Belas Artes
O noso socio Alberto Guitián falará das súas experiencias profesionais como ilustrador o próximo xoves 21 de marzo ás 12:30 h na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (rúa da Maestranza 2, 36002 Pontevedra). O acto está inscrito no ciclo de charlas «Da promesa á realidade», dedicado ás diversas saídas profesionais dos estudantes de Belas Artes.
-
Novo Curso AGPI: entintado manual e dixital, con José Luis Ágreda

O segundo curso organizado pola AGPI xirará en torno ao entintado manual e dixital, e estará impartido polo ilustrador José Luis Ágreda, coñecido especialmente polas súas colaboracións con El Jueves e El País.
O curso, titulado «De como a tinta dixital me fixo máis valente», está dirixido a profesionais da ilustración ou a calquera persoa interesada, sexa ou non socia da AGPI. Constará de dúas partes diferenciadas, de tres horas de duración cada unha, e, aínda que de carácter teórico, estará fortemente apoiado por
exemplos prácticos e mostras de traballo en directo do autor.Os obxectivos son dar a coñecer a importancia do proceso de entintado, e os usos das ferramentas tradicionais e dos recursos dixitais, centrándose nos programas de debuxo e tinta dixital SketchBook Pro e Manga Studio.
Será o sábado 6 de abril, de 10:30 a 13:30 e de 17:30 a 20:30 h, no Centro Sociocultural O Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16 baixo, 15701 Santiago de Compostela). A inscrición é de 10 euros para socios da AGPI, e de 30 euros para non socios (no caso de estudantes, 20 euros). O prazo de preinscrición acaba o próximo 31 de marzo, e as prazas son limitadas. Toda a información sobre o curso e o proceso de inscrición pode verse aquí.
Como no anterior curso, ao finalizar complementarase cunha actividade de entrada libre: a nova edición do IlustraNoite, formato de presentacións multimedia de varios profesionais de diversos campos da ilustración. Nos próximos días confirmarase o lugar de realización, así como os seus participantes.
-
A AGPI lamenta o axustado prazo para a participación no Premio Castelao
A AGPI enviou nos pasados días unha carta á Deputación da Coruña para mostrar o seu desacordo respecto ao excesivamente axustado do prazo para a participación no VIII Premio de Banda Deseñada «Castelao» (nesta edición, de apenas un mes). Na opinión da asociación, este prazo tan difícil de cumprir xoga en contra do obxectivo de servir de revulsivo e impulso á creación
de BD en Galicia, e pode afectar moi negativamente ao seu nivel de participación.Como asociación profesional, a AGPI non pode deixar de lamentar que as case inexistentes iniciativas (certames, bolsas, axudas) que existen actualmente para o apoio á creación da BD galega sexan ademais enfocadas en termos que debilitan o beneficio potencial que supoñen.
-
A novela gráfica de ‘Cartas de inverno’, premiada pola AGE
Os Premios da Edición 2012, que anualmente outorga a Asociación Galega de Editores (AGE), foron entregados o pasado sábado, día 16, durante a «Gala da Edición». O noso socio Antonio Seijas resultou galardoado co Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado pola súa novela gráfica Cartas de inverno, adaptación da obra homónima de Agustín Fernández Paz.
Aquí pode lerse a lista completa de premiados deste ano.
-
Últimas presentacións de ‘Compota de Manatí’
O número 0 do fanzine Compota de Manatí —no que participan os nosos socios María Álvarez Hortas, Yago García Yaguete, Rooster e Jorge Peral, como membros do Colectivo Miñoco— prepara as que serán as súas derradeiras presentacións. Así, hoxe ás 19:00 terá lugar unha na Libraría Paz (rúa Peregrina 29, 36001 Pontevedra), que incluirá unha pequena sesión de sinaturas de exemplares, e mañá, sábado 16, haberá outra ás 12:00 h na Libraría Banda Deseñada (rúa Cataluña 27, 36206 Vigo).