A Guía AGPI Ilustración 2011, presentada a público e prensa esta mesma tarde no marco da Festa do Libro na Coruña —nun acto que contou coa presenza de Santy Gutiérrez e Miguel Ruiz Sekone, presidente e vogal da AGPI, respectivamente—, está xa dispoñible para a súa visualización en liña, na web de publicacións electrónicas Issuu.com, a través desta ligazón. A inscrición na web, necesaria para poder acceder á Guía, é totalmente gratuíta.
Autor: admin
-
A ‘Guía AGPI 2011’, tamén en Issuu.com
-
Presentación da ‘Guía AGPI Ilustración 2011’
O próximo luns, 16 de maio, ás 20:00 h, terá lugar no Kiosco Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez 3, 15006 A Coruña) a presentación á prensa e ao público xeral da Guía AGPI Ilustración 2011, editada co apoio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.O volume, que continúa o proxecto iniciado en 2008 coa primeira Guía AGPI, inclúe ilustracións de máis dun centenar de ilustradores e ilustradoras da nosa comunidade, e foi enviado xa a máis de duascentas empresas de Galicia e do resto do Estado. Con esta publicación preténdese unha mellor difusión e promoción dos e das profesionais galegos da ilustración.
O acto, que contará coa presenza do presidente da AGPI, Santy Gutiérrez, enmárcase dentro das actividades da Festa do Libro, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina.
A entrada é libre e gratuíta.
-
Ilustración na Festa do Libro da Coruña
O programa da Festa do Libro, que organiza a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e mais a Agrupación de Libreiros da Coruña, contará con diversas actividades relacionadas co mundo da ilustración. Varias delas teñen que ver con socios e socias da AGPI. Así, o domingo 15, ás 18:00 h, Pinturero presentará o volume Rapazas. Las pin-up de Pinturero (Dibbuks), no Kiosko Alfonso; e ás 19:00 h, Mariano Casas asinará exemplares das súas obras A historia xamais contada xamais contada e La mancha negra, no posto das Bibliotecas Municipais na feira da Festa.
O luns 16, ás 18:00 h, Macus Romero terá unha sesión de autógrafos do seu libro Cuentos clásicos para soñar (Editorial Molino), no posto das Bibliotecas Municipais, e ás 19:00 h, no Kiosko Alfonso, Alberto Guitián presentará El Circo Lorza (Ilarión Ediciones). No mesmo lugar, ás 20:00 h, presentarase tamén a Guía AGPI Ilustración 2011.
-
Nova Tertulia AGPI: «Traballar no mercado americano»
Continúa o ciclo «Tertulias AGPI», desenvolvido pola AGPI de forma aperiódica
en diferentes localidades da xeografía galega, co fin de dar a coñecer a
profesión de ilustrador á sociedade e, ao mesmo tempo, fomentar a
relación e o intercambio de información e coñecemento entre os
ilustradores.O próximo xoves 19 de maio, ás 19:00 h na Galería Sargadelos de Santiago (Rúa Nova, 16 15705 Santiago de Compostela), o novo faladoiro recibirá o título de «Traballar no mercado americano», e contará como convidado especial con Fran Bueno, ilustrador galego que desde hai anos colabora con editoriais estadounidenses. O acto está aberto a todo o público interesado, e a entrada é libre e gratuíta.
Para un profesional da ilustración o mercado norteamericano supón, debido ao seu gran tamaño, a oportunidade de conseguir unha boa difusión do seu traballo, e xeralmente con prezos interesantes. Porén, a dificultade de entrar neses ámbitos (o que polo usual obriga a empregar axentes para mediar entre as partes) inclúe ademais usos diferentes aos europeos no que se refire aos dereitos de autor, por exemplo. Das vantaxes e desvantaxes deste mercado falaranos o noso convidado, con base na súa experiencia profesional.
Fran Bueno (Santiago de Compostela, 1967) é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Alterna o seu traballo no mundo da banda deseñada coa ilustración de numerosos libros infantís e xuvenís, e ten feito algunhas incursións na animación. Publicou en revistas como Tótem, Frente Comixario, Elipse, Golfiño, BD Banda e Galimatías, e ten colaborado en materiais institucionais, caso dos seus cómics didácticos para o Consello da Cultura Galega, a Consellería de Medio Ambiente ou a Irmandade Moncho Valcarce. En 2004 publicou en Francia Sales coups sur Strombo na revista Lanfeust (con guión de Pierre Veys), e a partir de entón fixo dezaoito números da serie Noble Causes (guionizada por Jay Faerber), para a editorial estadounidense Image. Actualmente traballa nunha nova serie con Jay Faerber, Graveyard Shift, que está publicando Galimatías baixo o título de Amor Inmortal e que cando teñan rematada publicará tamén Image.
-
Charla de Santy Gutiérrez na Facultade de Belas Artes
Mañá venres, ás 12.00 horas, dentro dun ciclo de charlas profesionalizantes que está a desenvolver a Facultade de Belas Artes de Pontevedra (rúa Maestranza 2, Pontevedra), Santy Gutiérrez e Alberto García, presidente e vicepresidente de AGPI respectivamente, exporán aos alumnos as posibilidades do mundo da ilustración como saída profesional, así como unha panorámica da profesión no ámbito galego.
-
Exposición de David Pintor en favor de Proxecto Home
O hotel compostelán A Quinta da Auga (Paseo da Amaia 23b, Urbanización Brandía, Vidán, 15706 Santiago de Compostela) inaugura, este sábado 14 de maio, unha exposición de ilustracións, debuxos e pinturas do noso socio David Pintor. O acto será ás 20:00 h, no café bar do hotel.Durante a exposición, poranse á venda 300 carteis anunciadores da exposición, numerados e asinados, a un prezo de 25 euros. O propio día da inauguración, poderán levarse ademais dedicados polo artista. O importe recadado cos carteis, e mais o 20% das vendas da exposición, serán entregados como axuda a Proxecto Home Galicia.
A mostra permanecerá aberta ao público ata o 14 de xuño.
-
O presidente de AGPI, entrevistado na TVG
O programa cultural Eirado, que se emite os sábados pola noite no segundo canal da TVG, contou o pasado día 7 cunha entrevista co presidente da nosa asociación, Santy Gutiérrez.Ao longo dos máis de dez minutos de entrevista, o presentador do espazo, Pemón Bouzas, vai debullando o presente e o futuro da ilustración en Galicia a través do traballo dos moitos profesionais dos diversos ámbitos do noso sector.
O vídeo (minuto 00:00 a 12:40) pode verse aquí.
-
Exposición de Rubén Mariño
Durante o mes de maio, a Libraría Endo (rúa Entrepeñas 41 baixo, 15010 A Coruña) ofrece unha exposición do noso socio Rubén Mariño, onde amosa caricaturas e ilustracións da súa creación.
A inauguración, o pasado venres 29, contou coa actuación do grupo musical Los Triguis. Poden verse algunhas fotos aquí.
-
Xa se coñecen os gañadores do Castelao de BD 2011
Onte déronse a coñecer os gañadores do Premio Castelao de BD, que convoca cada ano a Deputación da Coruña e que chegou neste á súa sétima edición. A obra vencedora foi o cómic Titoán, debuxado por Iván Suárez sobre un guión de Ignacio Vilariño. En palabras do presidente do xurado, Miguelanxo Prado, a obra é «unha achega adulta a un personaxe histórico como Castelao, a través dunha narrativa medida e axustada, sen parafernalia efectista». O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora.
O xurado seleccionou como finalista a obra Salpock, o val dos cegos, de Álvaro López Santos e o noso socio Luis Sendón; definiuna como «unha fantasía heroica, unha utopía e unha ucronía en clave de aventura».
A noticia completa na web da deputación coruñesa pode lerse aquí.
-
«Unha ollada natural», en Marín
A exposición «Unha ollada natural», do noso socio Calros Silvar, prosegue a súa andaina por salas do país, e o próximo día 2 de maio será inaugurada no Museo Manuel Torres de Marín, onde permanecerá ata fin de mes.A mostra, como xa se ten comentado en anteriores ocasións, consta de trinta láminas escollidas entre os orixinais das guías de campo editadas con Baía Edicións e doutros libros sobre temas de natureza publicados con Promocións Culturais Galegas e a Editorial Siruela, así como unha escolla de cadernos de campo do autor.