Autor: admin

  • Novo éxito do Encontro Galego de Ilustración


    Foto: Óscar Villán
    Cunha afluencia de arredor de 70 persoas que encheron a sala onde se desenvolvían as actividades, o sábado pola mañá decorreu o décimo Encontro Galego de Ilustración. Á tarde, como estaba previsto, a Asemblea Xeral de Socios votou unha nova directiva —por aclamación, a partir dunha única candidatura—, que presidirá a ilustradora Marina Seoane. E pola noite, a Festa do Décimo Aniversario do Encontro encheu o Cachán Clube de Santiago. Na imaxe, o «Fotomatón» cos presentes no Encontro, tomado como de costume na praza da Quintana compostelá.

    Actualización: Xa están dispoñibles no Flickr da AGPI as fotos da xornada.

  • Carta de despedida de Santy Gutiérrez

    Coa elección da nova directiva da AGPI, Santy Gutiérrez deixa o seu posto de presidente, que ocupou desde 2007; antes (entre 2003 e ese momento) fora tesoureiro da asociación. Esta é a súa carta de despedida:

    Nunca subín ao monte Everest, pero supoño que agora mesmo debo ter a mesma sensación de quen descende despois de facer cumio nun «oito mil».

    Foron anos de esforzo ascendendo, de entrega e de sacrificios, de apuros ás veces, de caídas e incompresións, pero tamén foi moito máis ca iso: facer cumio foi desfrutar do ascenso, aprender mentres camiñaba, mellorar adquirindo experiencia, afrontar retos que semellaban insalvables e superalos, coñecer persoas inesquecibles noutras vías do ascenso, e sobre todo foi unha convivencia con xente extraordinaria, porque facer cumio sempre é un traballo en equipo. E agora á fin, tras máis de seis anos de ascenso á fronte da AGPI, por fin fixen cumio. Sentei a respirar e contemplei todo o que quedaba baixo os meus pés, e a paisaxe é incomparable. Sentei ao lado do estandarte do ollo amarelo e vin a ruta pola que ascendemos; ao meu lado teño persoas coas que me embarcaría en calquera aventura, e vin que o esforzo mereceu a pena.

    E comecei xa o descenso, camiño ao campo base, e dende aí, á casa. Dentro dun tempo contareille ao meu fillo que unha vez estiven á fronte desta expedición, e que grazas ao meu equipo fixen cousas boas e admirables. Mirarei as fotos destes anos e lembrarei cada un dos pasos que din e volverei sentir unha fonda satisfacción por telos dado.

    Agora é a vez doutros. A Asociación queda baixo a tutela de Marina Seoane, magnífica autora, toda experiencia e veteranía, e na do resto da xunta directiva, algúns acabados de incorporar á tarefa e outros xa coñecendo o terreo que pisan. A todos eles lles dou a miña felicitación e o meu ofrecemento a axudar no que consideren necesario. Non pode quedar o testemuño en mellores mans.

    Quero dar as grazas a todos os que pasaron pola directiva da AGPI mentres eu estiven na presidencia; foi grazas ao seu traballo que puido facerse todo o que se fixo nestes anos. Fose isto pouco ou moito (eu penso que moito máis do que eu mesmo esperaba), o certo é que foi todo mérito seu e do seu traballo desinteresado. Non podo nomear a todos os que me axudaron nestes anos porque de seguro que esquecería alguén, pero quero mencionar especialmente a Alberto, sempre ao meu lado na laboriosa tarefa de webmaster, a Almudena, eficacísima secretaria, a Suso Cubeiro, amigo sabio e acertadísimo conselleiro, a José Domingo e Bernal, que decidiron tirar do carro cunha enerxía inusitada cando eu xa estaba canso; a súa incorporación á xunta directiva da AGPI foi decisiva e fundamental. Grazas a todos os demais directivos (a Luis, a Jaime, a Sergio e Hugo, a Ana, a Pintu, a Javi, a Fran, a Sesé, a Xurxo, a Guitián, a Óscar, a Diego, a Idoia, a Sekone, a Quico…; déixome moitos, seino). Non debo nin podo esquecer a Manel Cráneo, de quen recollín o cargo; el foi quen abriu o camiño, quen marcou a senda que os demais percorreriamos despois. Cráneo foi o primeiro home en facer cumio, o Edmund Hillary da AGPI; despois del, foi maís sinxelo. E sobre todo quero agradecer e destacar o labor de Henrique Torreiro, o noso secretario técnico,  imprescindible para que a AGPI funcione como o fai. Insubstituíble, sempre me puxo a cousas fáciles, sempre estivo dispoñible, sempre me liberou das tarefas ingratas, Henrique está sempre. E iso é impagable.

    Ao resto dos socios e socias, quero darvos as grazas por apoiarme e soportarme estes anos: non sempre fixen as cousas ben, teño tendencia á vehemencia verbal, e en ocasións resulto prepotente, algo pesado e certamente un chisco gilipollas. Pídovos perdón se me comportei como tal. E pídovos tamén perdón por non ter conseguido máis das administracións públicas: topei cun muro de incomprensión que me foi difícil de saltar.

    E aproveito xa nesta despedida pública para reclamarlles a estas últimas máis atención ao noso gremio, que foi descoidado de xeito inaceptable. O escaso ou nulo apoio ao noso labor vai en detrimento do patrimonio desta terra; a ilustración gráfica ten fondas raizames na cultura galega, é parte fundamental do noso xeito de expresión: facemos patria por onde vamos e levamos un estandarte de calidade que moitos envexan. E somos un elo fundamental nas industrias editorial e audiovisual propias. A falta de implicación e respecto cara a nós por parte das altas xerarquías políticas e empresariais fan que sexamos un elo débil que sofre de xeito inxustamente desproporcionado; e quero lembrar que se a cadea rompe, rompe toda ela, non só o elo débil, polo que para evitar isto cómpre reforzar ese elo outorgándolle ferramentas legais e fiscais que permitan que poidamos facer o noso traballo dun xeito máis digno e rendible que do que o estamos a facer dende hai décadas. 

    Deixo a presidencia da AGPI, si, pero non a combatividade. Esta profesión tenme dado moito, e só podo devolverlle parte do que me ofrece loitando por ela con todo o amor e paixón que sinto polo meu oficio. Descendo a montaña con algún dedo conxelado de menos, pero cun fondo, profundo e eterno sorriso na alma.

    Grazas e ata sempre!

  • Mañá, en Santiago, X Encontro Galego
    de Ilustración

    Mañá, sábado 26 de outubro, a AGPI organiza o X Encontro Galego de Ilustración. A partir das 10:15 h, no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela), haberá charlas e mesas redondas, coa presenza dos humoristas gráficos Manel Fontdevila, Xaquín Marín e Luís Davila, ademais dunha homenaxe a Suso Cubeiro, que será nomeado socio de honra.

    E pola noite, ás 22:00 h, está tamén prevista a Festa do Décimo Aniversario do Encontro Galego de Ilustración, no pub Cachán Clube (rúa dos Loureiros 16, 15782 Santiago de Compostela). A festa inclúe a presentación do número 2 de Compota de Manatí, un concerto de Banda Aparte, sorteos e concursos. Ambas as dúas actividades son abertas e gratuítas.

    Máis información sobre o Encontro e o seu programa, aquí.

  • Hoxe publícase o primeiro número de
    ‘Pretty Deadly’

    Pretty Deadly, a serie que a nosa socia Emma Ríos preparou con guión de Kelly Sue DeConnick, chega hoxe ás librarías norteamericanas na versión en papel, e en formato dixital á tenda en liña da Image Comics, casa editora.

    A serie, definida como «unha mestura entre o realismo máxico de The Sandman e a brutalidade de Predicador», é unha creación orixinal das dúas autoras, polo que xera dereitos de explotación para ambas (un dato relevante no mercado americano, onde é habitual que ditos dereitos pertenzan só aos guionistas ou á editorial).

    Actualización (24/10/2013): Image Comics anuncia xa a reedición do número 1 de Pretty Deadly, ao esgotarse a primeira tiraxe no propio día de aparición.

  • ‘MitMag’ divulga o vídeo do
    «Combate de Debuxantes»

    A revista dixital  MitMag, que hai uns días presentaba unha reportaxe sobre o «Combate de Debuxantes» organizado pola AGPI o pasado 8 de agosto, compleméntao hoxe cun vídeo, a cargo de Iago González, que resume todo evento en algo máis de 6 minutos.

    Máis información sobre o Combate neste link, e fotos neste.

  • Manel Cráneo ilustra a mitoloxía da Gallaecia
    en ‘Vento e chuvia’

    O noso socio Manel Cráneo é o autor das ilustracións de Vento e chuvia: mitoloxía da antiga Gallaecia, libro de relatos de Manuel Gago, que os define como «a historia dos deuses galaicos, ou sexa, as orixes máis profundas do rico imaxinario da sociedade tradicional galega». O libro, tal e como conta Gago no seu blog, contou cunha gran complicidade por parte de Manel Cráneo, e é resultado dun longo proceso común de «documentación arqueolóxica, viaxes por todo o país» para as localizacións, e debates «interactuando e aprendendo un do outro». Estará á venda nas librarías, editado por Xerais, a partir do 1 de novembro, e a súa presentación será o mércores 30 de outubro, ás 20:30 h, na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, cun espectáculo multimedia baseado na dramatización dalgunhas
    das historias do libro a cargo dos actores Kiko Cadaval, Belén Constenla, Soledad Felloza, Anabel Gago e Avelino González,
    cun viño galego ao finalizar.

    Por outra parte, Demo, o proxecto que desenvolve Manel Cráneo como editor, ten na súa axenda a presentación santiaguesa de Operario, a banda deseñada muda de Jano. Será hoxe, venres 18, ás 18:30 h na Librería Kómic (rúa San Pedro de Mezonzo 34, 15701 Santiago de Compostela).

  • Presentación de ‘Cartas de inverno’
    en Betanzos

    Hoxe, mércores 16, o noso socio Antonio Seijas estará ás 20:00 h a presentar a súa novela gráfica Cartas de inverno —adaptación da obra homónima de Agustín Fernández Paz— na Libraría Biblos (rúa de Santiago 4, 15300 Betanzos, A Coruña). Estará acompañado do editor do libro, Manuel Bragado.

  • Fran Bueno gaña o Premio Castelao de BD

    A Deputación da Coruña deu a coñecer o venres o novo Premio Castelao de Banda Deseñada: a historia Catálogo oneroso de beleza gratuíta, do noso socio Fran Bueno. O premio está dotado con 6500 euros e a edición do libro. O xurado, formado por Miguelanxo Prado, Ángel de la Calle e Carlos Portela, destacou da da obra premiada «a perfección técnica e o desenvolvemento das posibilidades expresivas da historieta, tanto temática como formalmente, o acertado uso da cor e a habilidade para entretecer fíos de humor ao longo do libro», así como a «capacidade estilística impecable e a variedade de recursos gráficos».

    Ademais, quedou como finalista a obra O misterio do Pico Sacro, de Rafael Saldaña.

  • David Rubín anuncia ‘The Rise of Aurora West’

    Ao tempo que deu a coñecer a portada da súa inminente nova novela gráfica, Beowulf —con guión de Santiago García—, o noso socio David Rubín tamén aunciou a súa participación como debuxante dos dous tomos de The Rise of Aurora West, con guión de Paul Pope e J. T. Petty. Trátase dunha precuela da novela gráfica Battling Boy, do propio Paul Pope. Entre os medios que recollen a noticia están Wired e Bleeding Cool, e BoingBoing ofrece ademais unha páxina de adianto. A saída do primeiro dos tomos nos Estados Unidos está prevista para primavera.

    David estará ademais no festival Lucca Comics & Games, entre os días 31 de outubro e 3 de novembro, para presentar L’Eroe 2, a versión en italiano do ata este momento o seu último libro publicado.

  • Décimo Encontro Galego de Ilustración


    Ilustración do cartel: Xaquín Marín

    O Encontro Galego de Ilustración, que organiza cada ano a AGPI, chega o sábado 26 de outubro á súa décima edición, circunstancia que se celebrará con actividades especiais. O lugar do Encontro será, como sucedeu nas anteriores ocasións, o Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela). O título, «Armados de humor», quere pór de relevo a capacidade da profesión para afrontar con filosofía a situación de crise actual, ao tempo que sinala a temática desta edición, o humor gráfico.

    O Encontro propiamente dito será pola mañá, con actividades abertas a todo o público interesado e totalmente gratuítas. Ás 10:15 h farase a presentación oficial, e logo dela comezará unha charla de Manel Fontdevila. Despois dun pequeno catering de café para os presentes, ás 12:00 retomarase a actividade coa mesa redonda «Armados de humor», que contará coa presenza de Xaquín Marín e Luís Davila, e será conducida por Santy Gutiérrez.

    Ás 13:30 farase un acto de homenaxe a Suso Cubeiro, que pola súa traxectoria profesional como pioneiro do sector profesional da ilustración en Galicia e por ser membro fundador e un dos máximos impulsores da AGPI será nomeado socio de honra.

    A mañá terminará co tradicional Fotomatón de todos os presentes, na praza da Quintana. Xa pola tarde decorrerá a partir das 17:00, no Centro Cultural, a Asemblea Xeral, só para os socios da AGPI.

    Finalmente, ás 22:00 h comezará a Festa do Décimo Aniversario do Encontro Galego de Ilustración, que terá lugar no pub Cachán Clube (rúa dos Loureiros 16, 15782 Santiago de Compostela). Nela haberá presentación do novo número do fanzine Compota de Manatí, un concerto do grupo de blues e soul Banda Aparte, sorteos e concursos, ademais de cervexas e descontos nas copas para socios da AGPI. A festa estará aberta a todas as persoas, e a entrada será tamén gratuíta.

    O programa completo do Encontro pode lerse ou descargarse nesta ligazón.