Categoría: agpi

  • Nova sesión do Clube de Debuxo, na piscina do Club do Mar da Coruña

    Nova sesión do Clube de Debuxo, na piscina do Club do Mar da Coruña

    Despois da excelente acollida que tivo o Clube de Debuxo da AGPI na súa primeira edición, na que se asistiu a un ensaio da Sinfónica de Galicia, a iniciativa volve cunha nova cita nun lugar pouco habitual para as sesións de debuxo ao natural. Nesta ocasión, os participantes visitarán a piscina municipal do Club do Mar de San Amaro (paseo do Club do Mar, 1, A Coruña) o 26 de abril, de 19:00 a 20:30. Trátase dunha piscina cuberta e dispón dunha zona de gradas onde acomodarse.

    É unha actividade dirixida a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. Non é preciso ser socio da AGPI e é gratuíta. Para realizar a inscrición, só hai que enviar un correo electróncio ao enderezo correo[arroba]agpi.es, indicando nome completo e número do DNI. O prazo de inscrición estará aberto ata o 25 de abril, e o número de prazas é limitado. As prazas serán adxudicadas por orde de inscrición.

    Os inscritos entrarán ás 19:00 nas intalacións acompañados por unha persoa do Club do Mar; é imprescindible a puntualidade, xa que as persoas que cheguen tarde non poderán acceder á piscina. Recoméndase levar auga e roupa fresca, pois na zona de gradas onde se realizará a sesión vai moita calor.

    O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante para os ilustradores, rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir as experiencias e inquedanzas.

    Cartel anunciador da segunda sesión do Clube de Debuxo, con ilustración de Montse Piñeiro
  • Nace o Clube de Debuxo, cunha sesión coa Orquestra Sinfónica de Galicia

    Nace o Clube de Debuxo, cunha sesión coa Orquestra Sinfónica de Galicia

    A AGPI presenta unha nova actividade periódica: o Clube de Debuxo, que nace coa intención de propoñer reunións para debuxar en lugares insólitos. Trátase de realizar unha práctica interesante con outros compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir experiencias e inquedanzas. O propósito é ofrecer unha cita mensual nun lugar diferente cada vez; aínda que as primeiras sesións de debuxo están programadas para A Coruña, espérase poder estender a programación a outras zonas da xeografía galega.

    Esta primeira cita do Clube de Debuxo será no Palacio da Ópera da Coruña o próximo mércores 27 de marzo, de 19:30 a 22:30, asistindo a un ensaio da Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu coro para debuxar, e desta forma trasladar a mesa de traballo a un lugar inspirador. Todo un luxo ao que poden optar de forma gratuíta ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes. Non é preciso ser socio da AGPI; unicamente inscribirse enviando un correo electrónico a correo[arroba]agpi.es indicando o nome completo e o número do DNI antes do 26 de marzo. O aforo é limitado, e as prazas serán adxudicadas por orde de inscrición.

    As persoas inscritas entrarán no edificio ás 19:30 e serán recibidas polo persoal de produción, que explicará o funcionamento da sesión; posteriormente acomodaranas no patio de butacas. O ensaio da orquestra comezará ás 20:00 con rigorosa puntualidade (as persoas que cheguen tarde non poderán acceder á sala).

    Para non alterar o ensaio, unha vez se acceda á sala non se poderá saír ata o descanso, que se realiza sobre as 21:00. A duración do descanso é de 20 minutos, e nese período de tempo as persoas que o desexen poderán abandonar o edificio; doutra forma, deberán permanecer ata as 22:30, cando termina o ensaio.

    Cartel da primeira sesión do Clube de Debuxo, con ilustración de Bea Lema
  • Dispoñibles os vídeos do Día da Ilustración

    Dispoñibles os vídeos do Día da Ilustración

    O 30 pasado de xaneiro, Día da Ilustración en Galicia, leváronse a cabo diferentes actividades nas bibliotecas públicas de todo o país. Ademais, dentro da MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea) en colaboración coa AGPI e a Consellería de Cultura, desenvolvéronse unha serie de actos na Sede de Afundación en Santiago de Compostela: expúxose un orixinal de Federico Ribas, reproduciuse o vídeo sobre Ribas do Día da Ilustración e puido visitarse un mural realizado pola ilustradora Bea Lema o día 28 de xaneiro. Pode verse aquí un vídeo que serve de resumo de actividades:

    Pola tarde, a mesma sala acolleu dúas charlas sobre ilustración. A primeira, unha pequena disertación do humorista gráfico e estudoso Siro (Siro López), que falou sobre o ilustrador homenaxeado este ano, Federico Ribas Montenegro.  Este vídeo recolle a conferencia completa:

    A outra foi esta mesa redonda cos ilustradores Anabel Colazo, Andrés Magán e Carlos Arrojo, moderados por Bea Lema. O seu título, «O oficio de ilustrar: o que está por vir». Tamén se pode ver íntegra neste vídeo:

  • Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Hoxe presentouse publicamente o programa de actividades do Día da Ilustración 2019. Desde a súa instauración en 2014, o Día da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego.

    O protagonista de 2019 é o vigués Federico Ribas, grande innovador da publicidade, moi célebre no seu momento coas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó. Como parte da homenaxe, realizouse un pequeno vídeo de dous minutos cunha ollada á súa vida e obra, seguindo a serie iniciada en 2017 con Álvaro Cebreiro e continuada en 2018 con Camilo Díaz Baliño. Ademais, a Biblioteca e Arquivo de Galicia inaugura hoxe unha mostra, titulada «Federico Ribas: As liñas da beleza», con obras, publicacións e outros documentos do ilustrador, que poderá visitarse ata o 7 de marzo na sala de exposicións da biblioteca, no complexo do monte Gaiás.

    O cartel anunciador deste ano correu a cargo do ilustrador Santy Gutiérrez, cuxos traballos están ligados a campos tan diversos como o libro, o humor gráfico, a caricatura, a publicidade, a banda deseñada e o deseño téxtil, e que ten colaborado coas máis importantes editoras do país e con empresas como Estrella Galicia, R ou Inditex.

    Actividades do Día da Ilustración na MiiC

    Cartel con ilustración de Federico Ribas
    Cartel con ilustración de Federico Ribas

    Desde hoxe ata o propio Día da Ilustración sucederanse actividades nas diferentes bibliotecas públicas de Galicia, nunha iniciativa á que se suman este ano actividades desenvolvidas en colaboración entre a MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea), Afundación, AGPI e mais a Consellería de Cultura.

    Así, o propio día 30, no vestíbulo da Sede de Afundación en Santiago de Compostela exporase un orixinal de Federico Ribas, reproducirase o vídeo sobre Ribas do Día da Ilustración e haberá un mural realizado pola ilustradora Bea Lema o día 28 de xaneiro. A inauguración desta xornada especial será ás 12:00, e, pola tarde, haberá unha charla e unha mesa redonda sobre ilustración: a partir das 19:00, o ilustrador e estudoso Siro (Siro López) pronunciará unha breve conferencia co título «Federico Ribas Montenegro». A iso das 20:00, baixo o título de «O oficio de ilustrar: o que está por vir» reuniranse nunha mesa redonda, en conversa sobre ilustración e banda deseñada, os autores Anabel Colazo, Andrés Magán e Carlos Arrojo, moderados por Bea Lema. Son todas elas actividades con entrada libre e gratuíta.

    Ademais, por primeira vez unha entidade súmase por iniciativa propia á celebración: o Club de Prensa de Ferrol organiza, na Biblioteca Municipal desa cidade, unha charla e proxeccións sobre ilustración: proxectarán o vídeo do Día da Ilustración sobre Federico Ribas, ademais dunha serie de obras deste autor, e o ilustrador Leandro Lamas conversará coa xornalista Puri Rodríguez Calvo sobre o creativo publicitario e sobre a importancia da ilustración. Será tamén o 30 de xaneiro, ás 20:00, con entrada libre. Deste xeito, pouco a pouco a celebración do Día da Ilustración vai estendéndose, e os promotores do Día confían en que en cada edición haxa un maior número de entidades e localidades involucradas.

    O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Toda a información sobre esta e as pasadas edicións pode encontrarse na web diadailustracion.gal.

    • Noticia do Día da Ilustración na web da Xunta de Galicia

    • Especial sobre o Día da Ilustración (con entrevistas a Alberto Guitián, Bea Lema e Santy Gutiérrez) no programa ‘Diario Cultural’ da Radio Galega (30/1/2019)

    • Vídeos das actividades do Día da Ilustración na MiiC

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez

  • MARIA RIUS, PREMIO NACIONAL DE ILUSTRACIÓN 2018

    MARIA RIUS, PREMIO NACIONAL DE ILUSTRACIÓN 2018

    Onte fíxose público que a ilustradora Maria Rius é a galardoada co Premio Nacional de Ilustración correspondente a 2018. O premio concédeo de forma anual o Ministerio de Cultura e Deporte, co obxectivo de «recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por un ilustrador español no ámbito do libro e das letras españolas», e conta cunha dotación económica de 20.000 euros.

    O xurado escolleu a Rius «pola súa extensísima traxectoria, pola atemporalidade da súa obra, polo carácter sereno da súa ilustración, sempre en diálogo co texto e, finalmente, pola súa implicación co colectivo de ilustradores».

    Nacida en 1938 en Sant Pere de Riudebitlles (Barcelona), estudou Debuxo e Escultura na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona, e despois grafismo na Kunstwerkschule de Münster (Alemaña) e deseño na Kunstgeberweschule de Berna (Suíza). Foi fundadora e presidenta da Associació Professional d’Il·lustradors de Catalunya (APIC), e tamén cofundadora do Consell Català del Llibre Infantil i Juvenil. Ten colaborado con diversas revistas infantís, cabeceiras de xornais e editoriais, e conta na súa bibliografía con máis de 370 títulos, algúns dos cales teñen sido publicados nunha vintena de países. Entre os galardóns que ten merecido o seu traballo están o Premio Lazarillo de Ilustración (1968), o Premio CCEI (1971 e 1974), o Premio da Crítica Serra d’Or (1979 e 1981), o Premio de Ilustración da Generalitat de Catalunya (1983) e o Premio Junceda de Honor en 2008.

    O xurado, presidido polo subdirector adxunto de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, David García Rivas, estivo composto por Sonia Pulido (proposta pola APIC), Núria Tamarit (pola APIV), Patricia Metola (pola APIM), Marta Álvarez (pola AGPI); Elisabeth Pérez (por Euskal Irudigileak), Violeta Lópiz (pola FADIP), Agurtzane Villate (pola OEPLI), Araceli Pereda Alonso (pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando); Amparo Serrano de Haro Soriano (polo Centro de Estudios de Género da UNED), Eva Vázquez Merino (designada polo ministro de Cultura e Deporte), e mais o premiado en 2016, Javier Sáez Castán.

    Capa dun dos libros de Maria Rius

  • O Encontro Galego de Ilustración chega ás 15 edicións

    O Encontro Galego de Ilustración chega ás 15 edicións

    Este ano, o Encontro Galego de Ilustración, que organiza anualmente a AGPI, alcanza a súa edición número 15, e ofrece máis contidos e actividades de interese tanto para profesionais como para o público xeral. O groso das actividades decorrerá na Unitaria (o venres 28) e no Auditorio de Galicia (o sábado 29).

    Convidados de relevancia internacional

    Os convidados principais deste ano son tres nomes de grande relevancia dentro do panorama actual da ilustración: Ana Galvañ, Juan Díaz-Faes e Miguel Gallardo.

    Ana Galvañ, murciana afincada en Madrid, ten realizado traballos de ilustración e cartelería para empresas e institucións como Lonely Planet, Unicef ou Matadero Madrid. É unha das autoras de cómics máis interesantes e innovadoras da actualidade, e o seu libro Pulse enter para continuar está a piques de publicarse no mercado estadounidense da man da prestixiosa editora Fantagraphics.

    O asturiano Juan Díaz-Faes é un ilustrador multidisciplinar, especializado en deseño de estampados téxtiles e ilustración de produto. Colabora en revistas como Yorokobu ou Ling e ten traballado para marcas como Vodafone ou Ikea. É coautor de varios libros, como Treinteenagers, con Carlos G. Miranda (Lunwerg), ou Cien pelis para ver y darle al coco, con Borja Crespo (Yorokubu).

    Pola súa parte, a longa traxectoria do catalán Miguel Gallardo está ligada nos seus comezos á lendaria revista El Víbora, na que creou personaxes tan icónicos como Makoki ou El Niñato. Despois ten acadado unha sólida traxectoria internacional como ilustrador editorial, colaborando con medios como New Yorker ou Herald Tribune (que lle teñen valido dous premios da Society of Newspaper Design). En 2007 publicou a novela gráfica María y yo, que narra as súas experiencias coa súa filla con autismo. O libro, de grande éxito, foi adaptado posteriormente ao cinema, e en 2015 tivo unha continuación, María cumple 20 años.

    Un programa atractivo

    O venres 28 a Unitaria (Calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela) acolle dúas actividades: un obradoiro de ilustración a cargo de Miguel Gallardo —co irónico título de «Eu non sei debuxar»— e unha nova sesión da Ilustranoite, formato en que unha decena de ilustradores e ilustradoras de Galicia presentarán os seus proxectos de xeito áxil, ameno e moi visual. Participarán nesta ocasión Maru Astray, Víctor Boullón, Nuria Díaz, Tomás Guerrero, Komorebi, María Lapido, Miss Hope, Ness, Venditti e Dani Xove.

    O sábado 29, pola mañá e e pola tarde no Auditorio de Galicia (Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela), e coa ilustradora Laura Pato (Le Petit Patito) como mestra de cerimonias, terán lugar as charlas de Galvañ, Díaz-Faes e Gallardo. Ademais, haberá un panel de experiencias en que os galegos Pilar Marcó, Xurxo G. Penalta e David Pazos falarán da súa visión como ilustradores para a industria téxtil galega.

    Xa pola noite, nun local da cidade vella de Santiago que se revelará o propio sábado, está organizada unha Festa fin de Encontro cunha Sesión DJ ilustrada; contará con música a cargo do DJ Bluemouse e proxeccións de debuxos realizado en directo por Dani Xove, Manel Cráneo e Alberto Guitián, entre outros.

    Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta, agás o obradoiro, que precisa dunha inscrición previa de 15 euros (5 euros no caso dos socios da AGPI). Toda a información pode consultarse aquí.

    O Encontro conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, que cede a sala do Auditorio de Galicia, e co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

    15 edicións do Encontro

    Desde 2004, o Encontro Galego de Ilustración trae a Galicia ilustradores e ilustradoras de primeiro nivel internacional, sen esquecer os grandes nomes da ilustración galega.

    Esta cita dá cabida a todas as áreas existentes dentro da profesión, desde o mundo editorial ata o da animación, pasando pola publicidade ou os medios dixitais. Polo Encontro teñen pasado autores do talle de Ajubel, Algarabía Animación, Horacio Altuna, Arnal Ballester, Xosé Cobas, Suso Cubeiro, Luís Davila, Cristina Durán, Manel Fontdevila, Forges, Sagar Forniés, Giovanna Lopalco, Xan López Domínguez, Mar Malota, Xaquín Marín, Ignacio F. Maroto (Bambinomonkey), Max, Elena Odriozola, Carlos Ortín, Puño, Raúl, Julián Romero, David Rubín, Siro, Alberto Taracido, María Luisa Torcida, Alberto Vázquez ou Xosé Vizoso.

    O Encontro ten tratado, ademais, temas clave para a profesión como os dereitos de autor, a situación económica do sector, os cambios nos modelos de negocio ou o impacto das novas tecnoloxías. Temas debatidos e analizados por especialistas procedentes de organizacións e ámbitos moi diversos: axencias de ilustración, avogados, entidades de xestión, editoriais, asociacións sectoriais…

    Catorce anos despois, a ilustración está moito máis normalizada na nosa paisaxe cultural. O Encontro busca agora dar un paso adiante como cita pioneira en Galicia para os profesionais e os amantes da ilustración gráfica.

  • Gran presenza galega no Viñetas desde o Atlántico

    Gran presenza galega no Viñetas desde o Atlántico

    Os nosos socios Emma Ríos, David Rubín e Xosé Tomás están entre os autores protagonistas da nova edición do festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, que se desenvolverá na Coruña entre o 6 e o 12 de agosto. Entre as exposicións do festival tamén estará a relativa á novela gráfica O corpo de Cristo (Premio Castelao 2017), da nosa socia Bea Lema.

    Os outros autores confirmados para este ano son o tamén galego Tirso Cons, Belén Ortega, Ángel de la Calle, Cristina Durán e Miguel Ángel Giner Bou, José Luis Munuera, Josep Homs, Mamen Moreu e José Ramón Sánchez, un clásico da ilustración española que nos últimos meses presentou a adaptación á banda deseñada da novela Moby Dick.

    A AGPI contará, como vén sendo habitual, cun posto dentro da feira do cómic («Rúa da BD»), situada tamén nos xardíns de Méndez Núñez. Nel poderase acceder a publicacións da asociación e tamén a obras producidas polos nosos socios.

    Cartel a cargo de José Luis Munuera

  • Campaña «Price It Right»

    Campaña «Price It Right»

    Price It Right é unha campaña coordinada polo European Illustrators Forum (EIF) que pretende concienciar e apoiar os profesionais da ilustración e os seus clientes á hora de negociar o seu traballo e poñerlle prezo. Na campaña colaboran todas as asociacións membro —que representan arredor de 12.000 ilustradores e ilustradoras de toda Europa—, entre elas as que compoñen FADIP, como a AGPI.

    A campaña busca ser beneficiosa tanto para ilustradores como para clientes. Presenta testemuños de profesionais recoñecidos do mundo da ilustración —como Mar Hernánez Malota, Xan López Domínguez ou a editora Marion Duc—, anima os ilustradores a compartiren nas redes sociais estas reflexións e as súas propias, dá algúns consellos e recursos para a negociación dos traballos de ilustración e propón participar nunha enquisa que servirá para valorar en toda Europa o estado da cuestión.

    Price It Right, que se desenvolverá ata marzo de 2019, ten como precedente diversas campañas en contra do traballo gratuíto, que se dá moitas veces en forma de «traballo especulativo» na actualidade, e vai un paso más alá, buscando concienciar a todos os sectores implicados da necesidade de prezos xustos e negociacións transparentes, como garantía da propia perdurabilidade da actividade da ilustración. Pode accederse a todos os materiais da campaña en galego, incluída a enquisa, aquí. E tamén en castelán, nestoutra ligazón da FADIP.

  • AGPI e FADIP apoian a iniciativa ‘Creative Fair Play’

    AGPI e FADIP apoian a iniciativa ‘Creative Fair Play’

    A iniciativa Creative Fair Play, promovida polas entidades belgas do mundo do deseño Flanders DC e Creative Network, presenta un breve compendio de boas prácticas dirixidas ao sector creativo en todos os seus ámbitos, entre eles o da ilustración. Desde onte, a web suma ás súas versións en neerlandés, francés e inglés tamén unha en español, coa tradución proporcionada por FADIP.

    AGPI e FADIP están así entre a vintena de organizacións internacionais que apoian esta iniciativa, que busca que exista «xogo limpo» no sector ao tratar con profesionais creativos independentes, propondo  boas prácticas que involucren as dúas partes pero especialmente dirixidas a concienciar os empresarios da necesidade de ter en conta as condicións de traballo e os dereitos de autor, e de fuxir das prácticas especulativas e os falsos concursos, entre outras cuestións, nunha onda similar ao promovido pola AGPI desde a súa Guía Ninja do Ilustrador. As boas prácticas están presentadas de forma moi concisa e complementadas por ilustracións de Charlotte Dumortier. Ademais de na web, o compendio de boas prácticas pode lerse en formato PDF.

    Calquera profesional da ilustración pode apoiar tamén a iniciativa incluíndo na súa páxina web o logotipo de Creative Fair Play, que se pode descargar libremente desde aquí.

  • Ilustración no Salón do Libro de Pontevedra

    Ilustración no Salón do Libro de Pontevedra

    O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que inaugura hoxe a súa décimo novena edición, incluirá mañá as I Xornadas Profesionais de Ilustración. Trátase dun encontro de profesionais de ilustración de Galicia e México —en diálogo cos demais axentes do sector do libro (editorial, libreiro, da distribución e da creación literaria)— onde se analizará a situación actual da profesión e do mercado do libro ilustrado.

    Participarán, entre outros, Kiko Da Silva (ilustrador e director da escola O Garaxe Hermético), Víctor Rivas (Ilustrador, socio de Gálix), Sergio Covelo (ilustrador, presidente da AGPI), as ilustradoras mexicanas Cecilia Rébora, Valeria Gallo e Amanda Mijangos, a editora e presidenta do Comité de Libros Infantiles y Juveniles de México Itxel Delgado, os editores Malores Villanueva e Ismael Ramos (Galaxia) e Andrea Jamardo e David Cortizo (Urco), e mais o libreiro Cano Paz da Libraría Paz.

    Será na sala VIP do Pazo da Cultura de Pontevedra, de 11:00 a 14:00, e para participar precísase inscrición previa.

    Como é habitual no Salón de Pontevedra, acollerá outras moitas actividades de ilustración, como obradoiros e presentacións, ata o día 29 de abril. O programa completo pode verse na súa web.