Categoría: agpi

  • Falece Forges

    Falece Forges

    Antonio Fraguas Forges faleceu esta madrugada en Madrid. Humorista gráfico, a súa obra estendeu a todo tipo de medios impresos (diarios como Pueblo, Diario 16, El Mundo ou El País, e revistas como Hermano Lobo, Interviú ou El Jueves) e ao audiovisual, onde dirixiu longametraxes e series de televisión. A súa gran preocupación pola reivindicación dos dereitos dos ilustradores levouno a ser un firme defensor das asociacións profesionais —por exemplo, durante anos foi tamén socio da AGPI—, e así formou parte en 2008 da Comisión de Profesionais do Observatorio da Ilustración Gráfica, que asesorou as publicacións Informe 2008, Los retos de la era digital e Nuevo libro blanco de la Ilustración Gráfica en España. Nos últimos tempos representou os ilustradores na Plataforma Seguir Creando, en defensa dos dereitos dos autores tras a xubilación.

    A AGPI, xunto co resto das asociacións profesionais de ilustradores, lamenta esta gran perda e únese á dor da súa familia e os seus amigos.

  • Día da Ilustración 2018

    Día da Ilustración 2018

    Desde 2014, ano en que a Xunta de Galicia introduciu a data no seu Calendario do libro e a lectura, a coincidir co aniversario do nacemento de Castelao, o 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración.

    Para impulsar a conmemoración deste día, a AGPI e mais a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxeron en marcha unha web específica, www.diadailustracion.gal, desde a que se pode acceder aos principais recursos vinculados coa data. Entre eles, un breve vídeo producido pola AGPI sobre o ilustrador histórico homenaxeado este ano, Camilo Díaz Baliño (1889-1936), que ademais é o protagonista dunha exposición na Biblioteca e Arquivo de Galicia, visitable ata o 7 de marzo.

    O programa do Día da Ilustración inclúe diversas actividades desenvolvidas nas bibliotecas das principais cidades galegas, como talleres de cómic e ilustración, cursos e exposicións, e foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da AGPI, Sergio Covelo; Xosé Díaz, neto de Camilo Díaz Baliño; Alberto Guitián, membro da directiva da AGPI, e Minia Regos, autora da imaxe que ilustra o cartel da edición deste ano.

  • XIV Encontro Galego de Ilustración

    XIV Encontro Galego de Ilustración

    O sábado 28 de outubro terá lugar o XIV ENCONTRO GALEGO DE ILUSTRACIÓN, que, como cada ano, organiza a AGPI, na sede Afundación de Santiago (rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela)

    As actividades matinais son abertas a todo o público interesado, e completamente gratuítas.

     

    :::::::::: PROGRAMACIÓN MAÑÁ ::::::::::

    · 10:00 RECEPCIÓN

    · 10:30 PRESENTACIÓN OFICIAL DO ENCONTRO

    · 10:40 PRESENTACIÓN DA NOVA WEB DE AGPI

    · 11:00 AVENTURAS E DESVENTURAS (da profesión do ilustrador) Mar Malota contaranos unha serie de reflexións acerca da profesión do ilustrador desde o seu punto de vista e baseadas na súa experiencia como ilustradora profesional.

    ·········· 12:30 DESCANSO ··········

    · 13:00 CANDO A ILUSTRACIÓN ATOPA O CINEMA Giovanna Lopalco falará do proceso de creación nun filme de animación, de como a linguaxe da ilustración e dun ilustrador se adapta a outro medio, como é o cinema.

    · 14:00 FOTOMATÓN (Foto grupal da man de Óscar Villán)

    :::::::::: PROGRAMACIÓN TARDE :::::::::: (exclusivo socixs)

    · 14:30 XANTAR DE CONFRATERNIZACIÓN (con inscrición previa) RESTAURANTE O AFIADOR, rúa de San Pedro, 28

    · 17:00 ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS DA AGPI
    Sede Afundación (rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela)

    · 19:00 FINALIZACIÓN DA ASEMBLEA

  • AGPI no festival Viñetas desde o Atlántico 2017

    AGPI no festival Viñetas desde o Atlántico 2017

    Como é habitual, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración contará cunha caseta dentro da «Rúa da BD», a feira do festival internacional da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, que decorre na Coruña desde hoxe ata o domingo 13 de agosto. En concreto, trátase da caseta número 23, e nela poderanse encontrar as publicacións da asociación, e tamén láminas, publicacións e outros produtos de ilustración aplicada a cargo de diversos socios e socias da AGPI.

    Cartel a cargo de DasPastoras

  • A Guía Ninja no MiiC

    A Guía Ninja no MiiC

    A Guía Ninja da AGPI participa na MiiC (Mostra internacional de ilustración Contemporánea), que terá lugar de marzo a xuño do 2107.

    Esta mostra está comisariada por Matilde Rodríguez, e é a primeira mostra internacional de ilustración celebrada en Galicia. Unha panorámica de proxectos e autores innovadores (tanto galegos, estatais como internacionais) dentro da ilustración contemporánea.

    Entre os proxectos e autores que se amosan, a parte da Guía Ninja están: Cinta Arribas / Carlos Arrojo / Arnal Ballester / Gary Baseman / Los Bravú / Marina Capdevila / Eme / Cristóbal Fortúnez / Ilustradores a la mesa / IlustraDots / José Ja Ja Ja / Jano / Martin Jarrie / Martín López Lam / Pepe Medina / Sergio Mora / Nobrow / Sara Pazos / David Sierra / Alberto Vázquez

    Inaugúrase o próximo martes 21 de marzo ás 20:00 h no Auditorio de Galicia (Avda. do Burgo das Nacións – Santiago de Compostela)