Autor: admin

  • Novas presentacións de ‘Punto de fuga’

    Punto de fuga, a primeira novela gráfica de Miguel Cuba, presentarase hoxe e mañá en Pontevedra e Vigo, respectivamente. Hoxe, ás 18:00 h, na Libraría Paz (rúa Peregrina 29, 36001 Pontevedra), e mañá sábado, á mesma hora, na Libraría Banda Deseñada (rúa Cataluña 27, 36206 Vigo).

  • ‘Cabana de Balieiros’ preséntase na FNAC da Coruña

    A novela gráfica Cabana de Balieiros, asinada por Tokio, será presentada mañá xoves no Fórum da FNAC (Mercado Eusebio da Guarda, praza de Lugo s/n, 15004 A Coruña). A charla será ás 19:30 h, e estará apoiada cunha proxección de imaxes do proceso de creación da obra, ademais do tráiler promocional, que tamén se pode ver nesta ligazón.

  • Carta aberta ás institucións públicas galegas

    Estimados responsables dos departamentos de Cultura das diferentes administracións públicas de Galicia:

    A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración quere denunciar publicamente a situación de esquecemento e desatención que está a sufrir o medio gráfico, especialmente as especialidades que competen á nosa asociación profesional, a ilustración e a banda deseñada, por parte das administracións públicas.

    Coñecemos perfectamente o difícil momento da economía actual e sabemos dos argumentos a favor dos recortes orzamentarios, mais non por iso podemos deixar de lamentar profundamente que sexa á cultura a quen primeiro e con maior despreocupación se lle apliquen ditos recortes.

    Preocúpanos a paulatina desaparición dos xa de partida escasos apoios específicos á ilustración e a BD nestes últimos tempos. En 2010 anunciouse publicamente por parte da Xunta de Galicia un orzamento de 600.000 euros destinado á banda deseñada a través de diversos medios: axudas directas a editoriais, compras a librarías, fornecemento do fondo das bibliotecas, actividades de fomento da lectura, axudas á creación, etc. Polo que sabemos, nunca se chegou a investir esa cantidade de diñeiro, xa que a maior parte deses plans non se levaron a cabo. Un dos investimentos que si nos consta que se fixo nese momento foi o das bolsas á creación de BD, pero naceron con graves deficiencias nas súas bases, polo que en 2011 ían transformarse nuns premios de novela gráfica profesional que corrixiría eses defectos. Non obstante, esta nova convocatoria non chegou a cristalizar, e quedou orfo este espazo que noutras comunidades autónomas si está atendido.

    Temos aínda o prestixioso premio Castelao de BD da Deputación de Coruña, o único de nivel profesional e o que ten a maior dotación económica de Galicia, mais xa se están a escoitar propostas para recortalo, de forma que a convocatoria sexa bienal en troques de anual como ata o de agora. Isto empobrecería considerablemente o panorama do cómic galego.

    Xa á altura do derradeiro terzo deste ano, aínda non se convocou o certame Xuventude Crea da Xunta de Galicia, que abrangue a banda deseñada, entre outras moitas disciplinas artísticas, e constituíu ata o momento un importante apoio para os novos creadores. Todo parece indicar que este ano non se convocará, aínda que non hai ningunha comunicación oficial ao respecto, que saibamos.

    Do que acabamos de ter noticia é da cancelación das convocatorias de subvención da Xunta a asociacións culturais, ás que esta asociación que presido se presentaba para tentar de acadar financiamento para desenvolver as súas actividades a prol da ilustración gráfica galega e do seu colectivo profesional.
    Desde AGPI consideramos que todas estas desatencións están a depauperar considerablemente o xa exiguo caldo de cultivo da creación gráfica en Galicia. Se é triste que non xurdan novos e necesarios premios, concursos e axudas, máis o é que desaparezan os xa existentes.

    A ilustración e a BD son manifestacións e industrias culturais que contaron en Galicia con importantes figuras no pasado —sobra mencionar a Castelao, Seoane, Maside, Cebreiro…—, que tamén na actualidade contan con destacados profesionais de todas as disciplinas a traballar en ámbitos nacionais e internacionais, e con constantes recoñecementos pola súa obra. É preciso continuar cimentando as bases, xerando cultura  protexendo aos creadores, construíndo pontes entre o seu traballo e o público que gozará, aprenderá, sentirá, rirá, chorará, lembrará ou se ilusionará coas súas creacións.

    Na AGPI queremos que esta carta sirva para recordarlles a todos vostedes que estamos aquí, que seguimos creando e que con apoios ou sen eles a ilustración galega seguirá na primeira liña da creación, polo que lles pedimos que non se esquezan desta disciplina artística e dediquen os seus esforzos nestes tempos difíciles a apoiala.

    Santiago Gutiérrez,
    Presidente da AGPI

  • David Rubín, Premio da Crítica ao mellor debuxante

    David Rubín obtivo esta fin de semana o Premio da Crítica ao mellor debuxante nacional pola súa obra El héroe. Os Premios da Crítica son outorgados cada ano pola revista Dolmen de acordo coa votación de críticos relacionados con medios de comunicación especializados en banda deseñada. A entrega tivo lugar na clausura da décimo sexta edición das Jornadas Internacionales del Cómic «Villa de Avilés».

    Os outros premiados foron: Rajko Milosevic-Guéra (como mellor debuxante estranxeiro por Scalped), Jason Aaron (como mellor guionista estranxeiro por Scalped), Paco Roca (como mellor guionista nacional por El invierno del dibujante), Scalped (como mellor obra estranxeira), El invierno del dibujante (como mellor obra nacional), 100 años de Bruguera (como mellor obra teórica), Carmine Infantino (premio a toda unha carreira na categoría de autores estranxeiros) e Esteban Maroto (premio a toda unha carreira na categoría nacional).

  • Presentación de ‘Cabana de Balieiros’ na libraría Kómic

    Mañá, ás 18:00 h, o noso socio Tokio presentará a súa novela gráfica Cabana de Balieiros, historia de acción e aventuras ambientada na Costa da Morte durante o século XIX. Será na libraría Kómic (rúa San Pedro de Mezonzo 34, 15701 Santiago de Compostela).

    Cabana de Balieiros está publicada por Demo, a mesma casa que edita a versión galega da obra de Brais Rodríguez A man do diaño; precisamente esta obra será presentada tamén mañá, ás 20:00 h, na libraría Alita Cómics (rúa Orzán 110 B, 15003 A Coruña).

  • Presentación de ‘A man do diaño’ na FNAC

    Hoxe, ás 19:30, no Fórum da FNAC (Mercado Eusebio da Guarda, praza de Lugo s/n, 15004 A Coruña), presentarase o álbum de BD A man do diaño, escrito e debuxado polo noso socio Brais Rodríguez.

    A man do diaño gañou o Premio de Banda Deseñada Castelao 2010, organizado pola Deputación da Coruña, e está publicado en galego por Demo Editorial e en castelán por Astiberri Ediciones.

  • Exposición ‘Ex.Popi.Tuni’

    Os nosos socios Pelucas e Rigal (Nando Vázquez) inauguran hoxe, venres 26, ás 21:00, a exposición Ex.Popi.Tuni. Pilas vs. Rigal.

    A cita é en La Moreneta (Doutor Cadaval 5 —Colexio de Arquitectos—, 36202 Vigo).

  • Exposición ‘Rapazas’, de Pinturero

    Mañá, venres 12 de agosto, ás 22:00, inaugúrase a exposición Rapazas. Las pin-up de Pinturero, que mostra as ilustracións recollidas no libro homónimo de Pinturero, editado recentemente por Dibbuks.

    Será na galería As Lagoas (Paseo Marítimo 9-baixo dereita, 15011 A Coruña), e poderá visitarse ata o día 27 deste mes.

  • Actividades na «Rúa da BD» do Viñetas desde o Atlántico

    Ao igual que en edicións anteriores, a AGPI dispón dun posto dentro da «Rúa da BD», a feira do cómic do festival Viñetas desde o Atlántico, que comeza esta mesma tarde. Será no stand n.º 30, e nel poderase encontrar información sobre a asociación e as súas actividades, así como adquirir as súas publicacións.

    A «Rúa da BD» conta cun programa específico de actividades e presentacións nunha carpa habilitada na feira. Así, mañá martes, ás 12:00 h, a ilustradora e arquitecta Ana Amado presenta o cómic Barreira 13, con guión do tamén arquitecto José Antonio Padrón. Ás 13:00 h será o acto de presentación do DVD da curtametraxe Radiografía dun autor de tebeos, o documental acerca de David Rubín.

    O mércores, ás 12:00, haberá un obradoiro de debuxo con José Domingo; ás 13:00, a presentación da novela gráfica Punto de fuga, de Miguel Cuba; ás 13:30, por último, presentarase o número 32 da revista Retranca e mais a revista infantil Fiz.

    Polo que respecta ao programa previsto para o xoves, será presentado o proxecto de Cangrejo Rojo Cómics, a partir das 12:30 h, así como o segundo volume da serie Gárgolas, ás 13:00.

    O venres, ás 12:30, terá  lugar a presentación do álbum A man do diaño, de Brais Rodríguez, nas súas versións galega e castelá, e ás 13:00 h a de Lois Pereiro: breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano.

    Na fin de semana, o sábado 14 está programado un novo obradoiro de debuxo con José Domingo, ás 12:00; a presentación do álbum Cabana de Balieiros, de Tokio, ás 13:00; e a das novidades do colectivo Polaqia ás 13:30. Pola tarde, ás 18:30, haberá unha charla coloquio sobre Tintín con Antonio Altarriba e Pedro Rey. O domingo, finalmente, desenvolverase unha «xornada de achegamento ao manga» con diversas actividades, que comezarán ás 12:00 coa charla coloquio «O manga, algo máis que un cómic», a cargo do colectivo Kuro Usagi.

  • Exposición da novela gráfica ‘Punto de fuga’

    Mañá, mércores 27 de xullo, ás 20:30, será inaugurada a mostra de pranchas orixinais e algúns debuxos inéditos de Punto de fuga, a primeira novela gráfica de Miguel Cuba. O lugar é a galería 9the13 (rúa Tabernas 9-baixo, 15001 A Coruña), onde estará ata o día 6 de agosto. [Actualización: a duración da exposición foi ampliada ata o próximo día 3 de setembro.]

    Punto de fuga sairá á venda coincidindo co festival Viñetas desde o Atlántico, da man de Demo Editorial.