O noso socio Nando Vázquez, Nan.Vaz, e mais Pelucas inauguran un mural mañá venres ás 20.00 horas, no Bizarre Bar (rúa dos Irmandiños 11, 36201 Vigo).
No blog de Nan.Vaz poden verse fotos do proceso de creación do mural e dos resultados.
O noso socio Nando Vázquez, Nan.Vaz, e mais Pelucas inauguran un mural mañá venres ás 20.00 horas, no Bizarre Bar (rúa dos Irmandiños 11, 36201 Vigo).
No blog de Nan.Vaz poden verse fotos do proceso de creación do mural e dos resultados.
A última obra de José Domingo, Aventuras de un oficinista japonés, será presentada mañá, venres 17, ás 18:00 h, na libraría Kómic (rúa San Pedro de Mezonzo 34, 15701 Santiago de Compostela).
David Rubín será o mestre de cerimonias do acto.
Segundo informa o noso socio Manel Cráneo, está en marcha unha curtametraxe de animación ambientada no Planeta Mincha, o mesmo lugar en que transcorren os libros infantís da súa serie Diario de Pichük. O filme, realizado en animación 2D, está producido por Mondotropo en colaboración con Demo Editorial.
O condutor do filme será Pichük, protagonista da serie de libros infantís, e tamén da novela gráfica Destino Hergüss, que será publicada este mesmo ano. No blog de Manel pode verse unha figura modelada do personaxe —a cargo de Laura Cubeiro—, preparada para o estudo de volumes do proceso de animación.
Este venres, 17 de febreiro, ás 20:00 h, a libraría Alita Cómics (rúa do Orzán 110 B, 15003 A Coruña) acollerá a presentación das dúas derradeiras publicacións do extinto colectivo Polaqia: Sólo tinta, o sketchbook de Alberto Guitián, e 3 × 1, de Jano e Ricardo Mena. O acto contará coa presenza de Jano e Guitián, que asinarán exemplares ao público presente.
Un niño no xardín (trailer) de Gabriel Prada en Vimeo.
A nosa socia Ánxeles Ferrer encargouse das ilustracións do libro de poemas Un niño no xardín, escrito por Xoán Neira. O volume será editado por Xerais na súa colección Sopa de Libros, mais agora aparece xa o booktrailer, elaborado con música de Gabriel Prada e montaxe audiovisual de Gonzalo Lomba.
Mañá, venres 10 de febreiro, o Instituto Cervantes de Utrecht (Países Baixos) contará cun taller sobre novela gráfica a cargo dos nosos socios David Rubín e José Domingo.
Neste taller, ensinarán a un grupo de alumnos do Comenius College de Hilversum a crear a súa propia novela gráfica, analizando o proceso que vai desde o guión ata o bosquexo.
Ata o día 12 de febreiro pódese visitar en Arteixo a exposición de pranchas do álbum Sen mirar atrás, do noso socio Dani Montero. A novela gráfica foi vencedora do V Premio de Banda Deseñada Castelao, e está dispoñible en galego e castelán (editada por Demo Editorial) e mais en alemán (por Edition52).
A mostra está na sala de exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo (Paseo Fluvial s/n, 15142 Arteixo) en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 h de luns a venres, e de 10:30 a 14:00 h os sábados.
A web especializada en BD Entrecomics publicou hoxe a lista dos seus premios anuais, que se veñen desenvolvendo desde 2009 con crecente participación e interese. Os premios de Entrecomics son concedidos por elección popular, e este ano foron 292 os participantes na votación.
Na categoría «Mellor cómic nacional» o vencedor foi este ano El héroe – Libro uno, de David Rubín; o segundo posto ocúpao Aventuras de un oficinista japonés, de José Domingo —que ademais tamén está no terceiro posto na categoría de «Cómic mellor editado»—, e o noveno posto, Las fabulosas crónicas del Ratón Taciturno, de Martín Romero.
A categoría «Mellor cómic nacional publicado en catalán, éuscaro ou galego», o primeiro posto foi para A man do diaño, de Brais Rodríguez, e o terceiro para Lois Pereiro. Breve encontro, de Jacobo Fernández Serrano.
Finalmente, o terceiro posto da categoría «Mellor humorista gráfico en prensa» é tamén para un socio da AGPI: trátase de Forges, que xa foi premiado na mesma categoría en 2009.
A primeira novela gráfica do noso socio Martín Romero, resultado dunha bolsa outorgada por AlhóndigaBilbao e desenvolvida na Maison des Auteurs de Angoulême, leva xa unhas semanas nas tendas e será presentada agora publicamente en dúas librarías galegas.
Deste xeito, os primeiros actos de lanzamento de Las fabulosas crónicas del Ratón Taciturno terán lugar, por unha parte, o próximo venres 3 de febreiro, ás 18:00, na libraría Kómic (rúa San Pedro de Mezonzo 34, 15701 Santiago de Compostela), e por outra o sábado 4 de febreiro, ás 20:00, na libraría Alita Comics (rúa do Orzán 110 B, 15003 A Coruña). Cada presentación irá seguida dunha sesión de sinaturas para o público presente.
Actualización (2/2/12): Debido a un imprevisto, a presentación da Coruña en Alita quedou aprazada para o sábado 11 de febreiro, á mesma hora.
A coruñesa residente en Barcelona Pilar Marcó Padín foi escollida como gañadora da novena edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, convocado pola Deputación de Ourense e dotado con 3000 euros e a publicación da obra. O orixinal sobre o que se debían presentar as ilustracións é obra de Celia Díaz Núñez, gañadora da primeira fase do certame, sobre textos literarios. O xurado considerou que as ilustracións «conforman un traballo harmónico, contemporáneo e cun grande atractivo plástico».