Mañá, sábado 15, o noso socio Fran Jaraba falará sobre a súa novela gráfica División Azul na Biblioteca Pública Central de Vigo (rúa de Joaquín Yánez 6, 36202 Vigo). A charla será ás 12:30 h, con entrada libre.
Autor: admin
-
Chega o décimo quinto
Salón do Libro de Pontevedra
Mañá, 14 de marzo, comezará no Pazo da Cultura (rúa de Alexandre Bóveda, 36005 Pontevedra) o décimo quinto Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, baixo o lema «Cociñando contos». As súas actividades estenderanse ata o próximo 5 de abril.A autora do cartel desta edición é a nosa socia Pirusca, e no programa figuran tamén varias actividades ligadas coa ilustración, como os obradoiros «A cociñar historias» (do 17 ao 24 de marzo) ou «Decoración de galletas cos Megatoxos» (24 de marzo), ambos os dous a cargo do noso socio Anxo Fariña, ou a exposición dos seleccionados do Premio Europeo «Cociña de contos», gañado por Iratxe López de Munáin.
Este Salón do Libro inclúe ademais unha colaboración innovadora coa AGPI: o proxecto «Almorzos ilustrados», consistente na distribución de manteis ilustrados creados polos nosos socios Aida Alonso, Alberto García Ariza e Iago Araújo. Estes manteis están repartidos nos establecementos hostaleiros da rúa Real pontevedresa (Vetula Ponte, Pintxo Viño, Creperie Cre-Cotte, Barbol, La Estafeta, O Forniño e PonteTapas).
O programa completo pode lerse aquí (PDF, 1,14 MB).
-
As tiras de ‘Thom’, recompiladas nun libro
A serie Thom, do noso socio Andrés Meixide, ten xa un libro que recolle unha selección das súas tiras diarias. Nacida inicialmente nas páxinas da revista Golfiño, contara cunha edición en forma de álbum daquelas páxinas e foi despois recuperada, ata hoxe, como tira de BD para o xornal La Voz de Galicia. Agora é a editorial madrileña Reino de Cordelia a encargada de publicar unha escolma desta época actual. Así, o libro Thom vén prologado polos humoristas gráficos Gallego & Rey, e é o segundo volume da colección «Los tebeos de Cordelia», que comezou hai poucos meses cun auténtico clásico das tiras de prensa: Little Sammy Sneeze, de Winsor McCay.
-
Presentación de ‘La luz’, de Antonio Seijas
A última novela gráfica do noso socio Antonio Seijas, titulada La luz, tivo xa o seu primeiro lanzamento o pasado día 8 en Ferrol, e este venres, día 14, será presentada na libraría Madrid Cómics (c/ Silva 17, 28004 Madrid), ás 19:30 h.A obra está prologada polo estudoso dos cómics Álvaro Pons, e pode verse un adianto das súas páxinas neste vídeo.
Tamén en Madrid, mañá, día 12, Antonio Seijas abre unha exposición das súas ilustracións para discos, ademais doutras imaxes persoais. Será en Ramsés (plaza de la Independencia 4, 28001 Madrid), e a inauguración, entre as 20:00 e as 23:30 h, contará con petiscos e a actuación de DJ Goya.
-
Exposicións de Miguel Fernández
e Alberto Guitián en Lugo
Mañá, sábado 8, serán inauguradas dúas mostras no MIHL — Museo Interactivo da Historia de Lugo (Parque da Milagrosa, Av. Infanta Elena, 27297 Lugo), dentro do ciclo de exposicións de artistas lugueses «8MIHL». Os nosos socios Miguel Fernández e Alberto Guitián serán os seus respectivos protagonistas: o primeiro, cunha exposición de orixinais de cómic, e o segundo, cunha monográfica do seu libro ilustrado El Circo Lorza. Ambas poderán visitarse ata o día 22 de marzo. Xusto o día despois, inaugurarase no mesmo lugar a exposición doutro socio noso, Leandro, con traballos de humor gráfico.
-
O Premio Castelao de Banda Deseñada
volve ser anualA convocatoria aparecida no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do pasado 20 de febreiro confirma, sen máis aclaracións por parte da Deputación da Coruña, que a convocatoria do Premio Castelao de Banda Deseñada volveu ser anual, despois de ter sido anunciada a súa condición de bienal, e non ter sido convocado en 2012 e si en 2013.
Os regulamentos desta nova convocatoria, que ten de prazo ata o próximo 4 de abril, poden lerse aquí.
-
David Rubín presenta ‘Las tripas de El héroe’
Esta tarde, ás 19:00 h, terá lugar en Kómic Librería (rúa San Pedro de Mezonzo 34, 15701 Santiago de Compostela) a presentación do libro Las tripas de El héroe — Edición integral del arte a lápiz, vol. 1, que como o seu nome indica recolle a versión a lapis da totalidade das páxinas do primeiro libro de El héroe, do noso socio David Rubín.É só unha das noticias en relación a David, xa que a editorial Astiberri anunciou para marzo a segunda edición do seu libro Beowulf (con guión de Santiago García), dado que os 4000 exemplares da primeira están practicamente esgotados; por se fose pouco, David está xa a terminar o primeiro volume de Battling Boy: The Rise of Aurora West (con guión de Paul Pope e J. T. Petty), e mostra no seu blog o proceso de creación dunha das páxinas.
-
Alberto Guitián imparte un taller sobre
novela gráfica
O noso socio Alberto Guitián será o encargado de impartir, os xoves do mes de marzo, un «Taller de novela gráfica ou cómic» no Centro Sociocultural Fundación Novacaixagalicia da Coruña (rúa Cantón Grande s/n, 15003 A Coruña). O obradoiro está dirixido a persoas de máis de 18 anos —con ou sen coñecementos previos de debuxo ou narrativa secuencial—, e
ten como obxectivo achegar os participantes ao cómic «como forma de “escritura visual” que nos
permite narrar calquera historia ou experiencia», e profundizar na súa linguaxe e explorar «as conexións da novela gráfica contemporánea con campos como a narrativa literaria, o ensaio ou o documental».
A duración total do taller será de 8 horas, divididas en catro sesións, e ten un custo de inscrición de 40 euros. -
‘A las cinco de la tarde’, xa nas librarías

A las cinco de la tarde é o título da nova novela gráfica do escritor e xornalista Manolo López Poy e o noso socio Miguel Fernández; trátase da terceira obra xuntos, despois de Mamed Casanova: o fillo da furia (2010) e Os días do cometa (2013).
Este novo libro trata sobre a vida dun toureiro, e constitúe unha viaxe por varias décadas da historia de España. A las cinco de la tarde está considerada a primeira novela gráfica ambientada no mundo dos touros, e está publicada de forma simultánea en castelán, alemán, italiano e francés, co título de Matador.
Pode verse un avance da obra no comunicado de novidades da editora, Diábolo Ediciones.
-
Preséntase un libro sobre a historia da
ilustración científica en Galicia
Hoxe preséntase en Santiago de Compostela o libro Arte e ciencia en Galicia. A ilustración científica e técnica, do profesor Francisco Díaz-Fierros. O libro reivindica a importancia crucial da ilustración gráfica para o avance histórico do saber científico. Segundo o autor, a presenza da ilustración nas obras técnicas e de ciencia consegue «a mellor
comprensión polo efecto combinado das palabras e as imaxes, sen que sexa
fácil moitas veces distinguir cal das dúas formas de comunicación —verbal e visual— é o apoio da outra».Neste artigo de La Voz de Galicia pode obterse máis información e algúns dos exemplos de ilustración científica galega incluídos no volume.