Categoría: eventos

  • Nova sesión do Clube de Debuxo: Debuxo de modelo

    Nova sesión do Clube de Debuxo: Debuxo de modelo

    Chega a terceira edición do Clube de Debuxo organizado pola AGPI. Despois do éxito das sesións realizadas nun ensaio da Sinfónica de Galicia e na piscina do Club do Mar da Coruña —poden verse algunhas imaxes neste vídeo—, a nova cita ofrecerá a oportunidade de debuxar cun modelo en vivo para practicar o debuxo do natural, na Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27, 15001 A Coruña) o próximo venres 7 de xuño, de 19:00 a 21:00.

    Coa intención de que os asistentes realicen un debuxo áxil, as poses do modelo serán curtas (de entre un e dez minutos). Haberá cadeiras para quen queira, pero recoméndase moverse pola sala.

    A actividade, novamente, está dirixida a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. Cada asistente debe traer o seu material. Para participar, como nas ocasións anteriores, non é preciso ser socio da AGPI. A inscrición é gratuíta, e só é preciso enviar un e-mail a correo[arroba]agpi.es indicando nome completo e DNI. O prazo de inscrición remata o día 6 de xuño. O aforo é limitado, e as prazas serán adxudicadas por orde de inscrición.

    O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante, en lugares pouco habituais, rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir experiencias e inquedanzas. Vénse levando a cabo cunha cadencia mensual, de momento na cidade da Coruña, pero co propósito de ir estendendo a actividade no futuro a outras localidades da xeografía galega.

    Cartel da terceira sesión do Clube de Debuxo, cunha ilustración de Luis Seoane
  • RuarteFest 2019, así non!

    RuarteFest 2019, así non!

    — ACTUALIZACIÓN 2 — Desde AGPI queremos anunciar que estamos en conversacións cos artistas participantes e coa Concellaría de Medio Ambiente para intentar mellorar na medida do posible esta convocatoria, xa que existen xestións administrativas que a estas alturas non permiten modificar as condicións tanto como nos gustaría. Ademais, desde a concellaría convidóusenos, tanto á asociación como aos artistas participantes no RuarteFest, a unha reunión posterior ao evento para avaliar as problemáticas e para sentar as bases de futuros proxectos.


    — ACTUALIZACIÓN — Queremos puntualizar que o que estamos a reclamar son unhas bases xustas para a convocatoria RuarteFest, pero que a iniciativa Ruarte, que leva meses en activo, é unha iniciativa remunerada de forma xusta, na que participaron diferentes profesionais, e que celebramos positivamente. Ademais queremos recalcar que isto non é un problema dun partido en concreto, senón que son gobernos de todas as cores, en todo o territorio español, os que incorren en iniciativas con bases inxustas e que desfavorecen os sectores creativos. Por iso parécenos inxusto utilizar esta situación como arma electoral e rexeitamos calquera uso electoralista desta iniciativa que xorde da AGPI.

    — —

    Ante a falta de resposta por parte do Concello e da empresa que xestiona este evento, vémonos na obriga de emitir este comunicado público, co fin de desaconsellar a participación neste tipo de convocatorias, que por desgraza se dan en moitos lugares do territorio español e abranguen tamén outros eidos creativos. Ademais, consultamos con profesionais e colectivos do sector do muralismo, que nos deron o seu apoio para facer público este texto.

    Desde a AGPI celebramos a iniciativa Ruarte da Concellaría de Medio Ambiente do Concello da Coruña, destinada a mellorar espazos urbanos degradados da cidade a través da creación visual e a arte urbana.

    Non obstante, consideramos que, dentro da iniciativa Ruarte, a convocatoria RuarteFest ten unhas bases que supoñen un prexuízo para o noso colectivo profesional, xa que teñen un carácter especulativo que non podemos obviar e que pensamos que debería ser revisado.

    Tal e como se formulan as bases, todos os creadores participantes deben proxectar e realizar unha proposta de intervención urbana. Destas propostas, só tres serán premiadas con dotación económica, que ademais cremos que non se adecúa ao traballo realizado. Desde a asociación consideramos que todas as propostas seleccionadas teñen que ser remuneradas. Do contrario, Ruarte baséase no traballo gratuíto, de forma que precariza a nosa profesión.

    Consideramos moito máis atinada a designación directa e remunerada de creadores /as concretos para intervir espazos concretos. Entendemos que os orzamentos necesarios para un enfoque así precisarían ser moito maiores, pero cremos que, se non se conta con recursos suficientes para executar unha proposta en condicións dignas para todos os axentes participantes, o positivo é entón facer proxectos máis pequenos, adaptándoos ás posibilidades existentes.

    De ser unha iniciativa de carácter afeccionado ou social deberíase convocar de maneira moi diferente, sen utilizar un vídeo promocional con traballos de artistas profesionais ou sen incluír espazos privados como os dos locais comerciais.

    En todo caso, tendemos a man para que o Concello da Coruña, e outras entidades públicas e privadas, nos teñan en conta á hora proxectar e redactar as bases de futuras convocatorias, co fin de que as iniciativas relacionadas coa ilustración non prexudiquen os profesionais e teñan as mellores condicións posibles.

  • Axudas da Xunta para a asistencia a feiras do libro

    Axudas da Xunta para a asistencia a feiras do libro

    Ata o día 29 de maio está aberto o prazo da convocatoria para a concesión de «subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nos festivais e nas feiras internacionais do sector do libro que teñan lugar en 2019». Esta convocatoria permite cubrir os gastos de viaxe e aloxamento a un único festival ou feira do libro internacional anual por persoa beneficiaria. As axudas serven tanto para as feiras e os festivais xa realizados en 2019 (Angoulême, Boloña…) como para os que se vaian levar a cabo no que queda de ano.

    Os gastos subvencionables teñen que ser gastos estritamente necesarios (non se admiten tampouco os de manutención), e non poden superar os 600 euros en caso de feiras situadas na Unión Europea ou os 1500 euros nos das situadas fóra dela. Os gastos deben estar facturados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro de 2019.

    As persoas interesadas deberán presentar unha memoria xustificativa da necesidade e motivación da asistencia á feira ou ao festival internacional solicitado (pode ser unha feira xa visitada en 2019, como Boloña), declaración xurada da exención do IAE (ou certificado desa exención), copia da alta en autónomos e documentación en que conste o ISBN e o depósito legal dos libros publicados nos tres últimos anos.

    Cada persoa pode solicitar axuda para a asistencia a un único festival ou feira internacional e beneficiarse dunha única axuda. Os beneficiarios, para percibiren a subvención, deberán acreditar a realización dos gastos subvencionados e xustificar a totalidade do orzamento. En caso de festivais xa visitados en 2019, o prazo para a xustificación (unha vez concedida a axuda) será de dez días hábiles desde a data de aceptación da axuda; no caso de festivais que vaian acontecer posteriormente este ano, será de dez días hábiles desde o remate do festival en cuestión.

    Para xustificar haberá que entregar: unha copia do certificado de asistencia á feria ou ao festival emitido pola entidade organizadora ou un xustificante oficial da entrada á feira da persoa beneficiaria; unha memoria das actividades levadas a cabo en relación coa finalidade da subvención; unha relación clasificada dos gastos (identificando o acredor, o documento de gasto ou factura, o importe, a data de emisión e a data de pagamento), e xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (salvo en gastos menores de 1000 euros, que poderán ser en metálico e deberán figurar así na factura).

    Toda a información pode consultarse na orde publicada no DOG, e os formularios e anexos oficiais poden descargarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

    Posto da Xunta de Galicia na Feira de Boloña 2019 (foto: Xunta de Galicia)
  • II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia

    II Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia

    Esta mañá presentouse a segunda edición do Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia, que se desenvolverá en Lugo os días 25 de abril e 4 e 5 de maio. O encontro inclúe actividades para os amantes da historia, do debuxo e do cómic; segundo os seus organizadores, «contribúe a poñer en valor a importancia desta disciplina artística e, especialmente, a calidade de profesionais galegos».

    Está organizado por Demo Editorial e polo portal web Historia de Galicia, e conta coa colaboración da AGPI, entre outras entidades. O programa inclúe entre as súas actividades charlas, unha clase maxistral de ilustración, un obradoiro de debuxo para nenos e un roteiro histórico.

    Hoxe, xoves 25 de abril, o Encontro comeza cunha clase maxistral sobre cor dixital, da man do ilustrador Javi Montes, que traballa como colorista para as principais editoriais de cómic dos mercados americano e franco-belga, como Marvel, DC, Dargaud ou Le Lombard. Será ás 17:00, na Escola de Arte Ramón Falcón.

    A fin de semana do 4 e 5 de maio, o programa continuará con sesións teóricas, conferencias e obradoiros prácticos sobre banda deseñada histórica. O sábado 4 de maio, ás 10:00, organízase unha ruta histórica polo Lugo romano coa especialista en historia Lidia de la Fuente. A partir das 11:00, no CENTRAD, haberá un obradoiro para nenos impartido por Víctor Boullón; nel poderán aprender as principais técnicas da ilustración histórica (as inscricións poden realizarse nesta web). Ás 13:00, os autores participantes no Encontro asinarán libros na Librería Tótem.

    Na tarde do sábado, a sala central do CENTRAD acollerá varias conferencias e mesas redondas. Miguel Fernández falará ás 17:30 sobre banda deseñada ambientada na Galicia medieval; Manel Craneo, ás 18:30, acerca da banda deseñada histórica en Galicia; e Javi Montes e José Barreiro disertarán ás 19:30 sobre a banda deseñada histórica no mercado europeo.

    Como remate desta programación, o 5 de maio, ás 12:00 na Sala Clavicémbalo, proxectaranse filmes de ficción e documentais sobre banda deseñada e haberá unha sesión de contacontos históricos da man do actor e contacontos Avelino González.

    Cartel do Encontro, a cargo de Manel Cráneo
  • Nova sesión do Clube de Debuxo, na piscina do Club do Mar da Coruña

    Nova sesión do Clube de Debuxo, na piscina do Club do Mar da Coruña

    Despois da excelente acollida que tivo o Clube de Debuxo da AGPI na súa primeira edición, na que se asistiu a un ensaio da Sinfónica de Galicia, a iniciativa volve cunha nova cita nun lugar pouco habitual para as sesións de debuxo ao natural. Nesta ocasión, os participantes visitarán a piscina municipal do Club do Mar de San Amaro (paseo do Club do Mar, 1, A Coruña) o 26 de abril, de 19:00 a 20:30. Trátase dunha piscina cuberta e dispón dunha zona de gradas onde acomodarse.

    É unha actividade dirixida a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. Non é preciso ser socio da AGPI e é gratuíta. Para realizar a inscrición, só hai que enviar un correo electróncio ao enderezo correo[arroba]agpi.es, indicando nome completo e número do DNI. O prazo de inscrición estará aberto ata o 25 de abril, e o número de prazas é limitado. As prazas serán adxudicadas por orde de inscrición.

    Os inscritos entrarán ás 19:00 nas intalacións acompañados por unha persoa do Club do Mar; é imprescindible a puntualidade, xa que as persoas que cheguen tarde non poderán acceder á piscina. Recoméndase levar auga e roupa fresca, pois na zona de gradas onde se realizará a sesión vai moita calor.

    O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante para os ilustradores, rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir as experiencias e inquedanzas.

    Cartel anunciador da segunda sesión do Clube de Debuxo, con ilustración de Montse Piñeiro
  • Nace o Clube de Debuxo, cunha sesión coa Orquestra Sinfónica de Galicia

    Nace o Clube de Debuxo, cunha sesión coa Orquestra Sinfónica de Galicia

    A AGPI presenta unha nova actividade periódica: o Clube de Debuxo, que nace coa intención de propoñer reunións para debuxar en lugares insólitos. Trátase de realizar unha práctica interesante con outros compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir experiencias e inquedanzas. O propósito é ofrecer unha cita mensual nun lugar diferente cada vez; aínda que as primeiras sesións de debuxo están programadas para A Coruña, espérase poder estender a programación a outras zonas da xeografía galega.

    Esta primeira cita do Clube de Debuxo será no Palacio da Ópera da Coruña o próximo mércores 27 de marzo, de 19:30 a 22:30, asistindo a un ensaio da Orquestra Sinfónica de Galicia e o seu coro para debuxar, e desta forma trasladar a mesa de traballo a un lugar inspirador. Todo un luxo ao que poden optar de forma gratuíta ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes. Non é preciso ser socio da AGPI; unicamente inscribirse enviando un correo electrónico a correo[arroba]agpi.es indicando o nome completo e o número do DNI antes do 26 de marzo. O aforo é limitado, e as prazas serán adxudicadas por orde de inscrición.

    As persoas inscritas entrarán no edificio ás 19:30 e serán recibidas polo persoal de produción, que explicará o funcionamento da sesión; posteriormente acomodaranas no patio de butacas. O ensaio da orquestra comezará ás 20:00 con rigorosa puntualidade (as persoas que cheguen tarde non poderán acceder á sala).

    Para non alterar o ensaio, unha vez se acceda á sala non se poderá saír ata o descanso, que se realiza sobre as 21:00. A duración do descanso é de 20 minutos, e nese período de tempo as persoas que o desexen poderán abandonar o edificio; doutra forma, deberán permanecer ata as 22:30, cando termina o ensaio.

    Cartel da primeira sesión do Clube de Debuxo, con ilustración de Bea Lema
  • Dispoñibles os vídeos do Día da Ilustración

    Dispoñibles os vídeos do Día da Ilustración

    O 30 pasado de xaneiro, Día da Ilustración en Galicia, leváronse a cabo diferentes actividades nas bibliotecas públicas de todo o país. Ademais, dentro da MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea) en colaboración coa AGPI e a Consellería de Cultura, desenvolvéronse unha serie de actos na Sede de Afundación en Santiago de Compostela: expúxose un orixinal de Federico Ribas, reproduciuse o vídeo sobre Ribas do Día da Ilustración e puido visitarse un mural realizado pola ilustradora Bea Lema o día 28 de xaneiro. Pode verse aquí un vídeo que serve de resumo de actividades:

    Pola tarde, a mesma sala acolleu dúas charlas sobre ilustración. A primeira, unha pequena disertación do humorista gráfico e estudoso Siro (Siro López), que falou sobre o ilustrador homenaxeado este ano, Federico Ribas Montenegro.  Este vídeo recolle a conferencia completa:

    A outra foi esta mesa redonda cos ilustradores Anabel Colazo, Andrés Magán e Carlos Arrojo, moderados por Bea Lema. O seu título, «O oficio de ilustrar: o que está por vir». Tamén se pode ver íntegra neste vídeo:

  • Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Hoxe presentouse publicamente o programa de actividades do Día da Ilustración 2019. Desde a súa instauración en 2014, o Día da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego.

    O protagonista de 2019 é o vigués Federico Ribas, grande innovador da publicidade, moi célebre no seu momento coas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó. Como parte da homenaxe, realizouse un pequeno vídeo de dous minutos cunha ollada á súa vida e obra, seguindo a serie iniciada en 2017 con Álvaro Cebreiro e continuada en 2018 con Camilo Díaz Baliño. Ademais, a Biblioteca e Arquivo de Galicia inaugura hoxe unha mostra, titulada «Federico Ribas: As liñas da beleza», con obras, publicacións e outros documentos do ilustrador, que poderá visitarse ata o 7 de marzo na sala de exposicións da biblioteca, no complexo do monte Gaiás.

    O cartel anunciador deste ano correu a cargo do ilustrador Santy Gutiérrez, cuxos traballos están ligados a campos tan diversos como o libro, o humor gráfico, a caricatura, a publicidade, a banda deseñada e o deseño téxtil, e que ten colaborado coas máis importantes editoras do país e con empresas como Estrella Galicia, R ou Inditex.

    Actividades do Día da Ilustración na MiiC

    Cartel con ilustración de Federico Ribas
    Cartel con ilustración de Federico Ribas

    Desde hoxe ata o propio Día da Ilustración sucederanse actividades nas diferentes bibliotecas públicas de Galicia, nunha iniciativa á que se suman este ano actividades desenvolvidas en colaboración entre a MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea), Afundación, AGPI e mais a Consellería de Cultura.

    Así, o propio día 30, no vestíbulo da Sede de Afundación en Santiago de Compostela exporase un orixinal de Federico Ribas, reproducirase o vídeo sobre Ribas do Día da Ilustración e haberá un mural realizado pola ilustradora Bea Lema o día 28 de xaneiro. A inauguración desta xornada especial será ás 12:00, e, pola tarde, haberá unha charla e unha mesa redonda sobre ilustración: a partir das 19:00, o ilustrador e estudoso Siro (Siro López) pronunciará unha breve conferencia co título «Federico Ribas Montenegro». A iso das 20:00, baixo o título de «O oficio de ilustrar: o que está por vir» reuniranse nunha mesa redonda, en conversa sobre ilustración e banda deseñada, os autores Anabel Colazo, Andrés Magán e Carlos Arrojo, moderados por Bea Lema. Son todas elas actividades con entrada libre e gratuíta.

    Ademais, por primeira vez unha entidade súmase por iniciativa propia á celebración: o Club de Prensa de Ferrol organiza, na Biblioteca Municipal desa cidade, unha charla e proxeccións sobre ilustración: proxectarán o vídeo do Día da Ilustración sobre Federico Ribas, ademais dunha serie de obras deste autor, e o ilustrador Leandro Lamas conversará coa xornalista Puri Rodríguez Calvo sobre o creativo publicitario e sobre a importancia da ilustración. Será tamén o 30 de xaneiro, ás 20:00, con entrada libre. Deste xeito, pouco a pouco a celebración do Día da Ilustración vai estendéndose, e os promotores do Día confían en que en cada edición haxa un maior número de entidades e localidades involucradas.

    O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Toda a información sobre esta e as pasadas edicións pode encontrarse na web diadailustracion.gal.

    • Noticia do Día da Ilustración na web da Xunta de Galicia

    • Especial sobre o Día da Ilustración (con entrevistas a Alberto Guitián, Bea Lema e Santy Gutiérrez) no programa ‘Diario Cultural’ da Radio Galega (30/1/2019)

    • Vídeos das actividades do Día da Ilustración na MiiC

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez

  • Terceiro Allariz Debuxado

    Terceiro Allariz Debuxado

    A terceira edición de Allariz Debuxado, Festival da Arte da Ilustración, decorrerá nesta vila ourensá na última fin de semana de xaneiro.

    A primeira parte do festival decorrerá no Fogar dos Maiores. Así, o venres 25 de xaneiro, ás 12:30, será o momento da presentacion das xornadas, a cargo de César Lorenzo, director de Aira Editorial. O programa comezará, ás 13:00, cunha charla a cargo de Javier Olivares, títulada «Intermundos. Crónicas de mil viaxes entre a historieta e a ilustración». Pola tarde, ás 17:00, a primeira conferencia será de Miguel Ángel Giner Bou, «Guión e narrativa gráfica: claves para contar unha historia»; ás 19:00 darase paso a outra disertación, de Cristina Durán e o propio Giner Bou, baixo o título «O cómic como ferramenta de transformación social».

    Pola noite, ás 23:30, o espectáculo de música e humor Branca & Tinta terá como escenario o Café Cultural Roi Xordo.

    O sábado ás 12:00 abrirase a II Feira da Creación —definida como «feira de ilustración, deseño, edición e outras creatividades»—, que se poderá visitar durante todo o día no Espazo BenComún. O programa da feira incluirá micropresentacións de proxectos (ata o día 18 de xaneiro está aínda aberto o prazo de inscrición de participantes nesas micropresentacións; máis información, nesta ligazón), e ás 13:00 a presentación do proxecto Nimales a cargo de Miki Pluviam.

    Pola tarde, no Fogar dos Maiores ás 17:00, os editores de Kalandraka Manuela Rodríguez e Xosé Ballesteros impartirán unha charla acerca da historia do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.

    Como actividade complementaria, o festival contará coa exposición «11 anos de Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado», na Galería Circular.

    Cartel a cargo de Miguel Robledo
    Cartel a cargo de Miguel Robledo

  • Segunda edición da MiiC

    Segunda edición da MiiC

    Desde o 4 de decembro e ata o 10 de marzo, na Sede Afundación de Santiago de Compostela desenvólvese a segunda edición da MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea). A MiiC é unha exposición colectiva, comisariada por Matilde Rodríguez, que reúne proxectos ilustrados que buscan «compoñer unha fotografía do panorama actual na ilustración a nivel mundial».

    As máis de 200 pezas que compoñen a exposición articúlanse arredor de 19 proxectos ilustrados —16 individuais e 3 colectivos—, que poñen o foco nas creacións máis persoais de artistas que se manifestan a través dunha das ramas da comunicación máis libres e creativas.

    Na MiiC poden verse obras de Christoph Niemann, María Hesse, Brosmind, Helena Pérez García (autora do cartel desta edición),  Lara Lars, Malota & Bestiola, Luisa Rivera, Sonia Pulido, Sara Landeta, Iria do Castelo, Iria Fafián, Héctor Francesch, a nosa socia Bea Lema, Nuria Figueiredo, Pelo di Cane (Giovanna Lopalco) e Réka Bucsi.

    Conta ademais cunha sección dedicada aos premiados no ELCAF (East London Comic Arts Festival), outra a videoclips ilustrados e mais outra á ilustración en Abanca, con traballo feito por varios artistas galegos para as campañas de publicidade da entidade.