Categoría: eventos

  • Taller con Jesús Cisneros no Día da Ilustración

    Taller con Jesús Cisneros no Día da Ilustración

    Coincidindo coa celebración do Día da Ilustración 2020 —da que en breve daremos máis información—, a AGPI terá un convidado de luxo, grazas ao patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo. O ilustrador Jesús Cisneros estará os días 29 e 30 na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña: o mércores día 29 dará unha charla sobre a súa obra, con entrada libre e gratuíta; o xoves 30, impartirá un Taller de máscaras, tamén gratuíto, pero para o que é necesaria inscrición. En ambos os casos, trátase dunha oportunidade única de ver e escoitar este artista.

    O taller, que decorrerá entre as 16:00 e as 20:00, precisa de inscrición mediante este formulario. As prazas son limitadas e serán otorgadas por orde de inscrición. Os asistentes deberán traer o seu propio material: tinta chinesa, pinceis (fino, medio, groso), pintura vermella (gouache ou acrílico); papel A4, de 100 g (30 follas por alumno).

    Jesús Cisneros naceu en Zaragoza en 1969. Formouse na súa cidade natal e estudou ilustración na escola de artes, e historia da arte na universidade. A súa obra caracterízase pola economía de elementos, os trazos sinxelos de carácter practicamente minimalista e unha breve selección de cores para dar vida a ilustracións moi evocadoras. A sensibilidade e a técnica mestúranse nas ilustracións de Cisneros, demostrando que poden contarse grandes historias con moi pouco.

  • Sesión do Clube de Debuxo nun ensaio de danza

    Sesión do Clube de Debuxo nun ensaio de danza

    Para pechar o ano, o Clube de Debuxo ten a proposta de debuxar durante un ensaio da compañía de danza Kor’sia, coincidindo co seu paso pola Coruña. Será este sábado, 21 de decembro, de 18:00 a 19:30, no Teatro Rosalía de Castro, onde a compañía interpretará a peza The Lamb ás 20:30. 

    Kor’sia está formada polos coreógrafos e bailaríns Antonio de Rosa e Mattia Russo, ex-bailaríns da Compañía Nacional, e o dramaturgo Giuseppe Dagostino. Son un colectivo que inspira as súas creacións no cinema, a fotografía, a literatura e a escultura. A compañía ten sede en Madrid e son residentes no Centro Danza Canal desde 2017. O espectáculo conta cun elenco de 8 persoas, 3 bailaríns e 5 bailarinas.

    Esta actividade é posible grazas a colaboración entre a AGPI e o proxecto de Programación Expandida do TRCDanza, un programa de mediación cultural vencellado á programación de danza do Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

    A sesión, como todas as do Clube de Debuxo, está dirixida a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. Non é preciso ser socio da AGPI e é gratuíta. Para realizar a inscrición, só hai que cubrir este formulario en liña. O prazo de inscrición remata o 20 de decembro. O número de prazas é limitado, e serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición.

    É a sétima sesión do Clube, que naceu coa intención de realizar unha práctica interesante con outros compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir experiencias e inquedanzas. Durante o 2019 asistiuse a un ensaio da Sinfónica de Galicia, á piscina municipal do Club do Mar da Coruña e ao Mercado da Verdura de Vilagarcía, e organizáronse diferentes sesións con modelo en vivo dentro da Fundación Luis Seoane. A asistencia sempre foi moi alta, e poder asistir ao ensaio de Kor’sia no Teatro Rosalía de Castro é un auténtico broche de ouro para este magnífico ano. 

    Como non podía ser doutra maneira, tamén se anima a todos a asistir posteriormente ao espectáculo. Con toda seguridade, vivir a peza desde dentro e desde fóra resultará unha experiencia incrible.

  • O Clube de Debuxo chega a Vilagarcía

    O Clube de Debuxo chega a Vilagarcía

    O Clube de Debuxo organizado pola AGPI sae por vez primeira da cidade da Coruña para citar todos os ilustradores interesados no debuxo en vivo na Praza da Verdura de Vilagarcía de Arousa. Será o próximo sábado, 9 de novembro, de 11:00 a 13:00, coincidindo co mercado da verdura que alí se desenvolve semana tras semana, considerado a derradeira «praza das verduras» (lugar de venda directa dos produtos hortícolas por parte das súas labradoras) que se pode encontrar en Galicia. A queda de ilustradores prodúcese co acordo da Asociación de Vendedoras de Produtos Hortícolas da Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa, e a situación supón unha nova oportunidade para debuxar en directo unha actividade sumamente viva e chea de colorido.

    A sesión, como todas as do Clube de Debuxo, está dirixida a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. Nesta ocasión, a actividade é completamente gratuíta e non precisa inscrición. Calquera persoa interesada só ten que presentarse, co seu material de debuxo favorito, na primeira porta da Praza da Verdura de Vilagarcía (rúa Alexandre Bóveda, 9, 36600 Vilagarcía de Arousa).

    Trátase da sexta sesión do Clube de Debuxo, que naceu coa intención de realizar unha práctica interesante de ilustración con outros compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir experiencias e inquedanzas. Ata o de agora, todas as sesións foron situadas na cidade da Coruña (en lugares tan diversos como un ensaio da Sinfónica de Galicia, a piscina municipal do Club do Mar da Coruña ou con modelos en vivo dentro da Fundación Luis Seoane), mais a intención é que este sexa a primeira de moitas en localizacións de diferentes zonas de Galicia.

    Ilustración de Augusto Metztli
  • Nova sesión do Clube de Debuxo, con debuxo de modelo

    Nova sesión do Clube de Debuxo, con debuxo de modelo

    A cita de outubro do Clube de Debuxo adopta por cuarta vez a forma de sesión de debuxo con modelo en vivo na Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27, 15001 A Coruña). Será o venres 25 de outubro, de 19:00 a 21:00. 

    De novo, para permitir realizar un debuxo áxil, as poses do modelo serán curtas, de entre un e dez minutos, e o recomendable será moverse pola sala, malia que haberá cadeiras para quen queira. 

    As actividades do Clube de Debuxo están dirixidas a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. No caso dos socios da AGPI, a actividade é gratuíta, pero aos non socios nesta ocasión pediráselles un donativo de 2 euros (na propia sala), para cubrir o pagamento do modelo. Cada asistente, como é habitual, debe levar o seu propio material de debuxo. Para realizar a inscrición, só hai que cubrir este formulario en liña: bit.ly/33uZjUz. O prazo de inscrición remata o 24 de outubro. O aforo é limitado, e as prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición.

    Esta é a sexta sesión do Clube de Debuxo, e a cuarta das realizadas con modelo na mesma Fundación Luis Seoane; anteriormente realizáronse outras nun ensaio da Sinfónica de Galicia e na piscina municipal do Club do Mar da Coruña.

    O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir as nosas experiencias e inquedanzas. Ata o de agora, todas as sesións foron situadas na cidade da Coruña, mais en breve abrirase o abano de localizacións a outras zonas da comunidade galega.

  • Exposición de ilustración galega en São João da Madeira

    Exposición de ilustración galega en São João da Madeira

    Dentro do seu programa de colaboracións con Portugal, a AGPI presenta dentro do 12.º Encontro Internacional de Ilustração de São João da Madeira, nesa localidade lusa próxima á cidade do Porto, unha mostra de vinte e cinco ilustracións doutros tantos ilustradores e ilustradoras membros da asociación.

    A exposición, que pode visitarse ata o 21 de outubro na Torre da Oliva de São João, componse de ilustracións de Alberto García Ariza, Alejandro Rozados, Alicia Suárez, Almudena Aparicio, Augusto Metztli, Blanca Millán, Carlos Arrojo, Guitián, I. Mouronte B., Iria Prol, Iria Ribadomar, Jorge Peral, Laura Cortés, Lizartonne, Manel Cráneo, Marta Álvarez, Michel Casado, Miguel Cuba, Montse Piñeiro, Nuria Díaz, Óscar Villán, Paula Mayor, Rodouyeha, Xosé Cobas e Xosé Geada.

    Xunto a ela, na Torre da Oliva poden verse outras dúas mostras: a da ilustradora gañadora da edición anterior do concurso, Cláudia Salgueiro, e mais a dos seleccionados no concurso de ilustración do Encontro (outros 25 ilustradores internacionais, escollidos por un xurado formado por Sofia Neto, Francisco Vaz Silva, André Letria, Alberto Bulhosa e o noso socio e presidente da FADIP Santy Gutiérrez).

    Ademais das exposicións, a programación do Encontro de São João inclúe talleres de ilustración, que este ano estarán impartidos por Cláudia Salgueiro, Evelina Oliveira, Gérard Lo Monaco e Marina Cedro, Signe Kjær e o noso socio Leandro Barea.

    Cartel do 12.º Encontro de São João, a cargo de Fatinha Ramos

  • 16 Encontro Galego de Ilustración

    16 Encontro Galego de Ilustración

    A AGPI organiza un ano máis o seu Encontro Galego de Ilustración. Nesta edición número dezaseis, o Encontro trae de novo a Santiago de Compostela, os días 27 e 28 de setembro, unha escolma da ilustración máis interesante da Península, o que permitirá botar unha ollada a autores que traballan en lugares tan diferentes como o País Vasco, Portugal ou Cataluña.

    Nun programa en que o puxante panorama da ilustración do país luso contará cun especial destaque, as charlas terán como relatores o ilustrador e deseñador Javirroyo (que, ademais, impartirá un obradoiro sobre realización de mapas ilustrados), Inês Silva, directora da prestixiosa axencia Illustopia, e o ilustrador Jon Juárez (Harrihorrihar), e complementaranse cun panel de experiencias e unha mesa redonda coas ilustradoras portuguesas Marta Madureira e Cátia Vidinhas. Esta parte central do Encontro estará presentada e conducida pola comunicadora Neves Rodríguez.

    Ademais, como actividades complementarias, o programa inclúe tamén unha sesión de revisión de portafolios e unha actividade lúdica (a Sesión DJ Ilustrada, co DJ Pablo Electrocute e proxección de debuxo en directo a cargo de varios ilustradores).

    Coma sempre, todas as persoas interesadas na ilustración e a creatividade gráfica están convidadas a asistir; todas as actividades están abertas a todo o público e son gratuítas, salvo o obradoiro, que ten unha pequena tarifa de inscrición. O groso das actividades terá lugar, como na edición anterior, no Auditorio de Galicia (avenida do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela). Unicamente terán outras sedes o obradoiro con Javirroyo (na Unitaria, calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela) e a Sesión DJ Ilustrada (no Camalea, praza de San Martiño, 4, 15704 Santiago de Compostela).

    O 16 Encontro Galego de Ilustración está organizado pola AGPI coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e o apoio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

    Toda a información sobre o programa e a inscrición no obradoiro e na sesión de revisión de portafolios pode encontrarse aquí.

    Cartel do Encontro, con ilustración de Jon Juárez
  • Viñetas desde o Atlántico 2019

    Viñetas desde o Atlántico 2019

    Entre o 5 e o 11 de agosto, a cidade da Coruña recibe unha nova edición —a vixésimo segunda— do festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico. Este ano, o festival ten como autores convidados a Abel Alves, Yolanda Castaño (como figura central do libro colectivo de BD O puño e a letra, baseado en poemas seus), Jorge Coelho, Isabel Greenberg, Albert Monteys, Antonio Navarro, David Sala e Tony Sandoval. Ademais das mostras monográficas correspondentes a estes autores, o evento contará tamén coas exposicións «¡Mil rayos! Tesoros de un tintinófilo», de Pedro Rey; as pranchas da obra gañadora do Premio Castelao 2018, «Canción para afundir flores no mar», de Oliver Añón; e «¿Pintas o dibujas? Un paseo por el arte de la mano del cómic», que conta con obras de Ana Galvañ, Antonio Altarriba / Keko, Fermín Solís, Laura Pérez Vernetti, María Hesse, Mauro Entrialgo, Max, Pablo Auladell e Santiago García / Javier Olivares.

    Como é habitual, o programa ten numerosas charlas e conferencias, presentacións, talleres e sesións de sinaturas, e ademais conta cunha feira especializada en cómic, co nome de «Rúa da BD». Nela, como vén sendo tradicional, a AGPI ten unha caseta, onde poden adquirirse as publicacións da asociación e tamén materiais xerados polos socios: láminas, fanzines e outros produtos de ilustración aplicada. Poden encontrarse así materiais de Carlos Arrojo, Sonia Corral, Miguel Cuba, Estefanía Domínguez Cagigao, Xosé Geada Uzal, Paula Mayor, Jorge Peral ou Luis Sendón, entre outros.

    Cartel do Viñetas 2019, sobre ilustración de Belén Ortega
  • Ilustración na Feira do Libro da Coruña

    Ilustración na Feira do Libro da Coruña

    Na Feira do Libro da Coruña, que se desenvolve entre o 1 e o 11 de agosto, haberá lugar para a ilustración observada desde moi diferentes perspectivas.

    Naturalmente, o programa acolle varias presentacións de libros ilustrados e cómics. É o caso de Quokka Moka, de María Solar, que contará coa presenza do seu ilustrador, Víctor Rivas (día 1, ás 19:00); El increíble viaje de los besos voladores, de Inés Cuadrado e Aldara Prado (día 4, 18:00); Pelo de nube, de Dani Viéitez e Iria Iglesias (día 8, ás 18:00); Sementes viaxeiras, de Yolanda Castaño e Xosé Tomás (día 8, ás 19:00); Aprende banda deseñada con Fiz, de Kiko da Silva (día 10, 19:45); ou a versión galega de Pinturas de guerra, de Ángel de la Calle (día 11, ás 19:45). Ademais será tamén a presentación de O soño da serpe, primeira incursión do ilustrador Antonio Seijas como novelista (día 2, 19:45).

    Haberá sesións de sinaturas de libros, como as da colección «Coloreando» da ilustradora Paula Mayor (Coloreando A Coruña, Coloreando Santiago de Compostela e Coloreando a provincia de Lugo), o día 7 ás 19:30 (posto de Hércules Ediciones) e o 11 ás 12:00 (posto de Fnac).

    Tamén haberá outras actividades relacionadas coa ilustración: a titulada «Os ilustradores teñen superpoderes», con Rocío Bonilla (día 3, ás 18:00); o obradoiro de ilustración impartido por Xosé Tomás (día 6, ás 18:00); e o obradoiro «Entre el cómic y la novela gráfica», con Ana Merino (día 11, ás 19:45).

    Ás actividades da Feira do Libro sumaranse as da Rúa da BD do festival Viñetas desde o Atlántico, que comeza o próximo luns día 5, e na que a AGPI terá un posto ofrecendo publicacións propias e dos seus socios.

  • Concurso do Encontro Internacional de Ilustração de São João da Madeira

    Concurso do Encontro Internacional de Ilustração de São João da Madeira

    O 12.º Encontro Internacional de Ilustração de São João da Madeira (sito na localidade portuguesa do mesmo nome, próxima á cidade do Porto) abriu o prazo de recepción de ilustracións para o seu concurso anual. O encontro en si será do 17 ao 21 de outubro, mais o seu concurso ten de prazo ata o próximo 14 de agosto. Do concurso selecciónanse 25 finalistas, que terán aloxamento gratuíto (hotel e comidas) durante os días do Encontro, e mais acceso gratuíto a un dos talleres de ilustración do Encontro e prezo reducido para os outros talleres; deses finalistas, escolleranse 3 premiados, que recibirán, entre outros premios, un Macbook Pro 13 (1.º premio), unha Wacom Intuos Basic e unha caixa de material artístico Viarco (2.º premio) e unha caixa de material artístico Viarco (3.º premio).

    Para participar hai que enviar dúas ilustracións inéditas en formato físico e inscribirse previamente por medio de correo electrónico, achegando a documentación solicitada (formulario e imaxes do autor/a e das obras presentadas).

    O xurado estará conformado polo ilustrador André Letria, o ilustrador e libreiro Francisco Vaz Silva, o ilustrador, ex-presidente da AGPI e actual presidente da FADIP Santy Gutiérrez, a ilustradora Sofia Neto e mais un representante dos empresarios de São João da Madeira. Os regulamentos completos poden descargarse aquí, e todo o resto da información sobre os Encontros pode lerse na súa web.

  • Segunda sesión de debuxo de modelo no Clube de Debuxo

    Segunda sesión de debuxo de modelo no Clube de Debuxo

    A cuarta edición do Clube de Debuxo, vista a grande afluencia de público na sesión de debuxo ao natural do mes de xuño, volve ser unha sesión de debuxo con modelo en vivo na Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27, 15001 A Coruña) o venres 5 de xullo, de 19:00 a 21:00. 

    As claves serán as mesmas que na sesión anterior: para realizar un debuxo áxil, as poses do modelo serán curtas (de entre un e dez minutos), e haberá cadeiras para quen queira, aínda que o recomendable será moverse pola sala. Cada asistente debe levar o seu material.

    A actividade, novamente, está dirixida a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. No caso dos socios da AGPI, a actividade é gratuíta, pero aos non socios nesta ocasión pediráselles un donativo de 2 euros (na propia sala), para cubrir o pagamento do modelo. Para realizar a inscrición, só hai que cubrir este formulario en liña: bit.ly/31ZzRq6. O prazo de inscrición remata o 4 de xullo. Como é habitual, o aforo é limitado, e as prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición.

    Esta cuarta sesión —que se vén sumar ás realizadas nun ensaio da Sinfónica de Galicia e na piscina municipal do Club do Mar da Coruña, e á anterior realizada con modelo na mesma Fundación Luis Seoane— é a última desta xeira. O Clube de Debuxo toma unhas vacacións e volverá despois da época estival.

    O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir as nosas experiencias e inquedanzas.

    Cartel da sesión, con debuxo de Alberto Vázquez