Categoría: historico

  • Mesa redonda de BD Banda

    Víctor Rivas, Miguel Robledo, Henrique Torreiro, David Rubín, Hugo Covelo, Bernal, Kiko Dasilva, Andrés Meixide e Manel Cráneo participarán hoxe, martes 16 de maio ás cinco da tarde, nunha mesa redonda que terá lugar na Biblioteca do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º Andar, Santiago de Compostela). Este encontro vén a conto do 5º aniversario da revista, ¡felicidades!

    Máis información:
    – Sentámonos a mesa (bdbanda.com).
    – BD Banda celebra o seu 5º aniversario no CCG (consellodacultura.org).
    – BD Banda celebra su 5º aniversario con número especial (lavozdegalicia.es).

  • Siro López: O Humor en Castelao

    Mañá, mércores 26 de abril, ás 20.00 horas, a sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña (Cantón Grande. 21-23) acollerá unha conferencia do xornalista e debuxante Siro López, que será presentado polo tándem xornalístico formado por Pinto e Chinto.

    Esta actividade está enmarcada no ciclo O Estatuto, marco de concordia, unha iniciativa promovida por esta entidade que levará o debate ao redor da primeira norma institucional galega por numerosas localidades galegas.

    O Humor en Castelao.
    Castelao tivo un talento artístico pouco común que lle permitiu afondar en eidos moi distintos das creacións plástica e literaria. Porén, é no humor gráfico e literario onde acadou niveis de calidade que o converteron nun dos grandes creadores europeos, e o único que practicou con idéntico enxeño as dúas actividades. Se como humorista literario bebeu das fontes do humor popular galego, presente no refraneiro, no cantigueiro, nos contos e demais manifestacións da cultura oral, como humorista gráfico asumiu a caricatura modernista que a comezos do século XX apareceu en Munich. Deste e outros temas falaranos Siro López nesta interesante charla.

    Siro López Lorenzo.
    Artista plástico e xornalista. Publica os primeiros debuxos na revista Chan, logo da cal traballa en outros xornais ata pertencer na actualidade á redacción de La Voz de Galicia. Tamén durante anos colaborou en revistas como Encrucillada ou Grial. Ten publicado obras ensaísticas (Con Rafael Dieste nos arquivos do trasno ou Luis Seoane debuxante), álbums (Siro trinta anos despois ou Xente na brétema), teatro e obras didácticas, ademais de ilustrar varios libros de Xabier Alcalá, Pepe Carballude, Neira Vilas, Manuel Rivas, etc. Conta con varios premios, o máis recente o Álvaro Cunqueiro de Teatro. Participou en varias canles de radio e na TVG realizando diversos espazos culturais e humorísticos.

    Fonte: Gabinete de prensa da Fundación Caixa Galicia

  • Sto Tirso: Exposición de Manel Cráneo en Portugal

    esquelete de manel craneo Texto: Nacho López
    Ilustración: Manel Cráneo

    As Xornadas de Cómic de Santo Tirso cumplen este ano a súa cuarta edición e seguindo coa súa tradición de invitar a autores e personas relacionadas coa banda deseñada en Galicia, este ano o autor invitado será Manel Cráneo.
    Anteriormente foron Kiko Dasilva, Kike Benlloch, Hugo Covelo e Germám Hermida.

    A exposición deste autor xira en torno a unha temática común na súa obra persoal: a morte.

    A mostra recolle cerca de 25 planchas que foron publicadas nos últimos anos nas revistas BD Banda, Barsowia, Caña ou no fanzine Os rústicos da gadaña, e terá lugar nun vello convento rehabilitado para actos culturais, entorno máis que interesante para unha mostra deste tipo.

    Cráneo dará o sábado 28 unha charla sobre a súa obra e as tradicións relacionadas coa morte en Galicia.
    Por outra banda, o autor non descarta a posibilidade de que xa que ten montada a exposición, poida traela máis adiante a algunha localidade galega.

    Máis información sobre as Xornadas de Sto Tirso en culturagalega.org.

  • Dámsmitt

    damsmitt, de benlloch e craneo Texto: Nacho López
    Ilustración: Manel Cráneo

    As historias paralelas de dous empregados do Correo Imperial, co telón de fondo dunha cidade chamada Capital, rexentada baixo un réxime imperialista, é o punto de arranque de Dámsmitt.
    Unha historia repleta de misterio, problemas sociais, revolucións sindicais, conspiración, desaparicións e un asasinato. Un mosaico de personaxes diferentes e definidos.
    O álbum que presentarán en Barcelona Kike Benlloch polo guión e Manel Cráneo polos debuxos e deseños, sairá nas vindeiras semanas editado pola editorial madrileña Dibbuks e consta de 64 páxinas en bitono cun apéndice documental sobre un mundo que cabalga entre a ficción paralela á realidade e que fará as delicias dos máis curiosos.

    A publicación estará prologada polo americano Jason Lutes, autor da obra internacionalmente coñecida Berlín. É a primeira vez que este autor accede a escribir un prólogo por tratarse de algo contario a súa forma de ver a banda deseñada, pero algo nesta obra que lle chegou dende terras galegas o animou a facelo por primeira vez.

    Que segredos esconderá Dámsmitt?

  • Semana do Humor de Silleda

    cartel semana do humor de silleda 2006 Cartel: Antonio Mingote
    Texto: Manel Cráneo.

    Un ano máis Silleda repetirá a súa experiencia da Semana do Humor, na que AGPI participou o ano pasado coa exposición Can de Palleiro.

    A cita terá lugar dende o 28 de abril ata o 1 de maio na vila pontevedresa.

    Este ano os organizadores volven ter unha axenda moi completa de actos. Cabe tamén destacar o deseño de cartel que corre esta vez a cargo dun dos máis prestixosos humoristas gráficos españois e membro da Real Academia Española en 1988, Antonio Mingote, do que tamén se proxectará un vídeo documental.

    O obxetivo principal dos actos que engloba esta semana é unica e exclusivamente crear sorrisos, un gran reto que os organizadores pensan conseguir un ano máis a través de actuacións teatrais e de mimo ou clown, espectáculos na rúa, exposicións, monólogos nos bares, presentación de publicacións, etc.

    Entre os convidados cítanse El Brujo, Joseph Collard, Konstantine, Cándido Pazó e as compañías teatrais Les Lubb ou Viravolta Títeres entre outros.

    Das exposicións que se amosarán este ano destacamos a de planchas da revista BD Banda, premiada no 2005 no Saló Internacional do Cómic de Barcelona e na que poderemos encontrar o traballo de moitos membros da AGPI.

    O sábado 29 presentarase o Festival Statics de estatuas vivintes espalladas polas rúas de Silleda.

    Entre os convidados adicados ao humor gráfico estarán Luís Davila, Javier Aguilera, Gogue e o noso socio Dani Montero que acadou o premio á mellor colección de caricaturas na última Bienal de Ourense. Os dous últimos, farán catro sesións de caricaturas o sábado e domingo en diferentes puntos da vila.

    Os talleres deste ano invitarán a introducirse no mundo do clown, os monólogos e as tiras de humor dirixidos por Joseph Collard, Cándido Pazó (premuio Max de teatro) e Davila e Aguilera na última modalidade.

    Tres galegos recoñecidos a nivel nacional, Luis Piedrahita, Nancho Novo e Javier Veiga serán os encargados de pechar esta edición cunha sesión de monólogos o vindeiro domingo despois dunha semana que promete acadar o seu obxetivo principal: provocar a ledicia a través dos sorrisos.

    O que teña pensado suicidarse próximamente xa sabe onde poderá morrer da risa o vindeiro fin de semana.

    – Páxina web da Semana do Humor de Silleda.

  • O cómic no congreso

    Reseña de Xosé Lois “Carrabouxo”.

    O Deputado do BNG Francisco Rodriguez defendeu o día 4 de abril no Pleno do Congreso dos Deputados unha enmenda ao Proxecto de Lei relativo á creación dunha nova modalidade de premio Estatal adicado ao cómic, apresentado polo grupo Socialista, na que reivindica a pluriculturalidade do cómic en España, o que implica, entre outras cousas, que os xuris dese futuro Premio teñen en conta as diversas culturas que se manifestan no Cómic do Estado Español, tanto temática como idiomáticamente, ou dito doutra maneira, facer posíbel que poida ser premiado un cómic galego, ou catalán ou vasco, cousa que podería non ocorrer se non fora pola devandita enmenda, que foi aceptada polos ponentes.

    Francisco Rodríguez argumentou a súa enmenda en base á relevancia actual do cómic galego, expoñendo o nivel de aceptación dos autores e tamén as suas eivas en canto ao apoio interno á actividade, que esperamos que vaia a máis, e falou da existencia de AGPI como elemento vertebrador en Galiza do mundo da Ilustración e do Cómic, e de diversos autores e produccións galegas de relevancia en todo o Estado Español e no Mundo. ¶

    Enlaces relacionados:

    Álvaro Pons, de La cárcel de papel, escribiu varios posts ó respecto:

    (Para os interesados, neste último post hai unha recopilación de enlaces a distintos periódicos e blogs nos que se fala da noticia.)

  • Festa de presentación Barsowia nº7

    cartel festa polaqia Cartel: David Rubín (clic para agrandalo).

    Pasado mañá, venres 7 de abril, ás 20.30 h, o colectivo Polaqia celebra a festa de presentación do Barsowia nº7, no Café Alfaiate (Campo da leña, 20, A Coruña). Este é o primeiro dunha serie de eventos que se farán para conmemora-lo V aniversario do nacimento de Polaqia.

    ¡Felicidades!

  • Curso básico de debuxo da natureza en Oleiros

    Calros Silvar envíanos información sobre un novo curso de iniciación á ilustración da natureza que impartirá en maio; neste caso impartirase no CEIDA de Santa Cruz de Oleiros (A Coruña):

    Do 23 de maio ao 3 de xuño, os luns, mércores e venres de 19.00 a 21.00 h, e saída de prácticas de o sábado 10.00 a 13.00 h aproximadamente.
    Cupo para 20 persoas. 30 euros.
    Podedes chamar ao CEIDA ó tlf. 981 630 618, ou enviar un fax ó 981 614 443.
    O curso é de iniciación e oriéntase á toma de bocetos de campo, depende moito dos coñecementos das persoas que vaian para poder elevar ou baixar nível (o normal é medio-baixo).

  • Can de palleiro

    expo can de palleiro No 2005, buscando o tema para unha primeira exposición representativa da AGPI soou o ouveo do can de palleiro, unha especie autóctona e protexida con denominación de orixe.

    Pareceunos que os ilustradores galegos tamén podiamos reclamar a nosa denominación de orixe mediante a promoción conxunta do noso traballo e que o mesmísimo can de palleiro podería ser o nexo temático da mostra.

    O resultado é esta marabillosa exposición que reúne participantes de varias xeracións de artistas gráficos e na que salienta a diversidade estilística e a calidade do traballo que se está a facer en Galicia.

    O Can de Palleiro marca un antes e un despois no mundo da ilustración galega, e estou seguro de que é tan só o primeiro cachorro dunha camada numerosa aínda por chegar.

    Manel Cráneo, Presidente de AGPI
    [Fragmento do texto de presentación do catálogo Can de palleiro]

    Ver: Exposición virtual Can de palleiro.

  • Curso básico de debuxo da natureza en Sada

    ilustracion de calros silvar Ilustración: Calros Silvar.

    Calros Silvar (ilustrador da Guía das aves de Galicia) impartirá en Sada un curso básico de debuxo da natureza. Estes son os datos do curso:

    • Lugar: Salón de actos do I.E.S. Isaac Díaz Pardo (Sada).
    • Horario: 7 a 9 da tarde e saída de campo pola mañán.
    • Data: 29-30-31 de marzo e saída o 1 de abril .
    • Pre-inscrición: Apartado correos nº31 de Sada, ou sghn.asmarinhas arroba wanadoo.es.
    • Matrícula: Estudiantes: 3€. Socios da S.G.H.N.: 5€. Non socios: 8€.
    • Organiza: Sociedade Galega de Historia Natural, Delegación das Mariñas.
    • Colaboran: I.E.S. Isaac Díaz Pardo e A.N.P.A. do centro.