Dende FADIP (Federación de Asociacións de Ilustradores/as Profesionais) estamos a organizar unha acción conxunta co obxectivo de crear un informe interterritorial da situación do sector da ilustración no sentido máis amplo con respecto á crise xerada pola COVID-19.
O eixo principal desta campaña son unha serie de enquisas que se están a realizar por diferentes asociacións de profesionais territoriais. A nivel galego, da nosa enquisa en particular, xa vimos falando dende fai uns días.
Coa iniciativa anímase a tódalas persoas interesadas a descargar a imaxe da campaña e escribir un texto invitando a encher as enquisas. Podes compartila nas diferentes redes sociais xunto ó hashtag #ilustracionenlucha e etiquetando a @fadip_org.
Seguindo a estratexia doutras asociacións comoAPIC, desde a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración vai desenvolverse un pequeno estudo sobre a situación económica dos ilustradores/as ante a parada de actividade provocada pola COVID-19. Este estudo servirá para analizar que medidas é importante tomar e solicitar ás diferentes administracións. A AGPI está en contacto activo con outras entidades e asociacións representativas do sector das industrias culturais, e coñecer de primeira man a experiencia dos profesionais da ilustración vai servir para trasladar as súas necesidades a documentos sectorais.
Así pois, a AGPI convida a todos os ilustradores e ilustradoras interesados a participar, de forma totalmente anónima, nesta enquisa en liña.
Actualización (12/3/2020): o organización do Salón cancelou todas as actividades, seguindo as instrucións da Xunta de Galicia e o Ministerio de Sanidade, que recomendaban a suspensión de eventos masivos. O Encontro de ilustración queda, pois, tamén cancelado.
A charla terá como título «O poder de asociarse»; nela explicarase o traballo que se realiza desde a asociación e cales son os motivos da súa existencia. A continuación, a mesa redonda «Un ilustrador na miña cidade. Crear comunidade» reunirá os Ilustradores pontevedreses Berto Fojo, Natalia Umpiérrez e Diego Estebo, moderados por Bea Lema. Falarán de como entenden o asociacionismo e de como é traballar desde Galicia nun mundo global.
A asistencia ao encontro é gratuíta, mais é preciso inscribirse escribindo ao enderezo ponteilustra@gmail.com.
O Clube de Debuxo, organizado pola AGPI, que ata agora desenvolveu maioritariamente as súas sesións na cidade da Coruña, chega este mes de marzo a Vigo. Farao cunha sesión de debuxo durante un adestramento do equipo de wáter-polo do Real Club Náutico de Vigo. Será no propio Real Club Náutico (rúa das Avenidas, s/n, 36202 Vigo), o próximo venres 6 de marzo, de 21:30 a 22:30.
Como nas anteriores ocasións, o Clube de Debuxo está dirixido a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. É unha actividade tanto para socios como para non socios da AGPI. As prazas, totalmente gratuítas, son limitadas e outórganse por rigorosa orde de inscrición, mediante o formulario electrónico http://bit.ly/32uwo3Q. O prazo de inscrición estará aberto ata o 5 de marzo.
A sesión desenvolverase na piscina cuberta do Real Club Náutico de Vigo. A piscina dispón dunha zona de gradas onde acomodarse. Recoméndase ás persoas inscritas levar auga e roupa fresca, dado que na zona onde se realizará a sesión vai moita calor. A sesión comezará con puntualidade e só se poderá acceder ao recinto co grupo de inscritos.
O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir as nosas experiencias e inquedanzas. Anteriormente realizáronse sesións de debuxo nun ensaio da Sinfónica de Galicia, na piscina municipal do Club do Mar da Coruña, no Mercado de Verdura de Vilagarcía e nun ensaio de danza no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, así como en varias ocasións cun modelo en vivo na Fundación Luís Seoane. A partir de agora, amplíase o número de lugares de realización do Clube, e unha das localidades habituais será Vigo.
A cita de febreiro do Clube de Debuxo, iniciativa da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, volve adoptar a forma de sesión de debuxo con modelo en vivo na Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27, 15001 A Coruña), este venres, 21 de febreiro, de 19:00 a 21:00.
Como vén sendo habitual, para permitir realizar un debuxo áxil, as poses do modelo serán curtas, de entre un e dez minutos, e o recomendable será moverse pola sala, aínda que haberá cadeiras para quen queira.
As actividades do Clube de Debuxo están dirixidas a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. No caso dos socios da AGPI, a actividade é gratuíta, pero aos non socios nesta ocasión pediráselles un donativo de 2 euros (na propia sala), para cubrir o pagamento do modelo. Cada asistente, como é habitual, debe levar o seu propio material de debuxo. Para realizar a inscrición, só hai que cubrir este formulario en liña. As prazas son limitadas, e serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición.
Esta é a oitava sesión do Clube de Debuxo; anteriormente realizáronse outras na propia Fundación Luis Seoane, nun ensaio da Sinfónica de Galicia, na piscina municipal do Club do Mar da Coruña, no Mercado de Verdura de Vilagarcía e nun ensaio de danza no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir as nosas experiencias e inquedanzas. A partir de agora, as sesións do Clube comezarán a realizarse tamén noutras localidades galegas, que se anunciarán en breve.
No DOG de onte, 10 de febreiro, pode lerse a convocatoria completa «para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nas actividades que se realicen no sector do libro no 2020». A convocatoria, que estará aberta ata o 15 de outubro de 2020 (inclusive), permite cubrir os gastos de viaxe e aloxamento a feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas relacionadas co sector do libro desenvolvidas en 2020 (unha única actividade no sector do libro por persoa beneficiaria). Teñen que ser gastos estritamente necesarios (e non se admiten os de manutención) e non poden superar os 250 euros para actividades dentro de Galicia, 600 euros en caso de actividades situadas na Unión Europea ou os 1500 euros nos das situadas fóra dela. Os gastos deben estar facturados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 12 de decembro de 2020 (inclusive).
As persoas interesadas deberán presentar, ademais do formulario proporcionado na orde da axuda, un xustificante de inscrición na actividade obxecto da subvención, declaración xurada da exención do IAE (ou certificado desa exención), copia da alta en autónomos e documentación en que conste o ISBN e o depósito legal dos libros publicados nos tres últimos anos.
Cada persoa pode solicitar axuda para a asistencia a unha única actividade no sector do libro. Os beneficiarios, para percibiren a subvención, deberán acreditar a realización dos gastos subvencionados e xustificar a totalidade do orzamento. En caso de actividades xa realizadas en 2020, o prazo para a xustificación (unha vez concedida a axuda) será de cinco días hábiles desde a data de aceptación da axuda; no caso de actividades que vaian acontecer posteriormente este ano, será de cinco días hábiles desde o remate da actividade en cuestión.
Para xustificar haberá que entregar: unha copia do certificado de asistencia á actividade emitido pola entidade organizadora ou un xustificante oficial da entrada da persoa beneficiaria; unha memoria das actividades levadas a cabo en relación coa finalidade da subvención; unha relación clasificada dos gastos (identificando o acredor, o documento de gasto ou factura, o importe, a data de emisión e a data de pagamento), e xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (salvo en gastos menores de 1000 euros, que poderán ser en metálico e deberán figurar así na factura).
O programa desta edición comeza o 31 de xaneiro ás 12:00 no Fogar dos Maiores (Campo da Barreira, 3, Allariz) coa inauguración do festival; intervirán a alcaldesa de Allariz e mais o director de Aira editorial, César Lorenzo Gil. A continuación, David Lafuente falará de «Cómo ser dibujante (y que te paguen)».
Xa pola tarde, ás 17:00, a charla será de Ester García e titularase «Detrás del telón». Despois, ás 19:00, Tomás Hijo impartirá o relatorio «Ilustrando a Tolkien y Lovecraft. Gracias y desgracias del “fan art”».
Pola noite, ás 23:00, no Café Catro Portiñas (Rúa de Emilia Pardo Bazán, 11), haberá un concerto do dúo Piratas sen Parche.
O 1 de febreiro, durante todo o día e de forma ininterrompida, entre as 11:00 e as 20:00, terá lugar na Praza de Abaixo a III Feira da Creación (en caso de mal tempo, a feira trasladarase ás instalacións do Museo do Coiro, situado na rúa da Granxa).
Mentres tanto, na Fundación Vicente Risco (rúa de San Lourenzo, 3), continuarán as actividades. Ás 11:45, presentarase a novela gráfica Grandarroiba, de Cristian F. Caruncho. A partir das 12:30, haberá micropresentacións de artistas emerxentes, e entre as 11:45 e as 13:30, sinaturas de obras dos autores participantes no festival. Finalmente, ás 17:00, Manel Cráneo falará da experiencia de Demo Editorial.
Un dos obxectivos do Día da Ilustración é recuperar e dar a coñecer ao gran público figuras históricas da ilustración en Galicia. Este ano, o artista e escritor Cándido Fernández Mazas é o que merece esa homenaxe. Fernández Mazas (Ourense, 1902 – Castro Caldelas, 1942) colaborou como ilustrador en libros, revistas como Nós ou Alfar e xornais como La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou Política. En París tomou contacto coas vangardas artísticas, e durante a Segunda República participou nas actividades culturais das «Misións pedagóxicas» realizando carteis e decorados para o seu teatro de monicreques. Ao final da Guerra Civil foi encarcerado, o que afectou seriamente a súa saúde, e morreu sen chegar a cumprir os corenta anos. Despois de moitos anos de esquecemento, afortunadamente a súa obra foi reivindicada a finais dos anos oitenta.
Como cada ano, entre outras actividades, a AGPI produce, en colaboración coa Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, un vídeo que repasa nun par de minutos a vida e a obra do autor homenaxeado.
ODía da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. O protagonista deste ano é Cándido Fernández Mazas.
Cándido Fernández Mazas (Ourense, 1902 – Castro Caldelas, 1942) foi artista e escritor, e colaborou como ilustrador en publicacións como Nós ou Alfar. Ilustrou numerosos libros e asinou baixo distintos pseudónimos en xornais como La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou Política. En 1925 obtivo unha bolsa para estudar arte en París, onde entrou en contacto coas vangardas. Durante a Segunda República, participou nas actividades culturais das «Misións pedagóxicas» realizando carteis e decorados para o seu teatro de monicreques. A súa saúde psíquica e física quedou seriamente afectada pola Guerra Civil; morreu sen chegar a cumprir os corenta anos.
A Biblioteca de Galicia acollerá a exposición «Cándido Fernández Mazas: signos dunha quimera», con documentos, libros, imaxes e obras de Fernández Mazas que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia. A mostra inagurarase o 30 de xaneiro ás 11:00, e poderá visitarse ata o 29 de maio na sala de exposicións da Biblioteca de Galicia, no Monte Gaiás. Nos próximos días presentarase o vídeo de homenaxe que produce a AGPI coa colaboración da Dirección Xeral de Políticas Culturais, e que tamén se proxectará na mostra.
Ademais, no programa de actividades previsto para as bibliotecas públicas e escolas de arte galegas, hai unha mostra sobre o autor homenaxeado na bilioteca pública de Pontevedra, e o estudoso da súa obra José Manuel Bouzas dará unha charla na EASD Antonio Faílde de Ourense o 29 de xaneiro ás 12:00.
Por parte da AGPI (e co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo), están previstas actividades na EASD Pablo Picasso da Coruña os días 29 e 30 de xaneiro. O 29, a partir das 19:00 presentarase o Día da Ilustración e a continuación haberá unha charla co autor convidado Jesús Cisneros, que chega a Galicia despois de impartir talleres en lugares como Marsella, Seúl ou Bangkok. O 30, para as persoas previamente inscritas (as prazas están xa esgotadas), Cisneros impartirá un obradoiro de máscaras no mesmo lugar.
No resto de bibliotecas públicas haberá diferentes mostras, obradoiros e charlas con ilustradores como María Lires,Jorge Campos,Laura Núñez,Pablo Otero ou Xulia Pisón, que é ademais a autora do cartel do Día da Ilustración deste ano. Pola súa parte, o Club de Prensa de Ferrol tamén se sumou este ano á celebración cun acto de homenaxe a Fernández Mazas na Biblioteca Municipal ferrolá.
Coincidindo coa celebración do Día da Ilustración 2020 —da que en breve daremos máis información—, a AGPI terá un convidado de luxo, grazas ao patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo. O ilustrador Jesús Cisneros estará os días 29 e 30 na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña: o mércores día 29 dará unha charla sobre a súa obra, con entrada libre e gratuíta; o xoves 30, impartirá un Taller de máscaras, tamén gratuíto, pero para o que é necesaria inscrición. En ambos os casos, trátase dunha oportunidade única de ver e escoitar este artista.
O taller, que decorrerá entre as 16:00 e as 20:00, precisa de inscrición mediante este formulario. As prazas son limitadas e serán otorgadas por orde de inscrición. Os asistentes deberán traer o seu propio material: tinta chinesa, pinceis (fino, medio, groso), pintura vermella (gouache ou acrílico); papel A4, de 100 g (30 follas por alumno).
Jesús Cisneros naceu en Zaragoza en 1969. Formouse na súa cidade natal e estudou ilustración na escola de artes, e historia da arte na universidade. A súa obra caracterízase pola economía de elementos, os trazos sinxelos de carácter practicamente minimalista e unha breve selección de cores para dar vida a ilustracións moi evocadoras. A sensibilidade e a técnica mestúranse nas ilustracións de Cisneros, demostrando que poden contarse grandes historias con moi pouco.