Autor: adminAgpi

  • Falece Forges

    Falece Forges

    Antonio Fraguas Forges faleceu esta madrugada en Madrid. Humorista gráfico, a súa obra estendeu a todo tipo de medios impresos (diarios como Pueblo, Diario 16, El Mundo ou El País, e revistas como Hermano Lobo, Interviú ou El Jueves) e ao audiovisual, onde dirixiu longametraxes e series de televisión. A súa gran preocupación pola reivindicación dos dereitos dos ilustradores levouno a ser un firme defensor das asociacións profesionais —por exemplo, durante anos foi tamén socio da AGPI—, e así formou parte en 2008 da Comisión de Profesionais do Observatorio da Ilustración Gráfica, que asesorou as publicacións Informe 2008, Los retos de la era digital e Nuevo libro blanco de la Ilustración Gráfica en España. Nos últimos tempos representou os ilustradores na Plataforma Seguir Creando, en defensa dos dereitos dos autores tras a xubilación.

    A AGPI, xunto co resto das asociacións profesionais de ilustradores, lamenta esta gran perda e únese á dor da súa familia e os seus amigos.

  • O ciclo Nexos dá protagonismo á BD e a animación

    O ciclo Nexos dá protagonismo
    á BD e a animación

    «O trazo desatado. Banda deseñada e animación en Galicia» é o título da sesión que terá lugar este sábado, 24 de febreiro, ás 12:00, na Biblioteca e Arquivo de Galicia (Santiago de Compostela).

    O ciclo Nexos 2018, que se desenvolve na Cidade da Cultura durante todo este primeiro semestre, combina relatorios a cargo de destacados expertos con actuacións artísticas, «sempre desde un formato didáctico, ameno e distendido». Neste caso, propoñen as charlas de dous referentes da animación e a banda deseñada en Galicia —os nosos socios Alberto Vázquez e Manel Cráneo— e mais un «combate de debuxantes» en que competirán Inés Casarejos, Guille Debelius, Xulia Pisón e Luís Yang, e no que Dani Xove actuará como mestre de cerimonias. A sesión acabará con petiscos cortesía de Pan do Mar e Bodegas Mártin Códax.

    As entradas, de 3 euros, poden adquirirse no Museo Centro Gaiás ou en liña. Podes encontrar máis información sobre o programa e as entradas na web da Cidade da Cultura.

  • Día da Ilustración 2018

    Día da Ilustración 2018

    Desde 2014, ano en que a Xunta de Galicia introduciu a data no seu Calendario do libro e a lectura, a coincidir co aniversario do nacemento de Castelao, o 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración.

    Para impulsar a conmemoración deste día, a AGPI e mais a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxeron en marcha unha web específica, www.diadailustracion.gal, desde a que se pode acceder aos principais recursos vinculados coa data. Entre eles, un breve vídeo producido pola AGPI sobre o ilustrador histórico homenaxeado este ano, Camilo Díaz Baliño (1889-1936), que ademais é o protagonista dunha exposición na Biblioteca e Arquivo de Galicia, visitable ata o 7 de marzo.

    O programa do Día da Ilustración inclúe diversas actividades desenvolvidas nas bibliotecas das principais cidades galegas, como talleres de cómic e ilustración, cursos e exposicións, e foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da AGPI, Sergio Covelo; Xosé Díaz, neto de Camilo Díaz Baliño; Alberto Guitián, membro da directiva da AGPI, e Minia Regos, autora da imaxe que ilustra o cartel da edición deste ano.