Hoxe recibimos a nova do pasamento do noso compañeiro Jaime Asensi. Ainda que actualmente non era socio de AGPI, foi membro da directiva en varias ocasións, en especial nos primeiros anos da asociación.
Jaime Asensi (Vilagarcía de Arousa, 1957) traballou desde os anos oitenta como ilustrador, deseñador gráfico e autor de cómic. En 2004 publicou Ubu rey, adaptación á banda deseñada da peza teatral de Alfred Jarry, en Edicions de Ponent. Ilustrou os contos Vanesa non quere ser princesa, de Xosé Antonio Perozo (2004), Tom e Mix, os cabalos de Clara, de Francisco López-Barxas (2009), e Monadas, de Luce Moreau-Arrabal (2009). En 2010 adaptou á banda deseñada a obra Pic-nic, de Fernando Arrabal. Ten colaborado con numerosas editoras e publicacións periódicas. En 2016 foi o autor do cartel do Día da Ilustración dese ano.
Pese a que deixou de formar parte da nosa asociación, o certo é que deixou en AGPI a moita xente que o apreciaba e sentímos a súa perda como se todavía fose un socio máis. Se xa o botábamos de menos, agora máis.
Dende AGPI damos o noso máis sentido pésame á súa familia e achegados. Descansa en paz, Jaime. Unha forte aperta, compañeiro.
Reunión dunha das primeiras directivas de AGPI da que formaba parte Jaime.
Dende FADIP cremos que chegou momento de renovar o Libro Branco da Ilustración en España. Os cambios normativos, sociais e tecnolóxicos fan que a información dos dous Libros Brancos anteriores quede desfasada, polo que cremos moi necesario –nun proceso que durará máis dun ano– a súa actualización, revisión e ampliación.
Para comprender as necesidades dos ilustradores e os novos retos da profesión, necesitamos a túa axuda. É por iso que vos animamos a cubrir este formulario antes do 10 de marzo, e compartilo con tódolos vosos compañeiros, socios ou non, para que teñamos a visión máis ampla posible do noso sector.
OBXECTIVOS
Realizar unha análise exhaustiva para coñecer a situación actual da ilustración.
Elaborar un informe sobre a profesión para achegálo ás institucións e desenvolver estratexias a curto, medio e longo prazo para potenciala.
Facilitar a inserción laboral das novas xeracións.
Mellorar a relación entre tódolos axentes implicados no ecosistema cultural.
Reforzar o sector creativo a nivel nacional e internacional.
CHAMADA Á PARTICIPACIÓN
A ilustradorxs profesionais, ou non, de calquera sector: editorial, LIX, álbum, banda deseñada, murais, deseño e comunicación, animación e FX, prensa, relatoría gráfica, etc. xa sexan por conta propia ou allea.
Con gran pesar comunicamos o pasamento de Xosé Vizoso, autor ó que lle adicamos o Día da Ilustración 2025. Vizoso faleceu na súa casa de Brión ós 75 anos despois dun longo periodo con problemas de saúde. Pese a isto, tivo azos de acudir, fai apenas uns días, á inauguración da súa mostra “Xosé Vizoso: O neno que debuxou un cabalo”, exposta na Biblioteca de Galicia.
Este feito supón a perda dun gran referente da cultura galega contemporánea, que deixa un legado fundamental na gráfica, no deseño e en xeral nas artes do noso país. Cando tomamos a decisión de rendir homenaxe a autores vivos, sabiamos que en moitos casos estariamos facendo unha carreira contra o tempo. Compre salientar que mesmo Vizoso salientou no seu discurso inaugural na Biblioteca de Galicia a importancia de rendir homenaxe ós autores en vida. O único consolo que nos queda foi poder rendirlle unha merecida homenaxe e que él puidera ter a oportunidade de ser participe e de recibir o agarimo do noso colectivo, das institucións e do conxunto da sociedade galega.
Dende AGPI mandamos o noso máis sentido e agarimoso pésame á súa familia. Descanse en Paz.
Como cada ano o 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración. Este ano será o primeiro no que se homenaxeará a un autor vivo, Xosé Vizoso, ilustrador editorial, de carteis e de produto, coñecido principalmente polo seu traballo dentro da empresa Sargadelos.
AGPI participa este ano, en colaboración ca Xunta de Galicia, con diversas actividades como a exposición conmemorativa Xosé Vizoso, o neno que debuxou un cabalo (Biblioteca de Galicia), traballando na súa elaboración man a man co propio Vizoso. Podedes atopar o resto das actividades tanto na portalde Culturada Consellería de Cultura, Língua e Xuventude como na web diadailustracion.galonde atoparedes, ademáis, un vídeo conmemorativo sobre o autor e información sobre a súa vida e obra.
Como cada ano animamos a todo o mundo a participar dun xeito sinxelo utilizando nas redes sociais o hashtag #Diadailustracion2025
O cartel deste ano é obra do noso socio Luís Sendón.
Xosé Vizoso é o autor homenaxeado do Día da Ilustración 2025. Alén da súa ampla traxectoria como deseñador e ceramista en Sargadelos, Vizoso (Mondoñedo, 1950) é un prolífico cartelista, muralista e ilustrador de libros. A súa obra destaca polo seu poderío visual e a profunda raigame coa imaxinería e a cultura tradicional galega.
A novidade deste Di25 é que por primeira vez vai adicado a un autor en vida. En AGPI apostamos por continuar nesta liña para poner tamén o foco nos nomes clave da ilustración galega recente. A posibilidade de colaborar e interactuar co propio autor na programación tamén está a ser algo novo e estimulante.
O Día da Ilustración é un proxecto colaborativo da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e AGPI.
Un ano máis, AGPI celebra o Encontro Galego de Ilustración, un evento anual cargado de obradoiros, charlas e presentacións en torno á ilustración e todo o que rodea á nosa profesión. O ano pasado estrenamos o Encontro na cidade de Vigo e este ano facemos o mesmo en Lugo. Os actos do Encontro vanse celebrar en varias datas do 19 de outubro ao 9 de novembro en varios emprazamentos como a EASD Ramón Falcón de Lugo (Paseo dos Estudantes, 31) e principalmente en O Vello Cárcere (Praza da Constitución, s/n) Este ano contamos ca presencia de bastantes socixs de AGPI como Aida Alonso, Augusto Metztli, Diego Estebo, Eva Agra, Gutián, Leandro Barea,Manel Cráneo e Santy Gutiérrez. Tamén con autoras como Giovanna Lopalco, que xa foi invitada do Encontro fai anos e Julia Lago. Tamén contamos cunha charla teórico-práctica con Mónica Rodriguez, experta en creativos e desenvolvemento personal. Tamén teremos acompañamento musical a cargo de Iria Estévez e moderando as charlas contaremos ca profesionalidade e simpatía da nosa querida Neves Rodríguez. Como actos de AGPI, anunciamos que teremos unha exposición en conmemoración dos primeiros vinte anos de AGPI composta de obras dxs socixs que se vai expoñer en O Vello Cárcere e unha presentación do novo Caderno AGPI. Todo isto e máis o veredes na programación do Encontro. Ilustración de Diego Pena
O día da ilustración en Galicia celébrase o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos/as profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. Neste 2024 será adicado a Chichi Campos.
Hai un amplo programa de actividades de todo tipo, como exposicións, documentais, e talleres ao longo da xeografía galega para lembralo.
O cartel deste ano fíxoo a ilustradora @perdivel , aí poderás atopar as datas e lugares dos eventos promovidas pola Consellería de @culturaxunta e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración connosco, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
Tamén hai moitas institucións, colectivos, e xente que a título individual, súmase a celebrar este día. Convidámoste a que asistas a todos os eventos que che coincidan para lembrar xuntos/as a Chichi Campos.
A AGPI traslada por primeira vez o seu evento anual á cidade olívica. Se xa o ano pasado retomou o formato presencial, superadas xa as restricións da pandemia, neste vixésima edición optouse por buscar novos espazos e lugares como a zona das Rías Baixas. Deste xeito, ademáis de servir como punto de encontro entre xs socixs de AGPI, queremos tamén contactar con nova xente e dar a coñecer a nosa asociación.
Este Encontro dividirase en dúas xornadas na que teremos diferentes charlas e mesas redondas da man de xente tan salientable como o gran Tomás Hijo (autor da imaxe do cartel), que nos vai dar unha interesantísima charla o venres 20 ou Lula Goce, que xunto a Eva Agra como moderadora, Xoana Almar e Diana Rodeiro (Nana) participará nunha charla sobre as mulleres na arte urbana o sábado 21.
Este ano AGPI celebra os vinte anos da súa refundación e por ese motivo falaremos da súa traxectoria nestas dúas décadas e faremos homenaxe aos socios de honra coa charla de José Luis Carreira, que nos falará da súa traxectoria como docente de ilustración.
O Encontro celebrarase en dous lugares diferentes da cidade de Vigo: A Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) e La Casa del Libro.
O programa do XX Encontro é o seguinte:
Programa venres 20 outubro: Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (Rúa de García Barbón, 5. Vigo)
16:30 h. Charla XX aniversario de AGPI coa presidenta Laura Romero. 18:00 h. “Aquí hai dragóns” Charla de Tomás Hijo
Programa sábado 21 de outubro: Salón de actos de La Casa del Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27, Vigo)
10:30 h. Presentación da nosa presidenta, Laura Romero. 10:35 h. Faladoiro e homenaxe aos socios de honra: José Luis Carreira presentado por Neves Rodríguez Rolda de preguntas posterior. 12:00 h. Pausa de café 12:30 h. Mesa redonda “Arte urbanA. Charla de mulleres muralistas” moderada por Eva Agra con Xoana Almar, Diana Rodeiro (Nana) e Lula Goce. Rolda de preguntas posterior.
AGPI, como membro da FADIP (Federación de Asociacións de Ilustradores Profesionais), súmase ó Manifesto de Apoio á Cultura suscrito pola Federación xunto a outras entidades de ámbito estatal relacionadas co sector cultural
Dende AGPI apoiamos o texto dos compañeiros da APIV (Associació de Professionals de la Il·lustració Valenciana) e compartimos o seu punto de vista sobre a necesidade de lexislar nestas novas tecnoloxías, a protección dos dereitos dos autores e autoras e en contra do uso actual das Intelixencias Artificiais Xenerativas (IAX).
O comunicado, traducido ó galego, é o seguinte:
Sobre as intelixencias artificiais xenerativas
Desde a Asociación de Profesionais da Ilustración Valenciana (APIV) defendemos os dereitos e intereses dos profesionais do sector. Por iso pensamos que é necesario reflexionar sobre o estado actual de desenvolvemento da intelixencia artificial xenerativa (IAX). A tecnoloxía pode ser marabillosa sempre que sexa ética, sustentable e imparcial e contribúa ao benestar individual e colectivo. Por todo isto, consideramos que as IAX, no seu estado actual, supoñen un grave risco para o noso sector e para o conxunto da sociedade, e polo tanto deben ser reguladas.
Que son as IAX de imaxe?
Son tecnoloxías que pertencen a grandes corporacións privadas, e que son capaces de xerar imaxes a partir de textos (prompts). Para que unha IAX poida crear unha imaxe, precisa dunha base de datos previa. Esta base de datos é LAION 5B, composta por 5000 millóns de imaxes e textos descritivos compilados de Internet. A maioría destas imaxes son obra de artistas protexidas por dereitos de autoría e utilizadas sen o seu consentimento. Para desenvolver LAION 5B, as empresas IAX crearon LAION, unha organización alemá sen ánimo de lucro. A través de LAION puideron recoller, con fins de investigación, todas estas imaxes sen incumprir a lei alemá. Posteriormente, trasladaron todo este traballo protexido por dereitos de autoría ás súas empresas matrices (con ánimo de lucro) nos Estados Unidos. Así é como as empresas da IAX roubaron o traballo de milleiros de artistas mediante unha estratexia intencionada de branqueo de datos.
As IAX non son éticas
Hoxe as IAX non están reguladas. Os seus avances tecnolóxicos, impulsados polo afán de lucro das grandes empresas, van máis rápido que a creación de leis xustas que controlen as súas consecuencias. Actualmente non é posible o uso ético de IAX porque a súa orixe é o roubo de datos con fins lucrativos.
Dereitos de autoría
Baixo o seu modelo actual de funcionamento, as IAX explotan de xeito non remunerado o traballo de milleiros de creadores. Isto supón unha violación sistemática —e a unha escala sen precedentes— dos dereitos de autoría, que suscita varios problemas. Entre eles, a falta de consenso xurídico internacional sobre quen é o propietario dos dereitos das imaxes xeradas.
Precariedade
As IAX están deseñadas para automatizaren e suplantaren os procesos creativos. Cando unha empresa prescinde dun profesional para traballar a través dunha IAX, faino para reducir custos. A consecuencia disto é a precariedade do noso sector.
Roubo de identidade
As IAX non só rouban o traballo dos creadores, senón que poden operar usando os seus nomes específicos como parte do texto xerativo (prompt) para imitar o seu estilo. Isto engade un novo conflito: a usurpación da identidade dos artistas e dos dereitos morais que os protexen.
Saúde mental
Os creadores que intentan vivir do seu traballo enfróntanse a diario ás condicións abusivas dun sector xa precario. Sumado a isto, sentírense substituídos por IAX nunha profesión altamente vocacional xéralles graves problemas psicolóxicos que temos que afrontar colectivamente.
Desigualdade
As empresas tecnolóxicas que xestionan as IAX mediante subscricións de pagamento acumulan cada vez máis beneficios á custa da vida digna de millóns de creadores. Promoven un modelo de sociedade baseado na desigualdade e na acumulación de riqueza en mans dunha minoría.
Cambio climático
As IA teñen un impacto ambiental devastador. Segundo Open AI (2020), o consumo enerxético utilizado na intelixencia artificial duplícase cada 3-4 meses. A potencia computacional necesaria para aumentar as súas capacidades, a curto e longo prazo, entra en conflito directo cos límites físicos do noso planeta.
Por todas estas razóns, desde APIV estamos en contra deste modelo de uso e de negocio da intelixencia artificial xenerativa e a favor da súa regulación.