Categoría: exposicións

  • Mariscal e Calros Silvar no Compostela Ilustrada

    Mariscal e Calros Silvar no Compostela Ilustrada

    A terceira edición do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, que decorrerá en Santiago entre os próximos 8 e 11 de novembro, inclúe no seu programa sesións de debuxo de rúa en directo, conferencias (dentro das Xornadas de Ilustración Urbana), obradoiros, presentacións e exposicións.

    O 10 de novembro, o noso socio Calros Silvar imparte a conferencia Unha ollada natural, que complementa a exposición homónima presente na Galería Sargadelos compostelá. A mostra recolle unha pequena escolma do traballo que leva realizando desde hai máis de vinte e cinco anos para guías de natureza e outros libros da mesma temática, e poderá visitarse ata o 30 de novembro.

    O resto de ilustradores participantes son Ana Luisa Frazão, Celia Burgos, Joaquín González Dorao, Maru Godas, Juan Linares, Ana Moreiras, Urumo, Catalina Rodríguez, Alicia Aradilla, Nanda Cabaleiro, Pablo Otero, Javier Valles, Miguelanxo Prado (director do encontro) e Javier Mariscal, que ademais dunha conferencia titulada Sorprender, fascinar, convencer e unha sesión de debuxo en directo fará a presentación do seu libro Los Garriris.

  • Múltiples citas de ilustración na Coruña

    Múltiples citas de ilustración na Coruña

    Desde o 1 de agosto desenvólvese na Coruña a Feira do Libro, que acolle moi diversas actividades e presentacións. Presentaron xa as súas novidades os nosos socios Dani Padrón, Xosé Tomás e Alberto Vázquez; a partir de hoxe fan o mesmo ilustradores como Fausto ou Miguelanxo Prado.  Mañá, sábado 4, a partir das 12:00, terá lugar na feira a 2.ª Brincadeira de ilustradoras e ilustradores, que, coordinada por David Pintor, contará coa presenza de Miguel Calatayud, Mariona Cabassa, Noemí Villamuza, Xan López Domínguez, Marc Taeger, Gustavo Roldán Devetach, Lucía Cobo, María Luisa Torcida, Xosé Cobas e María Lires, que participarán ás 18:00 nun debate conxunto. O venres 10 ás 18:00, a nosa socia Paula Mayor prepara a actividade «Collage da Coruña», relacionada co seu libro Coloreando A Coruña. Ao longo de toda a feira asinarán libros ademais os nosos socios Siro, Antonio Seijas e Óscar Villán.

    Ademais, o luns, día 6, comeza tamén a nova edición do festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, e á presenza de autores convidados coas súas respectivas exposicións súmanse tamén varias mostras complementarias organizadas por outras entidades. Así, na Galería Monty4 podemos encontrar a titulada Comix Revolution, do noso socio David Rubín, tamén protagonista, xunto con David Aja, da exposición Superpoderes, que ocupa a sede coruñesa de Afundación. No MAC (Museo de Arte Cotemporáneo), pola súa parte, exponse Historietas del tebeo, 1917-1977, que percorre a historia do cómic español baixo o comisariado de Antoni Guiral.

    Ademais, na próxima fin de semana comeza a nova edición do festival de autoedición e BD de autor Autobán, que se desenvolverá o venres 10 na Nave 1839 e o sábado 11 en diversos locais da rúa Orzán e que incluirá unha presentación de proxectos (o «Autobombo»), un Combate de debuxantes, unha feira de fanzines, charlas e mais un taller infantil.

  • Gran presenza galega no Viñetas desde o Atlántico

    Gran presenza galega no Viñetas desde o Atlántico

    Os nosos socios Emma Ríos, David Rubín e Xosé Tomás están entre os autores protagonistas da nova edición do festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, que se desenvolverá na Coruña entre o 6 e o 12 de agosto. Entre as exposicións do festival tamén estará a relativa á novela gráfica O corpo de Cristo (Premio Castelao 2017), da nosa socia Bea Lema.

    Os outros autores confirmados para este ano son o tamén galego Tirso Cons, Belén Ortega, Ángel de la Calle, Cristina Durán e Miguel Ángel Giner Bou, José Luis Munuera, Josep Homs, Mamen Moreu e José Ramón Sánchez, un clásico da ilustración española que nos últimos meses presentou a adaptación á banda deseñada da novela Moby Dick.

    A AGPI contará, como vén sendo habitual, cun posto dentro da feira do cómic («Rúa da BD»), situada tamén nos xardíns de Méndez Núñez. Nel poderase acceder a publicacións da asociación e tamén a obras producidas polos nosos socios.

    Cartel a cargo de José Luis Munuera

  • Exposición e charla de Ana Juan na Coruña

    Exposición e charla de Ana Juan na Coruña

    A exposición interactiva Ana Juan, debuxando ao alén é unha aproximación ao universo creativo desta ilustradora recoñecida internacionalmente. A aplicación desenvolvida para esta mostra descóbrenos o proceso creativo de dous proxectos editoriais totalmente distintos: Otra vuelta de tuerca e Snowhite. Ademais, presenta en primicia Erthaland, Snowhite’s Mystery Tale, unha aventura gráfica interactiva que desenvolve actualmente co equipo UNIT Experimental. A mostra permite a público mergullarse no primeiro capítulo desta aventura e realizar unha visita virtual á contorna en que transcorre. Ademais, a realidade aumentada e unha recreación animada revelan novos puntos de vista e múltiples detalles deste proxecto.

    A mostra, organizada por Acción Cultural Española, poderá visitarse na Sala Municipal de Exposicións de Palexco (Avenida da Asociación da Prensa, s/n, 15003 A Coruña) entre o 21 de xuño e o 29 de xullo, con entrada gratuíta.

    Como actividade previa, Ana Juan estará hoxe nun acto en que conversará con Esther Gómez (directora da libraría Moito Conto) e co noso socio Xosé Cobas. Será ás 19:30 na Sala de conferencias do Kiosko Alfonso (Xardíns de Méndez Núñez, 3, 15003 A Coruña).

  • Exposición ‘María Victoria Moreno: Paisaxes e personaxes’

    Exposición ‘María Victoria Moreno: Paisaxes e personaxes’

    Con motivo da próxima celebración do Día das Letras Galegas, a Xunta de Galicia puxo en marcha unha mostra para divulgar a figura da autora homenaxeada este ano: María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes. A exposición, que ten como primeira localización a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal —onde poderá visitarse ata o 9 de maio—, chegará a outros dez concellos galegos ata o mes de decembro: Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova.

    A mostra está baseada en ilustracións dos principais personaxes e escenas de oito libros de María Victoria Moreno, a cargo de oito ilustradores galegos: Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, M.ª Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón, baixo a coordinación de David Pintor, autor á súa vez da imaxe central da mostra.

    As obras con que os ilustradores e ilustradoras dialogan son O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema. Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas ao personaxe principal da historia e mais ao escenario no que se desenvolve a historia das obras. O resultado é unha galería de retratos e lugares que conforman o universo literario da autora.

    Pode accederse ao folleto da exposición en liña na web da Consellería de Cultura.

     

  • Exposición ‘Ilustrando Galicia. 2016-2017’

    Exposición ‘Ilustrando Galicia. 2016-2017’

    Ata o próximo 3 de xuño pode visitarse na Coruña a exposición Ilustrando Galicia. 2016-2017. A mostra pretende achegar a realidade máis recente da ilustración de libros no país, e para iso reúne a obra gráfica de 23 artistas, entre eles moitos socios da AGPI: Dani Padrón, Andrés Meixide, Marina Seoane, Óscar Villán, Nuria Díaz, Xan López Domínguez, Xosé Cobas, María Lires, Manuel Uhía, Jacobo Fernández Serrano, Rodrigo Chao, Antonio Seijas, David Pintor, Marcos Viso, Lucía Cobo, Víctor Rivas, María Brenn, Marc Taeger, Ánxeles Ferrer, Ignacio Hernández, Olaya Naveira Souto, Ana Pedreira e Luz Beloso.

    Para facer a selección de obras, atendeuse aos libros editados nos anos 2016 e 2017 e seleccionáronse 23 artistas galegos ou establecidos en Galicia, que tivesen obra publicada nese período, e que se tratase de primeiras edicións. Así, na exposición poden verse ilustracións pertencentes a libros dirixidos ao público infantil, texto narrativo e poético, álbums ilustrados de gran formato e libros-disco.

    A mostra está aberta na Casa de Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10, 15003 A Coruña), recinto municipal especializado na exhibición de ilustración e banda deseñada.

  • Día da Ilustración 2018

    Día da Ilustración 2018

    Desde 2014, ano en que a Xunta de Galicia introduciu a data no seu Calendario do libro e a lectura, a coincidir co aniversario do nacemento de Castelao, o 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración.

    Para impulsar a conmemoración deste día, a AGPI e mais a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxeron en marcha unha web específica, www.diadailustracion.gal, desde a que se pode acceder aos principais recursos vinculados coa data. Entre eles, un breve vídeo producido pola AGPI sobre o ilustrador histórico homenaxeado este ano, Camilo Díaz Baliño (1889-1936), que ademais é o protagonista dunha exposición na Biblioteca e Arquivo de Galicia, visitable ata o 7 de marzo.

    O programa do Día da Ilustración inclúe diversas actividades desenvolvidas nas bibliotecas das principais cidades galegas, como talleres de cómic e ilustración, cursos e exposicións, e foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da AGPI, Sergio Covelo; Xosé Díaz, neto de Camilo Díaz Baliño; Alberto Guitián, membro da directiva da AGPI, e Minia Regos, autora da imaxe que ilustra o cartel da edición deste ano.

  • Graphic Jam

    Graphic Jam

    O colectivo de ilustradores Miñoco, coa colaboración da AGPI e co apoio económico do Concello da Coruña a través do programa Cultura de Barrio, organiza o Graphic JAM, un evento que servirá de punto de encontro para os creadores gráficos na cidade da Coruña.

    Dentro das actividades previstas haberá exposicións, un obradoiro infantil, charlas, unha zona de clubes sectoriais e un speed dating para creadores noveis. O Graphic Jam terá lugar o sábado 30 de setembro no Centro Ágora. A entrada é libre e de balde.

    Máis info: Facebook – Twitter – Web

  • Nova edición de Autobom

    Nova edición de Autobom

    Este sábado 1 de abril ten lugar unha nova edición do Autobom, festival de autoedición, en Nave 1839 (Estación de tren de A Coruña).

    Durante ese día terán lugar varias actividades relacionadas co mundo do cómic e ilustración:

    +16:30 – Sesión vermú con música e picoteo.

    +17:30 – AutoLab para realizar cómic experimental e colaborativo.

    +18:30 – Mesa redonda sobre liberdade de expresión no campo da ilustración, con Guitián, Leandro e Sekone moderados por Edu Maroño.

    + 20:00 – Autocine (catro curtos de animación independentes)

    + 21:00 – III Akelarre Mutante: concertos ilustrados de BravuBoy (Pulpiño Viascón) e Strikeback, debuxados por Sara Roca e Álvaro López respectivamente.

    As actividades son gratuítas salvo os concertos, que recibirán un donativo de 5 a 10€ (a recadación será para os grupos e ilustradores).

  • A Guía Ninja no MiiC

    A Guía Ninja no MiiC

    A Guía Ninja da AGPI participa na MiiC (Mostra internacional de ilustración Contemporánea), que terá lugar de marzo a xuño do 2107.

    Esta mostra está comisariada por Matilde Rodríguez, e é a primeira mostra internacional de ilustración celebrada en Galicia. Unha panorámica de proxectos e autores innovadores (tanto galegos, estatais como internacionais) dentro da ilustración contemporánea.

    Entre os proxectos e autores que se amosan, a parte da Guía Ninja están: Cinta Arribas / Carlos Arrojo / Arnal Ballester / Gary Baseman / Los Bravú / Marina Capdevila / Eme / Cristóbal Fortúnez / Ilustradores a la mesa / IlustraDots / José Ja Ja Ja / Jano / Martin Jarrie / Martín López Lam / Pepe Medina / Sergio Mora / Nobrow / Sara Pazos / David Sierra / Alberto Vázquez

    Inaugúrase o próximo martes 21 de marzo ás 20:00 h no Auditorio de Galicia (Avda. do Burgo das Nacións – Santiago de Compostela)