Do 19 ó 23 de outubro no Pavillón 4.1 The Arts + A Federación de Asociacións de Ilustradores/as Profesionais de España en colaboración co Ministerio de Cultura e Deporte e a Feira Internacional do Libro de Francfort organiza unha exposición que albergará obra de sesenta autores/as de todo o territorio nacional. 30 persoas escollidas por convocatoria e outros 30 premios nacionais. Cada ilustrador ou ilustradora mostrarannos unha secuencia narrativa de dúas imaxes extraídas dun libro inédito ou xa publicado, contándonos unha pequena historia sen palabras. 60 historias mediante 120 ilustracións que representarán a ilustración española contemporánea. Convocatoria aberta do 20 de xullo ó 20 de agosto ás 23:59h. + info: www.fadip.org
Coincidindo coa efeméride do nacemento de Castelao (30 de Xaneiro), celébrase unha nova edición do Día da Ilustración, que visibiliza ao sector da ilustración e lembra a sobranceiros artistas e o seu legado. O homenaxeado deste ano é Reimundo Patiño.
Reimundo Patiño (A Coruña 1936-1985). Pioneiro da arte contemporánea galega, tivo un temperán contacto coa obra de Seoane, Castelao e Souto. Os seus primeiros cadros datan de 1953 cando pintou a serie “As sardiñas”.
En 1958 trasládase a Madrid. Alí descubre a pintura de vangarda e participa na fundación do grupo Brais Pinto. Foi un dos fundadores do partido independentista UPG en 1964 e militante ata o 1971. Ano no que fundou a primeira galería experimental de Madrid, onde expuxo por vez primeira o cómic mural “O home que falaba vegliota”. Impulsor do movemento A Gadaña (pioneiro da arte informalista en Galicia) e o colectivo Estampa Popular Galega, que produciu gravados, obra gráfica e carteis cun forte compromiso sociopolítico.
A figura de Patiño transcende a etiqueta de artista polo seu pensamento e activismo político na cultura galega da posguerra. Nos anos 60 e 70, o piso de Reimundo en Madrid era un salientable lugar de reunión. Participou en mostras do grupo Atlántica. Finou en A Coruña pouco antes de cumprir 50 anos.
Na web do evento www.diadailustracion.gal, pódese consultar tamén máis información sobre Reimundo Patiño así como as actividades programadas para estes días nas bibliotecas de Galicia.
A Biblioteca de Galicia (Santiago de Compostela) acolle a mostra de Reimundo Patiño: “O desacougo creador”. Que terá lugar dende o 28 de xaneiro ata o 10 maio con entrada libre e gratuíta. Ademáis nas distintas bibliotecas públicas e nas escolas de arte de Galicia atoparemos: Obradoiros, exposicións e actividades.
Alberto Díaz, Aarón Moucho, Sandra Lodi e Andrea López foron convidados pola AGPI como ilustradores e ilustradoras de diferentes miradas, para que fixesen unha obra sobre aquel aspecto de Reimundo Patiño que máis lles inspirase. Todas as obras poden consultarse tamén na web antes citada.
Os faladoiros deste ano serán retransmitidos online o 28 de xaneiro pola mañá, entre as 11.00 e as 14.00. O acceso ás charlas é totalmente libre, sen inscrición previa, e pódese seguir tanto pola web do Día da Ilustración, como polo facebook e a canle de youtube da AGPI.
Os participantes nestas actividades serán: O humorista gráfico e ilustrador Xaquín Marín, que nos falará dun Reimundo Patiño co que estivo estreitamente vencellado, e Roberta Vázquez que nos falará da súa obra e proxectos persoais.
Na AGPI sempre temos moitas ganas de cultura: de creala, de reivindicala e de expandila. E agora máis que nunca despois dun ano coma este. Por iso convidámosvos con especial ilusión ao próximo evento:
O vindeiro sábado 8 de maio ás 19.30 h estaremos no XXII SALÓN INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA no faladoiro “Meu dito, meu feito: unha semblanza sobre BD autoeditada”.
Cristian Fojón, Inés Casajeros e Miguel Porto serán os encargados de reflexionar e realizar interesantes achegas sobre BD, nunha conversa moderada por Óscar Iglesias no Salón de actos do Pazo da Cultura. O encontro é de balde, retransmítese tamén en streaming e precisa inscrición previa, entrando aquí para seleccionar a actividade e reservar praza.
Cine, contacontos, obradoiros de tecnoloxía e audiovisual, pintura mural, exposicións, escola de escrita e conversas arredor de distintos procesos creativos completan o programa de actividades desta nova edición do Salón do Libro, á que estamos moi contentas de sumarnos.
O cartaz gañador desta edición é obra da artistaAida Alonso, membro da AGPI, quen vén de realizar un prolífico e orixinal traballo de ilustración e collage.
Agardámosvos o próximo 8 de maio para festexar xuntas o regreso paseniño da cultura.
O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. A protagonista deste ano é Lolita Díaz Baliño.
Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963) foi unha pioneira artista multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época. Colaborou como ilustradora en diversas publicacións gráficas, como Mariñana, Galicia Gráfica ou Céltiga, amosando un estilo art déco sobrio e elegante, acorde coa moda propia do momento e tamén influencias do pensamento rexionalista.
Exerceu tamén unha importante labor como docente e, o 13 febreiro 1938, convértese na primeira muller, xunto a Carme Corredoyra, en ingresar como académica na Real Academia Galega de Belas Artes; é a primeira muller en facelo.
Lolita Díaz permaneceu incomprensiblemente esquecida durante moito tempo, a pesar de ser unha figura adiantada, que abriu camiño para moitas artistas que viñeron despois. Finalmente comeza a recibir o recoñecemento que merece.
Como todos os anos, a AGPI (e co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo), produciu un vídeo viral sobre a autora, xa dispoñible na web do evento www.diadailustracion.gal, onde se pode consultar tamén máis información sobre Lolita Díaz así como as actividades programadas para estes días nas bibliotecas de Galicia.
A Biblioteca de Galicia acolle a exposición «Lolita Díaz Baliño. A discreción imposta dunha grande artista». A mostra recolle documentos, libros, imaxes e obras de Fernández Mazas que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia. A mostra inaugurarase o vindeiro 30 de xaneiro e poderase visitar ata o 13 de maio de 2021 no horario de 9:00 a 21:00, e con entrada libre e gratuíta
Como novidade, a AGPI convidou a catro ilustradoras de diferentes ámbitos da ilustración, Lidia Cao, Nuria Figueiredo, Iria Ribadomar e Laura Romero, para que fixesen unha obra sobre aquel aspecto de Lolita Díaz que máis lles inspirase. Todas as obras poden consultarse tamén na web antes citada.
Ademais, debido á emerxencia sanitaria actual, as charlas deste ano serán retransmitidas online o 29 de xaneiro pola mañá, entre as 10.30 e as 13.30. O acceso ás charlas é totalmente libre, sen inscrición previa, e pódese seguir tanto pola web do Día da Ilustración, como polo facebook e a canle de youtube da AGPI.
As ponentes das dúas charlas serán Carla Berrocal, que nos falará da súa obra e proxectos persoais, e Rosario Sarmiento, que nos trazará un percorrido pola faceta ilustradora de Lolita Díaz. O acceso ás charlas é totalmente libre, sen inscrición previa, e pódese seguir tanto pola web, como polo facebook e a canle de youtube da AGPI. Este é o programa:
· CHARLA CON ILUSTRADORA INVITADA: CARLA BERROCAL 29 de xaneiro ás 10:30
· CHARLA: ‘LOLITA DÍAZ BALIÑO: A ILUSTRADORA DOS SOÑOS’ Con Rosario Sarmiento 29 de xaneiro ás 12:10
(Ambas charlas serán conducidas por Neves Rodríguez)
Agradecemos por suposto toda a difusión que lle dedes ao evento.
ODía da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. O protagonista deste ano é Cándido Fernández Mazas.
Cándido Fernández Mazas (Ourense, 1902 – Castro Caldelas, 1942) foi artista e escritor, e colaborou como ilustrador en publicacións como Nós ou Alfar. Ilustrou numerosos libros e asinou baixo distintos pseudónimos en xornais como La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou Política. En 1925 obtivo unha bolsa para estudar arte en París, onde entrou en contacto coas vangardas. Durante a Segunda República, participou nas actividades culturais das «Misións pedagóxicas» realizando carteis e decorados para o seu teatro de monicreques. A súa saúde psíquica e física quedou seriamente afectada pola Guerra Civil; morreu sen chegar a cumprir os corenta anos.
A Biblioteca de Galicia acollerá a exposición «Cándido Fernández Mazas: signos dunha quimera», con documentos, libros, imaxes e obras de Fernández Mazas que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia. A mostra inagurarase o 30 de xaneiro ás 11:00, e poderá visitarse ata o 29 de maio na sala de exposicións da Biblioteca de Galicia, no Monte Gaiás. Nos próximos días presentarase o vídeo de homenaxe que produce a AGPI coa colaboración da Dirección Xeral de Políticas Culturais, e que tamén se proxectará na mostra.
Ademais, no programa de actividades previsto para as bibliotecas públicas e escolas de arte galegas, hai unha mostra sobre o autor homenaxeado na bilioteca pública de Pontevedra, e o estudoso da súa obra José Manuel Bouzas dará unha charla na EASD Antonio Faílde de Ourense o 29 de xaneiro ás 12:00.
Por parte da AGPI (e co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo), están previstas actividades na EASD Pablo Picasso da Coruña os días 29 e 30 de xaneiro. O 29, a partir das 19:00 presentarase o Día da Ilustración e a continuación haberá unha charla co autor convidado Jesús Cisneros, que chega a Galicia despois de impartir talleres en lugares como Marsella, Seúl ou Bangkok. O 30, para as persoas previamente inscritas (as prazas están xa esgotadas), Cisneros impartirá un obradoiro de máscaras no mesmo lugar.
No resto de bibliotecas públicas haberá diferentes mostras, obradoiros e charlas con ilustradores como María Lires,Jorge Campos,Laura Núñez,Pablo Otero ou Xulia Pisón, que é ademais a autora do cartel do Día da Ilustración deste ano. Pola súa parte, o Club de Prensa de Ferrol tamén se sumou este ano á celebración cun acto de homenaxe a Fernández Mazas na Biblioteca Municipal ferrolá.
Dentro do seu programa de colaboracións con Portugal, a AGPI presenta dentro do 12.º Encontro Internacional de Ilustração de São João da Madeira, nesa localidade lusa próxima á cidade do Porto, unha mostra de vinte e cinco ilustracións doutros tantos ilustradores e ilustradoras membros da asociación.
Entre o 5 e o 11 de agosto, a cidade da Coruña recibe unha nova edición —a vixésimo segunda— do festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico.Este ano, o festival ten como autores convidados a Abel Alves,Yolanda Castaño (como figura central do libro colectivo de BD O puño e a letra, baseado en poemas seus), Jorge Coelho,Isabel Greenberg,Albert Monteys,Antonio Navarro,David Sala e Tony Sandoval. Ademais das mostras monográficas correspondentes a estes autores, o evento contará tamén coas exposicións «¡Mil rayos! Tesoros de un tintinófilo», de Pedro Rey; as pranchas da obra gañadora do Premio Castelao 2018, «Canción para afundir flores no mar», de Oliver Añón; e «¿Pintas o dibujas? Un paseo por el arte de la mano del cómic», que conta con obras de Ana Galvañ, Antonio Altarriba / Keko, Fermín Solís, Laura Pérez Vernetti, María Hesse, Mauro Entrialgo, Max, Pablo Auladell e Santiago García / Javier Olivares.
Como é habitual, o programa ten numerosas charlas e conferencias, presentacións, talleres e sesións de sinaturas, e ademais conta cunha feira especializada en cómic, co nome de «Rúa da BD». Nela, como vén sendo tradicional, a AGPI ten unha caseta, onde poden adquirirse as publicacións da asociación e tamén materiais xerados polos socios: láminas, fanzines e outros produtos de ilustración aplicada. Poden encontrarse así materiais de Carlos Arrojo,Sonia Corral,Miguel Cuba,Estefanía Domínguez Cagigao,Xosé Geada Uzal,Paula Mayor,Jorge Peral ou Luis Sendón,entre outros.
Cartel do Viñetas 2019, sobre ilustración de Belén Ortega
Hoxe presentouse publicamente o programa de actividades do Día da Ilustración 2019. Desde a súa instauración en 2014, o Día da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego.
O protagonista de 2019 é o vigués Federico Ribas, grande innovador da publicidade, moi célebre no seu momento coas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó. Como parte da homenaxe, realizouse un pequeno vídeo de dous minutos cunha ollada á súa vida e obra, seguindo a serie iniciada en 2017 con Álvaro Cebreiro e continuada en 2018 con Camilo Díaz Baliño.Ademais, a Biblioteca e Arquivo de Galicia inaugura hoxe unha mostra, titulada «Federico Ribas: As liñas da beleza», con obras, publicacións e outros documentos do ilustrador, que poderá visitarse ata o 7 de marzo na sala de exposicións da biblioteca, no complexo do monte Gaiás.
O cartel anunciador deste ano correu a cargo do ilustrador Santy Gutiérrez, cuxos traballos están ligados a campos tan diversos como o libro, o humor gráfico, a caricatura, a publicidade, a banda deseñada e o deseño téxtil, e que ten colaborado coas máis importantes editoras do país e con empresas como Estrella Galicia, R ou Inditex.
Actividades do Día da Ilustración na MiiC
Cartel con ilustración de Federico Ribas
Desde hoxe ata o propio Día da Ilustración sucederanse actividades nas diferentes bibliotecas públicas de Galicia, nunha iniciativa á que se suman este ano actividades desenvolvidas en colaboración entre a MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea), Afundación,AGPI e mais a Consellería de Cultura.
Así, o propio día 30, no vestíbulo da Sede de Afundación en Santiago de Compostela exporase un orixinal de Federico Ribas, reproducirase o vídeo sobre Ribas do Día da Ilustración e haberá un mural realizado pola ilustradora Bea Lema o día 28 de xaneiro. A inauguración desta xornada especial será ás 12:00, e, pola tarde, haberá unha charla e unha mesa redonda sobre ilustración: a partir das 19:00, o ilustrador e estudoso Siro (Siro López) pronunciará unha breve conferencia co título «Federico Ribas Montenegro». A iso das 20:00, baixo o título de «O oficio de ilustrar: o que está por vir» reuniranse nunha mesa redonda, en conversa sobre ilustración e banda deseñada, os autores Anabel Colazo,Andrés Magán e Carlos Arrojo, moderados por Bea Lema. Son todas elas actividades con entrada libre e gratuíta.
Ademais, por primeira vez unha entidade súmase por iniciativa propia á celebración: o Club de Prensa de Ferrol organiza, na Biblioteca Municipal desa cidade, unha charla e proxeccións sobre ilustración: proxectarán o vídeo do Día da Ilustración sobre Federico Ribas, ademais dunha serie de obras deste autor, e o ilustrador Leandro Lamas conversará coa xornalista Puri Rodríguez Calvo sobre o creativo publicitario e sobre a importancia da ilustración. Será tamén o 30 de xaneiro, ás 20:00, con entrada libre. Deste xeito, pouco a pouco a celebración do Día da Ilustración vai estendéndose, e os promotores do Día confían en que en cada edición haxa un maior número de entidades e localidades involucradas.
A terceira edición de Allariz Debuxado,Festival da Arte da Ilustración, decorrerá nesta vila ourensá na última fin de semana de xaneiro.
A primeira parte do festival decorrerá no Fogar dos Maiores. Así, o venres 25 de xaneiro, ás 12:30, será o momento da presentacion das xornadas, a cargo de César Lorenzo, director de Aira Editorial. O programa comezará, ás 13:00, cunha charla a cargo de Javier Olivares, títulada «Intermundos. Crónicas de mil viaxes entre a historieta e a ilustración». Pola tarde, ás 17:00, a primeira conferencia será de Miguel Ángel Giner Bou, «Guión e narrativa gráfica: claves para contar unha historia»; ás 19:00 darase paso a outra disertación, de Cristina Durán e o propio Giner Bou, baixo o título «O cómic como ferramenta de transformación social».
Pola noite, ás 23:30, o espectáculo de música e humor Branca & Tinta terá como escenario o Café Cultural Roi Xordo.
O sábado ás 12:00 abrirase a II Feira da Creación —definida como «feira de ilustración, deseño, edición e outras creatividades»—, que se poderá visitar durante todo o día no Espazo BenComún. O programa da feira incluirá micropresentacións de proxectos (ata o día 18 de xaneiro está aínda aberto o prazo de inscrición de participantes nesas micropresentacións; máis información, nesta ligazón), e ás 13:00 a presentación do proxecto Nimales a cargo de Miki Pluviam.
Pola tarde, no Fogar dos Maiores ás 17:00, os editores de Kalandraka Manuela Rodríguez e Xosé Ballesteros impartirán unha charla acerca da historia do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.
Como actividade complementaria, o festival contará coa exposición «11 anos de Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado», na Galería Circular.
Desde o 4 de decembro e ata o 10 de marzo, na Sede Afundación de Santiago de Compostela desenvólvese a segunda edición da MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea). A MiiC é unha exposición colectiva, comisariada por Matilde Rodríguez, que reúne proxectos ilustrados que buscan «compoñer unha fotografía do panorama actual na ilustración a nivel mundial».
As máis de 200 pezas que compoñen a exposición articúlanse arredor de 19 proxectos ilustrados —16 individuais e 3 colectivos—, que poñen o foco nas creacións máis persoais de artistas que se manifestan a través dunha das ramas da comunicación máis libres e creativas.
Na MiiC poden verse obras de Christoph Niemann, María Hesse, Brosmind, Helena Pérez García (autora do cartel desta edición), Lara Lars, Malota & Bestiola, Luisa Rivera, Sonia Pulido, Sara Landeta, Iria do Castelo, Iria Fafián, Héctor Francesch, a nosa socia Bea Lema,Nuria Figueiredo, Pelo di Cane (Giovanna Lopalco) e Réka Bucsi.
Conta ademais cunha sección dedicada aos premiados no ELCAF (East London Comic Arts Festival), outra a videoclips ilustrados e mais outra á ilustración en Abanca, con traballo feito por varios artistas galegos para as campañas de publicidade da entidade.