Categoría: historico

  • AGPI participa nos ‘Encuentros’ de APIM

    A Asociación Profesional de Ilustradores de Madrid (APIM) organiza para este venres e este sábado, dí­as 26 e 27 de febreiro, unha nova edición (a número trece) dos seus Encuentros con Ilustradores Profesionales, que nesta ocasión contan con presenza doutras asociacións de ilustradores, como a AGPI.

    Os Encuentros terán lugar no Museo Abc (Amaniel, 29, 28015 Madrid), e comezarán mañá ás 17:30 cunha mesa redonda titulada «Mirando desde el otro lado», na que falarán tres profesionais do mundo da dirección artí­stica publicitaria e editorial: Juan Pacheco, de Essencial Prod; Fernando Agresta, de Edelvives, e Pep Huertas, de McCann Barcelona.

    O sábado a xornada iniciarase ás 11:00 cunha sesión de revisión de portafolios (para a que xa está pechado o prazo de inscrición), cos ilustradores Riki Blanco, Juan Díaz-Faes, Alé Mercado, Mar Blanco e Enrique Lorenzo. Despois, ás 12:30, proxectarase en exclusiva o filme Vivir para dibujar, dibujar para vivir, documental sobre a realidade do cómic en España, en que APIM participou como produtor asociado na súa campaña de crowdfunding. Xa pola tarde, ás 16:00 presentaranse os resultados da Encuesta Nacional de Ilustración «Usted está aquí», coordinada pola APIM nas últimas semanas. Ás 16:30 será o momento da mesa redonda «Viajar acompañado: la función de las asociaciones de ilustradores en la actualidad», na que participarán Alé Mercado (responsable de relacións internacionais de Illustrators Ireland), Miguel Gallardo (presidente de APIC), Raquel Cuenca (presidenta de APIM) e Sergio Covelo (presidente da AGPI).

  • Paula Mayor participa na celebración do aniversario de Rosalía

    A nosa socia Paula Mayor é unha das catro ilustradoras escollidas pola Deputación da Coruña para celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro con novas imaxes da poeta que se exhiben en grandes lonas na fachada da deputación e o Teatro Colón e que están a difundirse polas redes sociais. As outras ilustradoras son Uqui Permuy, Aurora Cascudo Román e Aldara Prado (Dara Deer).

    As catro ilustracións poden verse aquí, e nesta ligazón pode accederse a máis información sobre o proxecto completo e as outras actividades do aniversario.

  • A AGPI participa nas actividades do
    Día da Ilustración


    Cartel do Día da Ilustración, a cargo de Jaime Asensi

    Este sábado, día 30, celébrase en Galicia o Día da Ilustración, con diversas actividades en diferentes puntos ao longo de varios días. Así, mañá, xoves 28, presentarase na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Av. de Xoán XXIII, s/n, 15704 Santiago de Compostela) o catálogo da AGPI Novas olladas sobre os clásicos universais, xunto co proxecto Guía Ninja do Ilustrador. O acto, que será ás 19:00, contará coa presenza dos directivos María Álvarez Hortas e Sergio Covelo e mais o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

    O sábado a AGPI buscará que as redes estean cheas de ilustración, e por iso convida a que os ilustradores e ilustradoras muden a súa imaxe de perfil por un autorretrato, ou compartan unha imaxe deste, baixo o hashtag #nosilustramos.

    Poden verse aquí todas as actividades programadas pola Xunta co gallo do Día da Ilustración.

  • Comunicado da AGPI

    POLO DEREITO A CREAR

    O pasado día 14 de xaneiro a prensa fíxose eco de que recoñecidos escritores, como Antonio Gamoneda, Caballero Bonald ou Eduardo Silva, foron sancionados pola Seguridade Social a causa de cobrar dereitos de autor sendo beneficiarios da pensión de xubilación. A lexislación actual non permite compatibilizar a actividade intelectual dos creadores xubilados coa pensión de xubilación que lles corresponde polos anos traballados. En definitiva, condena a xente de diferentes perfís profesionais (escritores, científicos, artistas…) á completa inactividade ou a realizar as súas actividades gratuitamente.

    Poñámonos en antecedentes: desde o 2012 calquera profesional da creación, chegado á idade da xubilación, debe renunciar a cobrar dereitos de autor, dar charlas, escribir artigos, etc., sempre e cando a cuantía de todo isto supere o SMI anual bruto, se quere cobrar a pensión. No caso contrario, de querer seguir percibindo estas cantidades, deberá renunciar á pensión. En definitiva, por un lado ou por outro, perde algún dos seus dereitos lexítimos.

    Desgraciadamente, a maioría da xente dedicada á creación non ten os ingresos dun Picasso ou os de certas estrelas do pop, por poñer uns exemplos coñecidos. Non, estamos falando na súa maioría de xente con ingresos máis ou menos limitados que, en moitos casos, se verán reducidos unha vez cheguen á idade da xubilación. Moitos deles necesitan eses ingresos.

    Non estamos a pedir privilexio ningún. Cobrar polos froitos do traballo non debería estar penalizado, pero, por desgraza, para os xubilados si o está. Paradoxalmente, os herdeiros dun autor poden compatibilizar o cobro dos dereitos de autor co cobro da pensión de xubilación. Hai outros colectivos que posúen outros medios de remuneración compatibles co cobro da pensión, como no caso dos produtos bancarios ou as pensións privadas.

    Por iso, diferentes entidades de xestión (VEGAP, CEDRO e SGAE), ademais da Asociación Colegial de Escritores de España (ACEE), en nome dos colectivos de autores que representan, entregaron hai semanas un manifesto pedindo ao Goberno o cambio da lexislación para corrixir esta situación que pensamos que é inxusta. (Máis información sobre este manifesto, na web da VEGAP).

    Simplemente pedimos o que nos corresponde, nin máis nin menos.

  • Inauguración da exposición
    ‘O ano no que nacimos’

    O Colectivo Miñoco, do que forman parte varios dos socios da AGPI, inaugura hoxe, venres 15, a súa mostra colectiva O ano no que nacimos. Será a partir das ás 20:00, na sala Plataforma 14 do Fórum Metropolitano (rúa Río Monelos, 1, 15006 A Coruña).

    A mostra, que poderá visitarse ata o 19 de febreiro, conta con 30 obras de ilustración que xiran en torno ao ano de nacemento de cada un dos autores, e nela proxéctase ademais un vídeo que resume os seis anos de andaina deste colectivo.

  • Taller de ilustración con Pablo Amargo
    en Ourense

    Os próximos 29 e 30 de xaneiro La Plantación organiza no Centro Cultural Marcos Valcárcel (rúa do Progreso, 30, 32003 Ourense) o taller exprés «Desmontando ruidos», a cargo do ilustrador Pablo Amargo.

    No taller, de 12 horas de duración, os participantes buscarán «a imaxe afinada, capaz de falar por si mesma sen distorsións innecesarias ou interferencias gratuítas». O venres 29, ademais, ás 20:15 ofrecerá unha conferencia aberta a todo o público interesado.

    O prezo de inscrición é de 110 euros; os socios/as da AGPI gozan dun 10% de desconto sobre o prezo. A inscrición ha de realizarse antes do 22 de xaneiro. Pode encontrarse toda a información sobre o taller na web de La Plantación.

  • Foro de Deseño FEED 2015

    A Asociación Galega de Deseñadores (DAG) organiza para os días 20 e 21 de novembro a terceira edición do seu foro bienal de deseño, FEED 2015. Terán lugar no auditorio de Expo Coruña e mais na Fundación Luís Seoane, na Coruña, e contarán con charlas e talleres a cargo de Massimo Menichinelli, Pepe Barro, Miguel Sabel, Óscar Otero, Javier Cañada, Marta Verde, Álvaro Valiño e Raquel Pelta.

    Existen varios tipos de entrada (dependendo do número de charlas ou talleres a que se queira asistir), e os socios da AGPI gozan da tarifa reducida en todos os casos.

    Máis información, na nota de prensa da presentación do foro.

  • Santiago García e Javier Olivares,
    Premio Nacional do Cómic 2015

    Onte dábase a coñecer que o guionista Santiago García e o debuxante Javier Olivares foron galardoados co Premio Nacional do Cómic correspondente a 2015 pola súa obra Las meninas. O xurado escolleuna por «ser unha obra que asume un risco na
    estrutura narrativa e no enfoque gráfico, que se resolve con
    brillantez, e por constituír un bo achegamento á figura de
    Velázquez, a súa época e a súa influencia noutros artistas». O premio,
    concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, está dotado
    con 20.000 euros e ten como obxecto distinguir a mellor obra publicada
    en calquera das linguas do Estado durante o ano anterior.

    Santiago García (Madrid, 1968) é licenciado en xornalismo, tradutor e guionista de cómic. Ten escrito textos
    especializados sobre banda deseñada e dirixiu as revistas U e Volumen. Entre os seus álbums de cómic destacan a serie El vecino, realizada con Pepo Pérez; o álbum La tempestad, debuxado por Javier Peinado; a adaptación de Beowulf, con David Rubín, e a novela gráfica García, con Luis Bustos.

    Pola súa parte, Javier Olivares (Madrid, 1964) é ilustrador e historietista; iniciouse na revista Madriz nos anos oitenta, e desde entón ten combinado o seu traballo en numerosas publicacións (como El País Semanal ou El Mundo) coa ilustración de libros de todo tipo. Entre os seus cómics máis destacados están La caja negra, Cuentos de la estrella legumbre e El extraño caso del doctor Jekyll y mister Hyde, con guión tamén de Santiago García.

    Las meninas ten obtido ademais, entre outros, o premio á Mellor obra no Salón do Cómic de Barcelona.

    O xurado estivo presidido polo director xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, José Pascual Marco, e actuou como vicepresidenta a subdirectora xeral de Promoción do Libro, Mónica Fernández. Compúñano os autores galardoados na edición de 2014, Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido; Álvaro Muñoz, designado pola Asociación de Autores de Cómic de España (AACE); Jorge González, pola Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), á que pertence a AGPI; Daniel Aubareda, pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros; Justo Barranco, por Ficomic; Leticia Azcue, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Berta Tapia, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España; Magdalena Suárez, polo Instituto de Investigaciones Feministas de la Universidad Complutense de Madrid; e Antoni Guiral, polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.

  • XII Encontro Galego de Ilustración


    Cartel do Encontro, ilustrado por Sagar Forniés
    O vindeiro sábado 31 de outubro decorrerá o XII Encontro Galego de Ilustración, que, como cada ano, organiza a AGPI. Esta edición ten como novidade o cambio de lugar, que serán na Aula magna da Hospedería San Martín Pinario (praza da Inmaculada, 3, 15704 Santiago de Compostela, a carón da praza do Obradoiro). Novamente, as actividades matinais son abertas a todo o público interesado, e completamente gratuítas.

    O Encontro comezará ás 10:00 coa presentación, que dará paso ás 10:10 á charla do primeiro convidado, o ilustrador Puño, titulada «Ilustrando ayer, hoy y quién sabe si mañana». Nela, Puño percorrerá a liña temporal do oficio de ilustrador, tanto desde unha perspectiva global como desde a súa persoal.

    Despois dunha pausa, ás 12:00 será o momento da charla de Sagar Forniés, «De la calle al estudio». Para Forniés, o debuxante ten un compromiso por entender e explicar aquilo que o rodea a través do debuxo; o ilustrador explicará como leva anos debuxando do natural e buscando a forma de dar unha segunda vida a ese traballo.

    Xa ás 13:30, para terminar, farase a presentación do novo catálogo da AGPI, Novas olladas sobre os clásicos universais.

    A partir das 14:00, os actos pasarán a ser xa para os socios da AGPI (o tradicional Fotomatón —foto de familia con todos os presentes—, o xantar e mais a asemblea xeral da asociación).

    O XII Encontro Galego de Ilustración conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e mais da Deputación da Coruña. Pode encontrarse toda a información do programa neste enlace (PDF, 2,18 MB).

  • AGPI na Feira do Libro de Frankfurt 2015


    Imaxe do posto oficial de Galicia na feira
    Desde o pasado día 14, e ata o 18 de outubro, desenvólvese a nova edición da Feira do Libro de Frankfurt, a feira editorial máis importante do mundo. O posto oficial promovido pola Xunta de Galicia dedica novamente espazo á ilustración, en colaboración coa AGPI.

    Así, no stand proxéctase continuamente un bucle de imaxes de ilustradores da AGPI e expóñense exemplares de libros ilustrados por socios nosos. Poden verse, ademais, en primicia, exemplares da nova publicación da asociación, Novas olladas sobre os clásicos universais.