Esta tarde, ás 20:00 h, a nosa socia Macus Romero inaugura a súa primeira exposición de ilustración, e faino no Café Universal (rúa de Santo André 1, 15003 A Coruña). A mostra poderá visitarse durante un mes.
Categoría: historico
-
Exposición de Macus Romero na Coruña
-
Presentación de ‘11 maneras de llegar a la Luna’
Hoxe, venres 20, a partir das 19:00 h, o noso socio Augusto Metztli organiza unha «quedada-presentación» do seu primeiro álbum ilustrado, 11 maneras de llegar a la Luna, publicado dentro do seu selo Tazalunarbooks.com a través dun proxecto de crowdfunding da plataforma Verkami. No acto entregaranse os libros e demais recompensas a todos os que apoiaron o proxecto na plataforma, e haberá unha charla sobre a obra para todos aqueles que queiran coñecela. Pode verse un tráiler do libro nesta ligazón.
O acto será en Tlapaltic (rúa de Edelmiro Trillo 19-1º C, 36600 Vilagarcía de Arousa).
-
Inaugúrase a ‘Exhibición de enxendros artísticos’
Esta tarde será inaugurada a mostra Exhibición de enxendros artísticos no café Detrás do Marco (rúa Londres s/n, 36202 Vigo). A exposición inclúe debuxos e ilustracións de Jano, Macarena González Muñoz e mais o noso
socio Sergio Covelo.
O acto de inauguración, a partir das 20:00 h, contará coa actuación en directo da banda Santos Morcegos. -
David Rubín, no festival Comicópolis de Bos Aires
Entre hoxe e o día 22 de setembro desenvólvese na capital arxentina o primeiro Festival Internacional de Historieta Comicópolis, que contará como convidado co noso socio David Rubín, ao lado de autores como David B., Carlos Nine, Quino, Joost Swarte ou Bill Sienkiewicz. En concreto, David dará unha charla esta tarde entrevistado polos críticos Andrés Accorsi e Carlos Reyes, e durante o festival o público poderá visitar a súa exposición Furias y virtudes.A axenda de David Rubín continúa ao seu regreso a España, pois participa o próximo martes 24 na Social Good Summit Madrid, de Intermon Oxfam, no debate «Un lenguaje para el cambio: el cómic», con Sonia Pulido, Miguel Gallardo, Cristina Durán & Miguel Ángel Giner Bou, Álvaro Ortiz e Paco Roca, moderados por Gerardo Vilches. Será no auditorio de Medialab Prado (plaza de las Letras, Alameda 15, 28014 Madrid), de 20:00 a 20:30 h. E desde o venres 27 participa na exposición colectiva Arts & Rock Crafts, sobre a cultura dos posters de concertos de rock, dentro do evento «El Garito de Converse», de Converse Get Loud.
-
Manel Cráneo expón na Fundación Luís Seoane
Durante esta semana, a coincidir co festival Freakemazine da Coruña, o noso socio Manel Cráneo está a expor a mostra Escapada ao Planeta Mincha na Fundación Luís Seoane (rúa de San Francisco s/n, 15001 A Coruña). A exposición inclúe varias pezas en volume e 18 ilustracións con
diferentes ambientes das series do universo Planeta Mincha. Algunhas son ilustracións inéditas, outras
pertencen á colección de libros «Diario de Pichük» e
outras xa formaron parte da mostra titulada Estampas do Planeta Mincha, de 2012.Foto da noticia: Demo Editorial
-
Patricia Castelao ilustra o primeiro libro infantil de Ricky Martin
O primeiro libro para nenos escrito polo cantante portorriqueño Ricky Martin, Santiago el soñador — Entre las estrellas, será publicado o próximo 14 de novembro, en versións española e inglesa, e estará ilustrado pola nosa socia Patricia Castelao. O volume será editado por Celebra, un selo de Penguin Group. Varios medios recollen máis detalles desta noticia, como este artigo do diario Abc.
-
«Exposición efímera» de José Domingo en Barcelona
Desde hoxe ata o próximo 21 de setembro, o noso socio José Domingo expón orixinais na galería de arte L’indiscret Showroom (carrer de Milá i Fontanals 46, 08012 Barcelona). A mostra titúlase Exposición efímera. Pode encontrarse máis información aquí.
-
Obradoiro de BD con Jacobo Fernández na Coruña
«A debuxar con Marcopola» é o título do obradoiro de cómic que o noso socio Jacobo Fernández Serrano coordinará este xoves, 19 de setembro, a partir das 18:00 h, na Biblioteca do Fórum Metropolitano (rúa Río Monelos 1, 15006 A Coruña). O taller está dirixido a cativos de entre 6 e 10 anos, e baséase na serie de cómic Marcopola, a illa remeira.
-
Xa nas librarías o novo libro ilustrado por Almudena Aparicio
O libro O gato fantasma, escrito por Xelís de Toro e ilustrado pola nosa socia Almudena Aparicio, chegou estas semanas ás librarías galegas da man de Edicións Xerais.Almudena ten sido noticia este verán tamén por ser a gañadora do Plum Pudding Competition 2013, organizada no último IlustraTour pola Plum Pudding Illustration Agency e a editorial británica Egmont.
-
Xosé Tomás, profesor dunha nova escola de ilustración
O noso socio Xosé Tomás será, xunto con Miguel Vázquez Freire, profesor da nova escola de ilustración O Neno Amarelo, que abre mañá o prazo de matrícula ata o día 2 de outubro. A escola, que terá a súa sede na cidade de Santiago (San Martiño Pinario, praza da Inmaculada 5, 15704 Santiago de Compostela), ofrece un curso de 40 horas de duración, as tardes dos venres do último trimestre deste ano, e está limitada a un máximo de 15 alumnos. O programa completo do curso pode verse aquí. Xosé Tomás tamén comeza este mes os seus obradoiros de ilustración e cómic —dirixidos a público infantil e xuvenil— na Libraría Biblos (rúa de Santiago 4, 15300 Betanzos, A Coruña), e están dispoñibles as últimas prazas para participar.