O noso socio Calros Silvar foi destacado este luns na galería de Illustration Served, unha selección dos mellores traballos de ilustración da web Behance. En concreto, o traballo escollido é o relativo á Guía de mamíferos de Galicia, que editou Baía Edicións en 2007.
Categoría: historico
-
Calros Silvar, destacado en ‘Illustration Served’
-
Nace ‘Boreal’: ilustración de actualidade
Boreal defínese como «unha web que narra a realidade con ilustracións, onde ilustradores correspondentes debuxan os feitos da actualidade que consideran máis relevantes, coa intención de lembrar, reflexionar e deterse 24 horas nun tema, nunha idea, illados da voráxine informativa e visual destes tempos». A web lanzouse o pasado mes de setembro, e o equipo está composto por catro «ilustradores correspondentes» —Fernando Prado, Marthazul, Ana Ferrer e o noso socio Augusto Metztli—, aínda que confían en amplialo co paso do tempo. Este tráiler explica cal é a filosofía que move o equipo, que busca financiar o proxecto a través do seu lanzamento na web de crowdfunding Verkami, onde aínda quedan 30 días para colaborar. -
Calendario 2014 de Nuria Díaz
A nosa socia Nuria Díaz ten xa dispoñible, nas súas tendas en liña en Etsy e Dawanda, o seu calendario 2014. O calendario ten unha ilustración por cada estación do ano (cada unha pode posteriormente ser enmarcada conmo lámina por separado), e hai versión en castelán e en inglés.Por outra parte, Nuria deseñou as cubertas e interiores do novo CD do grupo Turbolaser, titulado Segundo asalto, e poden verse algunhas mostras no seu blog.
-
David Rubín, un dos protagonistas do
Salón de Getxo
O Salón del Cómic de Getxo, que desenvolve a súa duodécima edición esta fin de semana, terá como unha das súas figuras máis destacadas ao noso socio David Rubín. Así, á parte de ser o autor do cartel deste ano, esta será a ocasión para a presentación en primicia da súa nova obra, a novela gráfica Beowulf, que asina co guionista Santiago García. O salón acollerá unha exposición de orixinais da obra, así como un coloquio con David o venres, 22 de novembro, ás 18:00 h, que estará conducido polo autor e crítico Borja Crespo. Además, David participará en varias sesións de sinaturas dos seus libros nos outros dous días do salón. Por outra parte, Rubín anuncia desde o seu blog as seguintes dúas presentacións de Beowulf: o 28 de novembro na libraría Universal de Barcelona, e o 29, na libraría Alita Cómics da Coruña.
-
Presentación da nova entrega d’Os Megatoxos
Este mércores, 20 de novembro, o noso socio Anxo Fariña presentará o libro Os Megatoxos e os Templarios da Luz no IES de Beade (Vigo). O centro celebra o seu 25.º aniversario cun completo calendario de actividades, entre elas a visita do autor e ilustrador da serie Os Megatoxos. Ademais da presentación, Anxo impartirá un obradoiro de ilustración para que mozos e mozas descubran os segredos que hai detrás dos debuxos da serie. -
Exposición ‘A Torre dos Mouros’ en Betanzos
Mañá, venres 15 de novembro, inaugúrase na Libraría Biblos (rúa de Santiago 4, 15300 Betanzos, A Coruña) a exposición relativa á BD A Torre dos Mouros, creada polo noso socio Manel Cráneo como parte do proxecto arqueolóxico Torre dos Mouros para a divulgación das primeiras conclusións das investigacións desenvolvidas. No acto de inauguración, ás 20:00 h, estarán presentes Manuel Gago, periodista e historiador, Antón Malde, arqueólogo (ambos os dous, asesores históricos desa BD) e o propio Manel Cráneo. Aproveitarase a ocasión para presentar tamén Vento e chuvia: mitoloxía da antiga Gallaecia, libro de relatos de Gago, ilustrado por Manel Cráneo.
-
Dobre presentación con
Alberto Guitián e José Domingo
Esta tarde, ás 20:00 h, José Domingo e mais Alberto Guitián estarán na libraría Alita Cómics (rúa do Orzán 94, 15003 A Coruña) a presentar os seus últimos traballos: por unha banda, o libro Conspiraciones, do primeiro, e por outra, os minicómics de José e Alberto incluídos dentro de Marrón, a nova caixa editada por Autsaider Comics. Neste caso, José Domingo e Alberto Guitián fixeron dúas historias interrelacionadas, tituladas respectivamente «Román» e «Ramón»; ambos contan máis sobre o proxecto nos seus blogs, aquí e aquí. -
Paula Mayor ilustra ‘El mundo de Lovely Pepa’
Hoxe chega ás librarías o volume El mundo de Lovely Pepa — Descubre el lado más personal de la bloguera de moda, da galega Alexandra Pereira Romero. A encargada de facer as ilustracións para as cubertas e as páxinas interiores, ademais de deseñar e maquetar o libro, é a nosa socia Paula Mayor. El mundo de Lovely Pepa é un achegamento á visión persoal da autora dun dos blogs máis seguidos no mundo, gañadora do premio á blogueira máis influente na New York Fashion Week 2013.
Na ficha da editorial pode verse a portada con máis detalle, e algunhas das páxinas do libro.
-
Novos proxectos de Martín Romero
O noso socio Martín Romero está a desenvolver o seu proxecto El manual de las Piedras, un webcómic de historias mudas que xa vai pola súa vixésimo quinta entrega, mentres no mercado francés a súa obra Les épisodes lunaires (publicada pola editora suíza Atrabile e aínda sen previsión de edición en España) está a ser moi ben recibida despois da súa aparición a finais de agosto. Ademais, Martín abriu recentemente o seu traballo a outros campos, como o deseño de envases; así, realizou este saco de comida para cans para a marca galega Lolacool.
-
Miguelanxo Prado, Premio Nacional do Cómic
Esta mañá deuse a coñecer que Miguelanxo Prado foi galardoado co Premio Nacional do Cómic 2013, pola súa obra Ardalén. O xurado destacou «o carácter poético da súa obra, que mestura a realidade co soño, a memoria e o esquecemento, e a súa mestría técnica no uso da cor». O premio, concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, ten como obxecto distinguir a mellor obra desta especialidade publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano anterior, e está dotado con 20 000 euros. Miguelanxo Prado (A Coruña, 1956) ten publicado, entre outros, os álbums de banda deseñada Fragmentos de la Enciclopedia Délfica (1985), Stratos (1987) e Trazo de xiz (1990). En animación, deseñou os personaxes da serie Men in Black (1997), produciu a serie Os vixilantes do Camiño (2000), e produciu e dirixiu a longametraxe De Profundis (2007). É ademais director do salón do cómic Viñetas desde o Atlántico desde 1998, e membro da Real Academia Galega de Belas Artes desde 2009. É miembro da Comisión de Profesionais do Observatorio da Ilustración Gráfica.
O xurado estivo composto por Ulises Ponce, a proposta da AACE; Nacho Casanova, por FADIP; Rocío Orraca pola CEGAL; Laura Pérez Vernetti por Ficómic; Víctor Nieto pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Fátima Ruiz Bacaicoa pola FAPE; Isabel Tajahuerce polo Instituto de Investigaciones Feministas da Universidad Complutense de Madrid; Paco Camarasa polo Ministro de Educación, Cultura e Deporte, e mais os dous últimos autores galardoados, Santiago Valenzuela e Alfonso Zapico.