Etiqueta: socios da AGPI

  • Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Hoxe presentouse publicamente o programa de actividades do Día da Ilustración 2019. Desde a súa instauración en 2014, o Día da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego.

    O protagonista de 2019 é o vigués Federico Ribas, grande innovador da publicidade, moi célebre no seu momento coas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó. Como parte da homenaxe, realizouse un pequeno vídeo de dous minutos cunha ollada á súa vida e obra, seguindo a serie iniciada en 2017 con Álvaro Cebreiro e continuada en 2018 con Camilo Díaz Baliño. Ademais, a Biblioteca e Arquivo de Galicia inaugura hoxe unha mostra, titulada «Federico Ribas: As liñas da beleza», con obras, publicacións e outros documentos do ilustrador, que poderá visitarse ata o 7 de marzo na sala de exposicións da biblioteca, no complexo do monte Gaiás.

    O cartel anunciador deste ano correu a cargo do ilustrador Santy Gutiérrez, cuxos traballos están ligados a campos tan diversos como o libro, o humor gráfico, a caricatura, a publicidade, a banda deseñada e o deseño téxtil, e que ten colaborado coas máis importantes editoras do país e con empresas como Estrella Galicia, R ou Inditex.

    Actividades do Día da Ilustración na MiiC
    Cartel con ilustración de Federico Ribas
    Cartel con ilustración de Federico Ribas

    Desde hoxe ata o propio Día da Ilustración sucederanse actividades nas diferentes bibliotecas públicas de Galicia, nunha iniciativa á que se suman este ano actividades desenvolvidas en colaboración entre a MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea), Afundación, AGPI e mais a Consellería de Cultura.

    Así, o propio día 30, no vestíbulo da Sede de Afundación en Santiago de Compostela exporase un orixinal de Federico Ribas, reproducirase o vídeo sobre Ribas do Día da Ilustración e haberá un mural realizado pola ilustradora Bea Lema o día 28 de xaneiro. A inauguración desta xornada especial será ás 12:00, e, pola tarde, haberá unha charla e unha mesa redonda sobre ilustración: a partir das 19:00, o ilustrador e estudoso Siro (Siro López) pronunciará unha breve conferencia co título «Federico Ribas Montenegro». A iso das 20:00, baixo o título de «O oficio de ilustrar: o que está por vir» reuniranse nunha mesa redonda, en conversa sobre ilustración e banda deseñada, os autores Anabel Colazo, Andrés Magán e Carlos Arrojo, moderados por Bea Lema. Son todas elas actividades con entrada libre e gratuíta.

    Ademais, por primeira vez unha entidade súmase por iniciativa propia á celebración: o Club de Prensa de Ferrol organiza, na Biblioteca Municipal desa cidade, unha charla e proxeccións sobre ilustración: proxectarán o vídeo do Día da Ilustración sobre Federico Ribas, ademais dunha serie de obras deste autor, e o ilustrador Leandro Lamas conversará coa xornalista Puri Rodríguez Calvo sobre o creativo publicitario e sobre a importancia da ilustración. Será tamén o 30 de xaneiro, ás 20:00, con entrada libre. Deste xeito, pouco a pouco a celebración do Día da Ilustración vai estendéndose, e os promotores do Día confían en que en cada edición haxa un maior número de entidades e localidades involucradas.

    O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Toda a información sobre esta e as pasadas edicións pode encontrarse na web diadailustracion.gal.

    • Noticia do Día da Ilustración na web da Xunta de Galicia

    • Especial sobre o Día da Ilustración (con entrevistas a Alberto Guitián, Bea Lema e Santy Gutiérrez) no programa ‘Diario Cultural’ da Radio Galega (30/1/2019)

    • Vídeos das actividades do Día da Ilustración na MiiC

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez

  • Segunda edición da MiiC

    Segunda edición da MiiC

    Desde o 4 de decembro e ata o 10 de marzo, na Sede Afundación de Santiago de Compostela desenvólvese a segunda edición da MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea). A MiiC é unha exposición colectiva, comisariada por Matilde Rodríguez, que reúne proxectos ilustrados que buscan «compoñer unha fotografía do panorama actual na ilustración a nivel mundial».

    As máis de 200 pezas que compoñen a exposición articúlanse arredor de 19 proxectos ilustrados —16 individuais e 3 colectivos—, que poñen o foco nas creacións máis persoais de artistas que se manifestan a través dunha das ramas da comunicación máis libres e creativas.

    Na MiiC poden verse obras de Christoph Niemann, María Hesse, Brosmind, Helena Pérez García (autora do cartel desta edición),  Lara Lars, Malota & Bestiola, Luisa Rivera, Sonia Pulido, Sara Landeta, Iria do Castelo, Iria Fafián, Héctor Francesch, a nosa socia Bea Lema, Nuria Figueiredo, Pelo di Cane (Giovanna Lopalco) e Réka Bucsi.

    Conta ademais cunha sección dedicada aos premiados no ELCAF (East London Comic Arts Festival), outra a videoclips ilustrados e mais outra á ilustración en Abanca, con traballo feito por varios artistas galegos para as campañas de publicidade da entidade.

  • Ilustración no Culturgal 2018

    Ilustración no Culturgal 2018

    Esta fin de semana decorre no Pazo da Cultura de Pontevedra a nova edición de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais. Nela darase cita unha boa representación de moi diversos sectores culturais, con presentacións, mesas redondas, actuacións, proxeccións e talleres para todo tipo de públicos. Entre toda a oferta de actividades culturais non podían faltar, naturalmente, as relacionadas coa ilustración.

    Así, por exemplo, mañá venres, ás 20:30 haberá o contacontos e obradorio de monicreques Lola e as 21 vacas (Triqueta Verde), coa ilustradora Blanca Millán.

    O sábado, ás 12:00, presentarase o novo libro de Bieito Iglesias, Guías caninos, coa presenza do seu ilustrador, Xulio Gayoso. Á mesma hora, Bea Lema conducirá un obradoiro de banda deseñada, que terá continuación ás 17:00 e ás 18:30. Ás 12:30, presentarase o novo volume da colección «Mulleres Bravas da nosa historia», Pepa, a loba, escrito por Ledicia Costas, e o acto contará coa súa ilustradora, Eva Agra. Ás 13:00 haberá espazo para a presentación «Deica! Creacións. 5 anos ilustrando o país», con Iria Ribadomar. Xa ás 17:30, presentarase a revista de banda deseñada A Viñeta de Schrödinger, editada pola Mesa pola Normalización Lingüística. A partir das 18:15 haberá unha sesión de contacontos e pintura, «Roger, o rato e o misterio das manchas» (Triqueta Verde) con David Lorenzo. Ás 19:00 será o momento da presentación do volume O puño e a letra. Antoloxía do cómic poético, que inclúe versións en cómic a cargo de 40 autores sobre poemas de Yolanda Castaño. En diferentes espazos da feira, ás 19:45 presentaranse os libros Anónimas, retratos de musas cotiás, coa ilustradora Gemma Marqués, e Don Ferretín Ferretón e o seu cadelo lambón coa ilustradora Aurora Cascudo Román.

    Xa o domingo, ás 13:00 terá lugar na feira a presentación do libro infantil O tempo meteorolóxico, co seu autor, Miguel Robledo. Finalmente, ás 13:30 poderase asistir á presentación do álbum ilustrado Puff! Vaia peido, con Luisa Martínez Lorenzo.

    O programa completo en PDF pode descargarse desde a web do festival.

    Cartel do Culturgal 2018, obra de Pepe Barro
  • Mariscal e Calros Silvar no Compostela Ilustrada

    Mariscal e Calros Silvar no Compostela Ilustrada

    A terceira edición do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, que decorrerá en Santiago entre os próximos 8 e 11 de novembro, inclúe no seu programa sesións de debuxo de rúa en directo, conferencias (dentro das Xornadas de Ilustración Urbana), obradoiros, presentacións e exposicións.

    O 10 de novembro, o noso socio Calros Silvar imparte a conferencia Unha ollada natural, que complementa a exposición homónima presente na Galería Sargadelos compostelá. A mostra recolle unha pequena escolma do traballo que leva realizando desde hai máis de vinte e cinco anos para guías de natureza e outros libros da mesma temática, e poderá visitarse ata o 30 de novembro.

    O resto de ilustradores participantes son Ana Luisa Frazão, Celia Burgos, Joaquín González Dorao, Maru Godas, Juan Linares, Ana Moreiras, Urumo, Catalina Rodríguez, Alicia Aradilla, Nanda Cabaleiro, Pablo Otero, Javier Valles, Miguelanxo Prado (director do encontro) e Javier Mariscal, que ademais dunha conferencia titulada Sorprender, fascinar, convencer e unha sesión de debuxo en directo fará a presentación do seu libro Los Garriris.

  • Ilustración na Gala do Libro Galego

    Ilustración na Gala do Libro Galego

    O pasado sábado, 19 de maio, tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, organizados conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e mais a Federación de Librarías de Galicia (FLG). Entre as obras gañadoras (escollidas entre todas as editadas ao longo de 2017), houbo varias relacionadas coa ilustración.

    Así, na categoría Infantil resultou premiado A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado polo noso socio Andrés Meixide. Na categoría Libro ilustrado, o premio foi para Tinta de luz, con textos de Xosé María Álvarez Cáccamo ilustrados pola artista visual Berta Cáccamo. Pola súa parte, na categoría Libro de banda deseñada, Alter-Nativo, de Jorge Campos, foi a obra galardoada. Finalmente, a categoría de Tradución premiou a versión de David A. Álvarez de Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, que inclúe as ilustracións orixinais de Ingrid Vang Nyman.

    Polo que respecta ao capítulo de Premios ás traxectorias, o galardón á Iniciativa cultural ou de fomento da lectura foi para o festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico.

    O xurado dos premios estivo formado por María Luz Corral, Mario Regueira, Marga do Val, o noso socio Óscar Villán, Susana Sánchez Aríns, Xavier Senín e Óscar Antón Pérez García.

  • Siro, guía pola Coruña de Álvaro Cebreiro

    Siro, guía pola Coruña de Álvaro Cebreiro

    Dentro do ciclo «Paseos pola Coruña literaria», este sábado, 12 de maio, o noso socio de honra Siro López guiará o titulado «Un paseo con Álvaro Cebreiro». O ciclo,  iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e o Concello da Coruña, componse de visitas guiadas pola cidade da Coruña da man de escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.

    Álvaro Cebreiro (1903-1956), figura imprescindible da arte galega, cun persoal estilo como humorista gráfico e caricaturista, foi un profesional interesado na arte europea do seu tempo que fixo interesantísimas achegas á ilustración galega. Precisamente, o Día da Ilustración de 2017 estivo dedicado á súa figura. Este paseo percorrerá a cidade polos lugares relacionados con el, ata chegar á praza do Humor, «espazo propio para falar do papel que tiveron os humoristas nos movementos sociais progresistas».

    A participación no paseo é gratuíta, aínda que hai un número limitado de prazas, polo que se precisa inscrición previa, tal e como se detalla na web do concello coruñés.

  • Exposición ‘María Victoria Moreno: Paisaxes e personaxes’

    Exposición ‘María Victoria Moreno: Paisaxes e personaxes’

    Con motivo da próxima celebración do Día das Letras Galegas, a Xunta de Galicia puxo en marcha unha mostra para divulgar a figura da autora homenaxeada este ano: María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes. A exposición, que ten como primeira localización a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal —onde poderá visitarse ata o 9 de maio—, chegará a outros dez concellos galegos ata o mes de decembro: Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova.

    A mostra está baseada en ilustracións dos principais personaxes e escenas de oito libros de María Victoria Moreno, a cargo de oito ilustradores galegos: Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, M.ª Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón, baixo a coordinación de David Pintor, autor á súa vez da imaxe central da mostra.

    As obras con que os ilustradores e ilustradoras dialogan son O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema. Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas ao personaxe principal da historia e mais ao escenario no que se desenvolve a historia das obras. O resultado é unha galería de retratos e lugares que conforman o universo literario da autora.

    Pode accederse ao folleto da exposición en liña na web da Consellería de Cultura.

     

  • Presenza galega no Concurso de Cómic da Biblioteca Insular de Gran Canaria

    Presenza galega no Concurso de Cómic da Biblioteca Insular de Gran Canaria

    A obra titulada Viento de levante, de Alejandro Galindo Buitrago, obtivo o primeiro premio —dotado con 3000 euros—, na primeira edición do Concurso Nacional de Cómic Biblioteca Insular de Gran Canaria. O xurado do concurso tamén outorgou un segundo premio, de 1500 euros, a La señora Rosa, de Elisa Riera, e un terceiro, de 1000 euros, a Nunca, de Francisco Bilbao e Mayte Gómez. Ademais, foron outorgados nove accésit dotados con 400 euros cada un; nos accésit houbo unha destacada presenza galega, con dous socios da AGPI entre eles: Michel Casado por Hotter tan the Hindenburg; Iago Araújo por Unamunos; Alicia Jaraba por Calcetines; Mayte Alvarado por El barco; Eduardo González por El Mercedes negro; Blanca Santamaría por El semáforo; Laura Pérez por Juega; Arnau Sanz por Selva Negra; e Javier Rodríguez por Working holidays.

    A editorial vasca Astiberri, coorganizadora do certame, publicará as obras gañadoras nun volume conxunto. O xurado desta edición estuvo presidido por Carlos García, e integrado polo editor Fernando Tarancón, os autores Rayco Pulido e Mamen Moreu e a xornalista especializada Tereixa Constenla.

    Á primera edición do Concurso de Cómic Biblioteca Insular de Gran Canaria presentáronse fundamentalmente autores e autoras españolas; Canarias foi a comunidade que máis obras rexistrou, cun un total de 72; seguidamente foron Galicia, cun total de 49, e Madrid, con 39, as seguintes comunidades que más títulos presentaron a esta convocatoria.

     

  • Exposición ‘Ilustrando Galicia. 2016-2017’

    Exposición ‘Ilustrando Galicia. 2016-2017’

    Ata o próximo 3 de xuño pode visitarse na Coruña a exposición Ilustrando Galicia. 2016-2017. A mostra pretende achegar a realidade máis recente da ilustración de libros no país, e para iso reúne a obra gráfica de 23 artistas, entre eles moitos socios da AGPI: Dani Padrón, Andrés Meixide, Marina Seoane, Óscar Villán, Nuria Díaz, Xan López Domínguez, Xosé Cobas, María Lires, Manuel Uhía, Jacobo Fernández Serrano, Rodrigo Chao, Antonio Seijas, David Pintor, Marcos Viso, Lucía Cobo, Víctor Rivas, María Brenn, Marc Taeger, Ánxeles Ferrer, Ignacio Hernández, Olaya Naveira Souto, Ana Pedreira e Luz Beloso.

    Para facer a selección de obras, atendeuse aos libros editados nos anos 2016 e 2017 e seleccionáronse 23 artistas galegos ou establecidos en Galicia, que tivesen obra publicada nese período, e que se tratase de primeiras edicións. Así, na exposición poden verse ilustracións pertencentes a libros dirixidos ao público infantil, texto narrativo e poético, álbums ilustrados de gran formato e libros-disco.

    A mostra está aberta na Casa de Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10, 15003 A Coruña), recinto municipal especializado na exhibición de ilustración e banda deseñada.