Etiqueta: Salón do Libro de Pontevedra

  • Faladoiro creativo: Mesa redonda sobre Ilustración e Arte con Eva Agra, David Fidalgo e Susana Suniaga

    Faladoiro creativo: Mesa redonda sobre Ilustración e Arte con Eva Agra, David Fidalgo e Susana Suniaga

    Este sábado 12 ás 12:00h. temos una cita no XXIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Trátase dun faladoiro cas artistas Eva Agra, David Fidalgo e Susana Suniaga, moderado por Lizartonne, no que se tratará a relación da ilustración coa arte dende o punto de vista máis institucional. Os artistas compartirán as súas experiencias e pensamentos, coñeceremos máis sobre os proxectos nos que andan a traballar actualmente e haberá tamén posibilidade de facer preguntas dende o público.

    Non volo perdades!!

    Faladoiro

  • Meu dito, meu feito: unha achega sobre BD autoeditada

    Meu dito, meu feito: unha achega sobre BD autoeditada

    Construír espazos de intercambio de ideas e compartir os retos que xorden na práctica diaria tamén forma parte, para nós, da ilustración coma oficio.

    Por iso, foi un verdadeiro pracer ter este espazo para a conversa no Salón do Libro de Pontevedra o pasado 8 de maio.

    Se non puideches asistir, agora tes ocasión de escoitar o faladoiro, no que Cristian Fojón, Inés Casajeros e Miguel Porto, moderados por Óscar Iglesias, charlaron sobre o espírito do fanzine e outras posibilidades de autoedición do traballo de ilustración. Moitas grazas a todas as persoas que viñéstedes conversar e fixéstedes as vosas valiosas achegas.

  • Conversa sobre BD autoeditada na nova edición do Salón do Libro

    Conversa sobre BD autoeditada na nova edición do Salón do Libro

    Na AGPI sempre temos moitas ganas de cultura: de creala, de reivindicala e de expandila. E agora máis que nunca despois dun ano coma este. Por iso convidámosvos con especial ilusión ao próximo evento:

    O vindeiro sábado 8 de maio ás 19.30 h estaremos no XXII SALÓN INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA no faladoiro “Meu dito, meu feito: unha semblanza sobre BD autoeditada”.

    Cristian Fojón, Inés Casajeros e Miguel Porto serán os encargados de reflexionar e realizar interesantes achegas sobre BD, nunha conversa moderada por Óscar Iglesias no Salón de actos do Pazo da Cultura. O encontro é de balde, retransmítese tamén en streaming e precisa inscrición previa, entrando aquí para seleccionar a actividade e reservar praza.

    Cine, contacontos, obradoiros de tecnoloxía e audiovisual, pintura mural, exposicións, escola de escrita e conversas arredor de distintos procesos creativos completan o programa de actividades desta nova edición do Salón do Libro, á que estamos moi contentas de sumarnos.

    O cartaz gañador desta edición é obra da artista Aida Alonso, membro da AGPI, quen vén de realizar un prolífico e orixinal traballo de ilustración e collage.

    Agardámosvos o próximo 8 de maio para festexar xuntas o regreso paseniño da cultura.

    Cartaz de Aida Alonso.

  • Encontro de Ilustración no Salón de Pontevedra

    Encontro de Ilustración no Salón de Pontevedra

    Actualización (12/3/2020): o organización do Salón cancelou todas as actividades, seguindo as instrucións da Xunta de Galicia e o Ministerio de Sanidade, que recomendaban a suspensión de eventos masivos. O Encontro de ilustración queda, pois, tamén cancelado.

    O próximo venres 13 de marzo, dentro do programa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, terá lugar ás 17:30 un Encontro profesional de ilustración, no Pazo da Cultura de Pontevedra (rúa Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra). A actividade está organizada pola AGPI en colaboración co Salón, e constará dunha charla e unha mesa redonda.

    A charla terá como título «O poder de asociarse»; nela explicarase o traballo que se realiza desde a asociación e cales son os motivos da súa existencia. A continuación, a mesa redonda «Un ilustrador na miña cidade. Crear comunidade» reunirá os Ilustradores pontevedreses Berto Fojo, Natalia Umpiérrez e Diego Estebo, moderados por Bea Lema. Falarán de como entenden o asociacionismo e de como é traballar desde Galicia nun mundo global.

    A asistencia ao encontro é gratuíta, mais é preciso inscribirse escribindo ao enderezo ponteilustra@gmail.com.