Etiqueta: Pontevedra

  • Sesión do Clube de Debuxo en Pontevedra

    Sesión do Clube de Debuxo en Pontevedra

    Trala boa acollida que tivo o Clube de Debuxo en Vigo e A Coruña, movémonos cara outras cidades. Nesta ocasión, visitaremos a asociación cultural Liceo Mutante, que leva anos ofrecendo actividades culturais na Rúa Rosalía de Castro, número 100 en Pontevedra. Trátase dun espazo aberto cun xardín no que poderemos debuxar sentados en cadeiras arredor da modelo. A actividade durará 2 horas cun descanso de 10 minutos. Será este sábado 22 de Agosto, de 11:30 a 13:30. Nesta ocasión teremos a unha profesional do Aikido que realizará unha exhibición co traxe reglamentario.

    As actividades do Clube de Debuxo están dirixidas a ilustradores/as, animadores/as, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. No caso dos/as socios/as da AGPI, a actividade é gratuíta, pero aos non socios nesta ocasión pediráselles un donativo de 2 euros (no propio local), para cubrir o pagamento do modelo. Dado que o Liceo Mutante é un espazo autoxestionado que está a atravesar serias dificultades trala crise da Covid-19, quen o desexe poderá facer un donativo libre destinado a súa subsistencia. Cada asistente, como é habitual, debe levar o seu propio material de debuxo. Para realizar a inscrición, só hai que cubrir este formulario en liña. As prazas son limitadas, e serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición. O prazo estará aberto ata o 21 de Agosto.

    O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir as nosas experiencias e inquedanzas.

    AVISO IMPORTANTE:

    • Recordamos que é imprescindible levar a mascarilla posta durante a duración da actividade. Para máis seguridade, as cadeiras estarán separadas apropiadamente unhas de outras. Pregamos utilicedes tamén o xel desinfectante que poremos á entrada.

    • A actividade realizarase ao aire libre, polo que recomendamos traer unha botella de auga e algo para crubir a cabeza en caso dun día moi soleado.

  • Encontro de Ilustración no Salón de Pontevedra

    Encontro de Ilustración no Salón de Pontevedra

    Actualización (12/3/2020): o organización do Salón cancelou todas as actividades, seguindo as instrucións da Xunta de Galicia e o Ministerio de Sanidade, que recomendaban a suspensión de eventos masivos. O Encontro de ilustración queda, pois, tamén cancelado.

    O próximo venres 13 de marzo, dentro do programa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, terá lugar ás 17:30 un Encontro profesional de ilustración, no Pazo da Cultura de Pontevedra (rúa Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra). A actividade está organizada pola AGPI en colaboración co Salón, e constará dunha charla e unha mesa redonda.

    A charla terá como título «O poder de asociarse»; nela explicarase o traballo que se realiza desde a asociación e cales son os motivos da súa existencia. A continuación, a mesa redonda «Un ilustrador na miña cidade. Crear comunidade» reunirá os Ilustradores pontevedreses Berto Fojo, Natalia Umpiérrez e Diego Estebo, moderados por Bea Lema. Falarán de como entenden o asociacionismo e de como é traballar desde Galicia nun mundo global.

    A asistencia ao encontro é gratuíta, mais é preciso inscribirse escribindo ao enderezo ponteilustra@gmail.com.

  • Ilustración no Culturgal 2018

    Ilustración no Culturgal 2018

    Esta fin de semana decorre no Pazo da Cultura de Pontevedra a nova edición de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais. Nela darase cita unha boa representación de moi diversos sectores culturais, con presentacións, mesas redondas, actuacións, proxeccións e talleres para todo tipo de públicos. Entre toda a oferta de actividades culturais non podían faltar, naturalmente, as relacionadas coa ilustración.

    Así, por exemplo, mañá venres, ás 20:30 haberá o contacontos e obradorio de monicreques Lola e as 21 vacas (Triqueta Verde), coa ilustradora Blanca Millán.

    O sábado, ás 12:00, presentarase o novo libro de Bieito Iglesias, Guías caninos, coa presenza do seu ilustrador, Xulio Gayoso. Á mesma hora, Bea Lema conducirá un obradoiro de banda deseñada, que terá continuación ás 17:00 e ás 18:30. Ás 12:30, presentarase o novo volume da colección «Mulleres Bravas da nosa historia», Pepa, a loba, escrito por Ledicia Costas, e o acto contará coa súa ilustradora, Eva Agra. Ás 13:00 haberá espazo para a presentación «Deica! Creacións. 5 anos ilustrando o país», con Iria Ribadomar. Xa ás 17:30, presentarase a revista de banda deseñada A Viñeta de Schrödinger, editada pola Mesa pola Normalización Lingüística. A partir das 18:15 haberá unha sesión de contacontos e pintura, «Roger, o rato e o misterio das manchas» (Triqueta Verde) con David Lorenzo. Ás 19:00 será o momento da presentación do volume O puño e a letra. Antoloxía do cómic poético, que inclúe versións en cómic a cargo de 40 autores sobre poemas de Yolanda Castaño. En diferentes espazos da feira, ás 19:45 presentaranse os libros Anónimas, retratos de musas cotiás, coa ilustradora Gemma Marqués, e Don Ferretín Ferretón e o seu cadelo lambón coa ilustradora Aurora Cascudo Román.

    Xa o domingo, ás 13:00 terá lugar na feira a presentación do libro infantil O tempo meteorolóxico, co seu autor, Miguel Robledo. Finalmente, ás 13:30 poderase asistir á presentación do álbum ilustrado Puff! Vaia peido, con Luisa Martínez Lorenzo.

    O programa completo en PDF pode descargarse desde a web do festival.

    Cartel do Culturgal 2018, obra de Pepe Barro