Etiqueta: movemento asociativo

  • Encontro de Ilustración no Salón de Pontevedra

    Encontro de Ilustración no Salón de Pontevedra

    Actualización (12/3/2020): o organización do Salón cancelou todas as actividades, seguindo as instrucións da Xunta de Galicia e o Ministerio de Sanidade, que recomendaban a suspensión de eventos masivos. O Encontro de ilustración queda, pois, tamén cancelado.

    O próximo venres 13 de marzo, dentro do programa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, terá lugar ás 17:30 un Encontro profesional de ilustración, no Pazo da Cultura de Pontevedra (rúa Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra). A actividade está organizada pola AGPI en colaboración co Salón, e constará dunha charla e unha mesa redonda.

    A charla terá como título «O poder de asociarse»; nela explicarase o traballo que se realiza desde a asociación e cales son os motivos da súa existencia. A continuación, a mesa redonda «Un ilustrador na miña cidade. Crear comunidade» reunirá os Ilustradores pontevedreses Berto Fojo, Natalia Umpiérrez e Diego Estebo, moderados por Bea Lema. Falarán de como entenden o asociacionismo e de como é traballar desde Galicia nun mundo global.

    A asistencia ao encontro é gratuíta, mais é preciso inscribirse escribindo ao enderezo ponteilustra@gmail.com.

  • Sumámonos a campaña «Ilustradores en branco»

    Sumámonos a campaña «Ilustradores en branco»

    Os nosos compañeiros da APIM (Asociación de Profesionales de la Ilustración de Madrid) puxeron en marcha durante a Feira do Libro do pasado mes de abril a campaña «Ilustradores en blanco», que ten como obxectivo principal denunciar a precariedade do mercado editorial. Pode lerse o manifesto aquí, e tamén poden verse imaxes das accións realizadas na súa conta de Instagram. 

    Desde a AGPI cremos que é importante unir forzas nesta dirección e sumámonos á campaña. Así pois, estamos a organizar unha queda, coordinada coas outras asociacións de ilustradores, este sábado 21 en librarías do centro de distintas cidades. Serán benvidos todos os ilustradores/as, así como todos os amantes e defensores da ilustración. Os asistentes, se é posible, levarán posto algo branco e repartirán marcapáxinas da campaña.

    De momento temos confirmadas as quedas en Santiago e A Coruña. Para quen non poida asistir, pode colaborarse de diversas formas:

    1. Descargando aquí o marcapáxinas de #ilustradoresenbranco e imprimindo algúns exemplares.
    2. Indo a librarías próximas, coñecidas, explicando a campaña, e pregúntadolles se se poden deixar marcapáxinas ao dispor dos clientes ou dentro dalgúns libros.
    3. Facendo seguimento do que se está a facer e subíndoo a redes (unha foto co libreiro ou libreira que acepta colaborar na campaña, unha foto poñendo os marcapáxinas etcétera).
    4. Póndolle os cancelos #ilustradoresenblanco e #ilustradoresenbranco a ao que se suba ás redes, etiquetándonos.

    En breve confirmaremos as datas e lugares das quedas.

  • CONVOCADOS OS PRIMEIROS PREMIOS APIM

    CONVOCADOS OS PRIMEIROS PREMIOS APIM

    Desde o pasado 16 de xuño, e ata o 15 de setembro, está aberto o prazo de presentación de candidaturas aos Premios APIM, que convoca por primeira vez a Asociación Profesional de Ilustradores de Madrid. Os galardóns, que buscan «promover e recoñecer o traballo profesional dos ilustradores nos distintos ámbitos da ilustración» e «recoñecer a traxectoria dos profesionais de maior experiencia e axudar a descubrir os novos talentos», teñen nesta edición once categorías: Animación/concept/videoxogos, Ilustración editorial, Portadas de publicacións, Ilustración de prensa/medios, Ilustración publicitaria, Ilustración científica, Cómic, Humor gráfico e Novo talento, ademais do Premio especial para socios de APIM e residentes en Madrid e o Premio honorífico. Estas dúas últimas categorías contan co apoio do Museo Abc.

    Poderán inscribirse obras que fosen publicadas ou encargadas no período de xaneiro a decembro de 2017 en calquera lugar do mundo. A excepción son as categorías Novo talento —que premiará proxectos de fin de carreira ou módulo de 2018— e o Premio honorífico, que será outorgado a un profesional de longa traxectoria, e decidido pola xunta directiva de APIM. Cada participante pode presentar un proxecto por categoría, pero pode optar a distintas categorías con diferentes proxectos. Poderá participar calquera ilustrador/a que resida en España, independentemente da súa nacionalidade; deberá realizar unha inscrición por cada obra presentada.

    O galardón é un trofeo deseñado por Pep Carrió. Os gañadores de todas as categorías daranse a coñecer publicamente o 15 de outubro de 2018; realizarase unha cerimonia de entrega o día 16 de novembro, no Museo Abc. As bases completas dos premios poden encontrarse na web de APIM.

    Cartel anunciador dos premios, sobre ilustración de Pep Carrió

  • Campaña «Price It Right»

    Campaña «Price It Right»

    Price It Right é unha campaña coordinada polo European Illustrators Forum (EIF) que pretende concienciar e apoiar os profesionais da ilustración e os seus clientes á hora de negociar o seu traballo e poñerlle prezo. Na campaña colaboran todas as asociacións membro —que representan arredor de 12.000 ilustradores e ilustradoras de toda Europa—, entre elas as que compoñen FADIP, como a AGPI.

    A campaña busca ser beneficiosa tanto para ilustradores como para clientes. Presenta testemuños de profesionais recoñecidos do mundo da ilustración —como Mar Hernánez Malota, Xan López Domínguez ou a editora Marion Duc—, anima os ilustradores a compartiren nas redes sociais estas reflexións e as súas propias, dá algúns consellos e recursos para a negociación dos traballos de ilustración e propón participar nunha enquisa que servirá para valorar en toda Europa o estado da cuestión.

    Price It Right, que se desenvolverá ata marzo de 2019, ten como precedente diversas campañas en contra do traballo gratuíto, que se dá moitas veces en forma de «traballo especulativo» na actualidade, e vai un paso más alá, buscando concienciar a todos os sectores implicados da necesidade de prezos xustos e negociacións transparentes, como garantía da propia perdurabilidade da actividade da ilustración. Pode accederse a todos os materiais da campaña en galego, incluída a enquisa, aquí. E tamén en castelán, nestoutra ligazón da FADIP.