Etiqueta: institucional

  • Faladoiro creativo: Mesa redonda sobre Ilustración e Arte con Eva Agra, David Fidalgo e Susana Suniaga

    Faladoiro creativo: Mesa redonda sobre Ilustración e Arte con Eva Agra, David Fidalgo e Susana Suniaga

    Este sábado 12 ás 12:00h. temos una cita no XXIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Trátase dun faladoiro cas artistas Eva Agra, David Fidalgo e Susana Suniaga, moderado por Lizartonne, no que se tratará a relación da ilustración coa arte dende o punto de vista máis institucional. Os artistas compartirán as súas experiencias e pensamentos, coñeceremos máis sobre os proxectos nos que andan a traballar actualmente e haberá tamén posibilidade de facer preguntas dende o público.

    Non volo perdades!!

    Faladoiro

  • Meu dito, meu feito: unha achega sobre BD autoeditada

    Meu dito, meu feito: unha achega sobre BD autoeditada

    Construír espazos de intercambio de ideas e compartir os retos que xorden na práctica diaria tamén forma parte, para nós, da ilustración coma oficio.

    Por iso, foi un verdadeiro pracer ter este espazo para a conversa no Salón do Libro de Pontevedra o pasado 8 de maio.

    Se non puideches asistir, agora tes ocasión de escoitar o faladoiro, no que Cristian Fojón, Inés Casajeros e Miguel Porto, moderados por Óscar Iglesias, charlaron sobre o espírito do fanzine e outras posibilidades de autoedición do traballo de ilustración. Moitas grazas a todas as persoas que viñéstedes conversar e fixéstedes as vosas valiosas achegas.

  • Conversa sobre BD autoeditada na nova edición do Salón do Libro

    Conversa sobre BD autoeditada na nova edición do Salón do Libro

    Na AGPI sempre temos moitas ganas de cultura: de creala, de reivindicala e de expandila. E agora máis que nunca despois dun ano coma este. Por iso convidámosvos con especial ilusión ao próximo evento:

    O vindeiro sábado 8 de maio ás 19.30 h estaremos no XXII SALÓN INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA no faladoiro “Meu dito, meu feito: unha semblanza sobre BD autoeditada”.

    Cristian Fojón, Inés Casajeros e Miguel Porto serán os encargados de reflexionar e realizar interesantes achegas sobre BD, nunha conversa moderada por Óscar Iglesias no Salón de actos do Pazo da Cultura. O encontro é de balde, retransmítese tamén en streaming e precisa inscrición previa, entrando aquí para seleccionar a actividade e reservar praza.

    Cine, contacontos, obradoiros de tecnoloxía e audiovisual, pintura mural, exposicións, escola de escrita e conversas arredor de distintos procesos creativos completan o programa de actividades desta nova edición do Salón do Libro, á que estamos moi contentas de sumarnos.

    O cartaz gañador desta edición é obra da artista Aida Alonso, membro da AGPI, quen vén de realizar un prolífico e orixinal traballo de ilustración e collage.

    Agardámosvos o próximo 8 de maio para festexar xuntas o regreso paseniño da cultura.

    Cartaz de Aida Alonso.

  • Comunicado da Asociación de Profesionais da Ilustracion (AGPI) en relación ao plan de reactivación dos sectores cultural e turístico da Xunta de Galicia.

    Comunicado da Asociación de Profesionais da Ilustracion (AGPI) en relación ao plan de reactivación dos sectores cultural e turístico da Xunta de Galicia.

    Recentemente a Xunta de Galicia publicou o seu “plan de reactivación dos sectores cultural e turístico” presentando unha serie de medidas co fin de axudar a estes sectores afectados pola crise derivada da pandemia da COVID-19.

    Dende AGPI queremos manifestar publicamente a nosa disconformidade con estas medidas. Argumentámolo nun comunicado oficial que podedes leer no pdf a continuación.

    >COMUNICADO CAST/GAL PDF<

  • Resultado enquisa en relación á crise derivada da COVID-19

    Resultado enquisa en relación á crise derivada da COVID-19

    Despois de lanzar a enquisa o pasado 29 de marzo, hoxe publicamos os resultados da mesma sobre o efecto económico da COVID-19 no sector.

    Entre os datos obtidos destaca que o traballo dos profesionais estase vendo afectado pola paralización da entrada de novos proxectos, de media os ilustrador poderán subsistir un máximo de 3 meses na situación actual e que un 62 % dos enquisados non poden acceder ás axudas derivadas da crise da COVID-19. Podes ler o informe completo aquí.

    Nas próximas semanas desde FADIP farase un estudo conxunto dos resultados obtidos polas diferentes asociacións o que nos permitirá ter unha mostra máis representativa.

  • Reunións con institucións sobre a afectación da crise do COVID-19 no sector da ilustración e a cultura

    Reunións con institucións sobre a afectación da crise do COVID-19 no sector da ilustración e a cultura

    REUNIÓN DA FADIP CO MINISTERIO DE CULTURA E FACENDA

    Dende FADIP (Federación de Asociacións de Ilustradores/as Profesionais) seguimos a traballar. Despois de trasladarlle o Ministerio de Cultura a nosa precupación polas consecuencias da crise no sector, deseñamos 14 medidas concretas divididas en seis liñas de actuación. As catro primeiras están enfocadas a todo o sector da cultura, e as dúas últimas resolven problemáticas máis específicas do noso sector.

    • A primeira liña está enfocada ao sustento básico. 
    • A segunda propón axudas á profesionalización e asesoría. 
    • A terceira e cuarta detallan axudas ao investimento en cultura previa e posterior á crise para reactivar a nosa economía. 
    • A quinta enfocada ao sector da ilustración e as boas prácticas en dereitos de autoría.
    • A sexta á protección de traballadores e traballadoras culturais sen contrato en empresas que sofren  ertes.

    A reunión terá lugar esta tarde contorna ás seis. Asistirá o presidente da FADIP Daniel Crespo xunto aos e as máximas representantes dos Ministerios de Cultura e Deporte, e Facenda.

    REUNIÓN CA CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

    Ademais o pasado 6 de abril a AGPI tivo unha videoconferencia co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A reunión enfocouse nas consecuencias da crise do COVID-19 no sector do libro e tamén estiveron presentes a Asociación Galega de Editoras, a Asociación Galega de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia. Tivemos a oportunidade de expoñer as problemáticas específicas do sector en relación o libro, medidas tamén recollidas no documento que desde FADIP se enviou o Ministerio de Cultura.

    Posteriormente solicitamos ao conselleiro de Cultura e Turismo unha nova cita onde poder reunirnos para falar unicamente das necesidades do sector da ilustración, a animación e o muralismo. Xa que a nosa profesión abrangue moitos campos de traballo e non unicamente o do libro. Xunto con esta petición adxuntamos un documento que recolle medidas concretas a desenvolver pola asociación en colaboración coa Xunta como: a creación dunhas bolsas de creación e a petición de axudas para o asesoramento legal. Estamos a espera da súa resposta.

    Ademáis de todas as medidas mencionadas, o pasado 20 de marzo apoiamos o BORRADOR PARA UN DOCUMENTO UNIFICADO DE PROPOSTAS DE ACCIÓN E DE MEDIDAS ESPECÍFICAS DIRIXIDAS AO SECTOR CULTURAL GALEGO POLAS CONSECUENCIAS DO COVID-19, que recolle medidas que consideramos importantes como a declaración da cultura como ben de primeira necesidade, ao igual que teñen feito Alemaña e Francia ou a redefinición da programación do Xacobeo 2021 para convertelo nunha ferramenta de reactivación e apoio aos sectores profesionais da cultura galega.

    Por último, queremos lembrarvos que a enquisa sobre o efecto económico da suspensión da actividade no sector da ilustración segue aberta ata o día 23 de abril, polo que vos animamos a participar se inda non o fixestes.

  • #ilustracionenlucha. Acción conxunta do sector da ilustración ante a COVID-19

    #ilustracionenlucha. Acción conxunta do sector da ilustración ante a COVID-19

    Dende FADIP (Federación de Asociacións de Ilustradores/as Profesionais) estamos a organizar unha acción conxunta co obxectivo de crear un informe interterritorial da situación do sector da ilustración no sentido máis amplo con respecto á crise xerada pola COVID-19.

    O eixo principal desta campaña son unha serie de enquisas que se están a realizar por diferentes asociacións de profesionais territoriais. A nivel galego, da nosa enquisa en particular, xa vimos falando dende fai uns días.

    Coa iniciativa anímase a tódalas persoas interesadas a descargar a imaxe da campaña e escribir un texto invitando a encher as enquisas. Podes compartila nas diferentes redes sociais xunto ó hashtag #ilustracionenlucha e etiquetando a @fadip_org.

    Máis información sobre a campaña na páxina de FADIP.

    Ilustración de Nuria Tamarit
  • Enquisa sobre o efecto económico da COVID-19 no sector

    Enquisa sobre o efecto económico da COVID-19 no sector

    Seguindo a estratexia doutras asociacións como APIC, desde a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración vai desenvolverse un pequeno estudo sobre a situación económica dos ilustradores/as ante a parada de actividade provocada pola COVID-19. Este estudo servirá para analizar que medidas é importante tomar e solicitar ás diferentes administracións. A AGPI está en contacto activo con outras entidades e asociacións representativas do sector das industrias culturais, e coñecer de primeira man a experiencia dos profesionais da ilustración vai servir para trasladar as súas necesidades a documentos sectorais.

    Así pois, a AGPI convida a todos os ilustradores e ilustradoras interesados a participar, de forma totalmente anónima, nesta enquisa en liña.

  • Axudas para a participación en actividades do sector do libro 2020

    Axudas para a participación en actividades do sector do libro 2020

    No DOG de onte, 10 de febreiro, pode lerse a convocatoria completa «para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nas actividades que se realicen no sector do libro no 2020». A convocatoria, que estará aberta ata o 15 de outubro de 2020 (inclusive), permite cubrir os gastos de viaxe e aloxamento a feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas relacionadas co sector do libro desenvolvidas en 2020 (unha única actividade no sector do libro por persoa beneficiaria). Teñen que ser gastos estritamente necesarios (e non se admiten os de manutención) e non poden superar os 250 euros para actividades dentro de Galicia, 600 euros en caso de actividades situadas na Unión Europea ou os 1500 euros nos das situadas fóra dela. Os gastos deben estar facturados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 12 de decembro de 2020 (inclusive).

    As persoas interesadas deberán presentar, ademais do formulario proporcionado na orde da axuda, un xustificante de inscrición na actividade obxecto da subvención, declaración xurada da exención do IAE (ou certificado desa exención), copia da alta en autónomos e documentación en que conste o ISBN e o depósito legal dos libros publicados nos tres últimos anos.

    Cada persoa pode solicitar axuda para a asistencia a unha única actividade no sector do libro. Os beneficiarios, para percibiren a subvención, deberán acreditar a realización dos gastos subvencionados e xustificar a totalidade do orzamento. En caso de actividades xa realizadas en 2020, o prazo para a xustificación (unha vez concedida a axuda) será de cinco días hábiles desde a data de aceptación da axuda; no caso de actividades que vaian acontecer posteriormente este ano, será de cinco días hábiles desde o remate da actividade en cuestión.

    Para xustificar haberá que entregar: unha copia do certificado de asistencia á actividade emitido pola entidade organizadora ou un xustificante oficial da entrada da persoa beneficiaria; unha memoria das actividades levadas a cabo en relación coa finalidade da subvención; unha relación clasificada dos gastos (identificando o acredor, o documento de gasto ou factura, o importe, a data de emisión e a data de pagamento), e xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (salvo en gastos menores de 1000 euros, que poderán ser en metálico e deberán figurar así na factura).

    Toda a información pode consultarse na orde publicada no DOG, e os formularios e anexos oficiais poden descargarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Paco Giménez, Premio Nacional de Ilustración 2019

    Paco Giménez, Premio Nacional de Ilustración 2019

    Onte deuse a coñecer o gañador do Premio Nacional de Ilustración correspondente a 2019, Paco Giménez. En palabras do xurado, o recoñecemento ao ilustrador vén motivado «por manter a calidade e a frescura ao longo dunha traxectoria de máis de corenta anos cun estilo característico; pola súa lealdade á liña e á xeometría asimilada dalgunhas das vangardas históricas das artes visuais, impulsando así a profesión e a ilustración infantil e xuvenil». O premio está concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, «co obxectivo de recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por unha ilustradora ou ilustrador español no ámbito do libro e das letras en calquera das linguas españolas», e conta cunha dotación económica de 20 000 euros.

    Paco Giménez (Valencia, 1954) iniciou o seu labor profesional como ilustrador e deseñador gráfico en 1974, e desde 1982 o seu traballo céntrase principalmente no sector infantil e xuvenil. Habitualmente forma tándem co escritor Carles Cano. Ademais de banda deseñada, ten ilustrado individualmente máis de 125 libros e materiais didácticos. Entre os outros galardóns que ten obtido encóntrase o Premio Lazarillo (1989), o Premi al llibre en valencià millor il·lustat (2002) e a selección ‘White Raven’ (1996). Ten participado en innumerables exposicións internacionais, como as da Bienal de Bratislava, a Feira de Boloña, o Institut International Charles Perrault ou o MUVIM de Valencia. Ten sido cofundador, presidente e vicepresidente da Associació de Professionals de la Il·lustració Valenciana (APIV) e cofundador e secretario da FADIP.

    O xurado estivo presidido pola subdirectora xeral de Promoción do Libro, Begoña Cerro Prada, e actuaron como vogais: Clara-Iris Ramos, pola APIC; Víctor Visa, pola APIV; Kike de la Rubia, pola APIM; Brais Rodríguez, pola AGPI; Ruth Juan, por Euskal Irudigileak; Riki Blanco, pola FADIP; Sagrario Aznar Almazán, polo Centro de Estudios de Género da UNED; Estrella de Diego Otero, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; e Marta Higueras Diez, pola OEPLI.

    Cartel de Paco Giménez para o Ajuntament de València