Etiqueta: ilustración galega

  • Ilustración na Gala do Libro Galego

    Ilustración na Gala do Libro Galego

    O pasado sábado, 19 de maio, tivo lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, organizados conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e mais a Federación de Librarías de Galicia (FLG). Entre as obras gañadoras (escollidas entre todas as editadas ao longo de 2017), houbo varias relacionadas coa ilustración.

    Así, na categoría Infantil resultou premiado A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado polo noso socio Andrés Meixide. Na categoría Libro ilustrado, o premio foi para Tinta de luz, con textos de Xosé María Álvarez Cáccamo ilustrados pola artista visual Berta Cáccamo. Pola súa parte, na categoría Libro de banda deseñada, Alter-Nativo, de Jorge Campos, foi a obra galardoada. Finalmente, a categoría de Tradución premiou a versión de David A. Álvarez de Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, que inclúe as ilustracións orixinais de Ingrid Vang Nyman.

    Polo que respecta ao capítulo de Premios ás traxectorias, o galardón á Iniciativa cultural ou de fomento da lectura foi para o festival de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico.

    O xurado dos premios estivo formado por María Luz Corral, Mario Regueira, Marga do Val, o noso socio Óscar Villán, Susana Sánchez Aríns, Xavier Senín e Óscar Antón Pérez García.

  • Siro, guía pola Coruña de Álvaro Cebreiro

    Siro, guía pola Coruña de Álvaro Cebreiro

    Dentro do ciclo «Paseos pola Coruña literaria», este sábado, 12 de maio, o noso socio de honra Siro López guiará o titulado «Un paseo con Álvaro Cebreiro». O ciclo,  iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e o Concello da Coruña, componse de visitas guiadas pola cidade da Coruña da man de escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.

    Álvaro Cebreiro (1903-1956), figura imprescindible da arte galega, cun persoal estilo como humorista gráfico e caricaturista, foi un profesional interesado na arte europea do seu tempo que fixo interesantísimas achegas á ilustración galega. Precisamente, o Día da Ilustración de 2017 estivo dedicado á súa figura. Este paseo percorrerá a cidade polos lugares relacionados con el, ata chegar á praza do Humor, «espazo propio para falar do papel que tiveron os humoristas nos movementos sociais progresistas».

    A participación no paseo é gratuíta, aínda que hai un número limitado de prazas, polo que se precisa inscrición previa, tal e como se detalla na web do concello coruñés.

  • Exposición ‘María Victoria Moreno: Paisaxes e personaxes’

    Exposición ‘María Victoria Moreno: Paisaxes e personaxes’

    Con motivo da próxima celebración do Día das Letras Galegas, a Xunta de Galicia puxo en marcha unha mostra para divulgar a figura da autora homenaxeada este ano: María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes. A exposición, que ten como primeira localización a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal —onde poderá visitarse ata o 9 de maio—, chegará a outros dez concellos galegos ata o mes de decembro: Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova.

    A mostra está baseada en ilustracións dos principais personaxes e escenas de oito libros de María Victoria Moreno, a cargo de oito ilustradores galegos: Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, M.ª Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón, baixo a coordinación de David Pintor, autor á súa vez da imaxe central da mostra.

    As obras con que os ilustradores e ilustradoras dialogan son O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema. Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas ao personaxe principal da historia e mais ao escenario no que se desenvolve a historia das obras. O resultado é unha galería de retratos e lugares que conforman o universo literario da autora.

    Pode accederse ao folleto da exposición en liña na web da Consellería de Cultura.

     

  • Exposición ‘Ilustrando Galicia. 2016-2017’

    Exposición ‘Ilustrando Galicia. 2016-2017’

    Ata o próximo 3 de xuño pode visitarse na Coruña a exposición Ilustrando Galicia. 2016-2017. A mostra pretende achegar a realidade máis recente da ilustración de libros no país, e para iso reúne a obra gráfica de 23 artistas, entre eles moitos socios da AGPI: Dani Padrón, Andrés Meixide, Marina Seoane, Óscar Villán, Nuria Díaz, Xan López Domínguez, Xosé Cobas, María Lires, Manuel Uhía, Jacobo Fernández Serrano, Rodrigo Chao, Antonio Seijas, David Pintor, Marcos Viso, Lucía Cobo, Víctor Rivas, María Brenn, Marc Taeger, Ánxeles Ferrer, Ignacio Hernández, Olaya Naveira Souto, Ana Pedreira e Luz Beloso.

    Para facer a selección de obras, atendeuse aos libros editados nos anos 2016 e 2017 e seleccionáronse 23 artistas galegos ou establecidos en Galicia, que tivesen obra publicada nese período, e que se tratase de primeiras edicións. Así, na exposición poden verse ilustracións pertencentes a libros dirixidos ao público infantil, texto narrativo e poético, álbums ilustrados de gran formato e libros-disco.

    A mostra está aberta na Casa de Cultura Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10, 15003 A Coruña), recinto municipal especializado na exhibición de ilustración e banda deseñada.