Etiqueta: ilustración en prensa

  • Vídeo homenaxe a Cándido Fernández Mazas

    Vídeo homenaxe a Cándido Fernández Mazas

    Un dos obxectivos do Día da Ilustración é recuperar e dar a coñecer ao gran público figuras históricas da ilustración en Galicia. Este ano, o artista e escritor Cándido Fernández Mazas é o que merece esa homenaxe. Fernández Mazas (Ourense, 1902 – Castro Caldelas, 1942) colaborou como ilustrador en libros, revistas como Nós ou Alfar e xornais como La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou Política. En París tomou contacto coas vangardas artísticas, e durante a Segunda República participou nas actividades culturais das «Misións pedagóxicas» realizando carteis e decorados para o seu teatro de monicreques. Ao final da Guerra Civil foi encarcerado, o que afectou seriamente a súa saúde, e morreu sen chegar a cumprir os corenta anos. Despois de moitos anos de esquecemento, afortunadamente a súa obra foi reivindicada a finais dos anos oitenta.

    Como cada ano, entre outras actividades, a AGPI produce, en colaboración coa Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, un vídeo que repasa nun par de minutos a vida e a obra do autor homenaxeado.

    Como nas edicións anteriores (Álvaro Cebreiro en 2017, Camilo Díaz Baliño en 2018 e Federico Ribas Montenegro en 2019), o guión corre a cargo de Alberto Guitián, e a música vén da man de Roberto Casteleiro, que nesta ocasión versiona un tema de Erik Satie —un dos músicos favoritos de Fernández Mazas—. A animación e montaxe do vídeo é responsabilidade este ano de Martín Romero, coa colaboración de Isabel Vila.

    Toda a información sobre Fernández Mazas e o resto das actividades relacionadas con el e co Día da Ilustración, nesta ligazón.

  • Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Hoxe presentouse publicamente o programa de actividades do Día da Ilustración 2019. Desde a súa instauración en 2014, o Día da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego.

    O protagonista de 2019 é o vigués Federico Ribas, grande innovador da publicidade, moi célebre no seu momento coas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó. Como parte da homenaxe, realizouse un pequeno vídeo de dous minutos cunha ollada á súa vida e obra, seguindo a serie iniciada en 2017 con Álvaro Cebreiro e continuada en 2018 con Camilo Díaz Baliño. Ademais, a Biblioteca e Arquivo de Galicia inaugura hoxe unha mostra, titulada «Federico Ribas: As liñas da beleza», con obras, publicacións e outros documentos do ilustrador, que poderá visitarse ata o 7 de marzo na sala de exposicións da biblioteca, no complexo do monte Gaiás.

    O cartel anunciador deste ano correu a cargo do ilustrador Santy Gutiérrez, cuxos traballos están ligados a campos tan diversos como o libro, o humor gráfico, a caricatura, a publicidade, a banda deseñada e o deseño téxtil, e que ten colaborado coas máis importantes editoras do país e con empresas como Estrella Galicia, R ou Inditex.

    Actividades do Día da Ilustración na MiiC

    Cartel con ilustración de Federico Ribas
    Cartel con ilustración de Federico Ribas

    Desde hoxe ata o propio Día da Ilustración sucederanse actividades nas diferentes bibliotecas públicas de Galicia, nunha iniciativa á que se suman este ano actividades desenvolvidas en colaboración entre a MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea), Afundación, AGPI e mais a Consellería de Cultura.

    Así, o propio día 30, no vestíbulo da Sede de Afundación en Santiago de Compostela exporase un orixinal de Federico Ribas, reproducirase o vídeo sobre Ribas do Día da Ilustración e haberá un mural realizado pola ilustradora Bea Lema o día 28 de xaneiro. A inauguración desta xornada especial será ás 12:00, e, pola tarde, haberá unha charla e unha mesa redonda sobre ilustración: a partir das 19:00, o ilustrador e estudoso Siro (Siro López) pronunciará unha breve conferencia co título «Federico Ribas Montenegro». A iso das 20:00, baixo o título de «O oficio de ilustrar: o que está por vir» reuniranse nunha mesa redonda, en conversa sobre ilustración e banda deseñada, os autores Anabel Colazo, Andrés Magán e Carlos Arrojo, moderados por Bea Lema. Son todas elas actividades con entrada libre e gratuíta.

    Ademais, por primeira vez unha entidade súmase por iniciativa propia á celebración: o Club de Prensa de Ferrol organiza, na Biblioteca Municipal desa cidade, unha charla e proxeccións sobre ilustración: proxectarán o vídeo do Día da Ilustración sobre Federico Ribas, ademais dunha serie de obras deste autor, e o ilustrador Leandro Lamas conversará coa xornalista Puri Rodríguez Calvo sobre o creativo publicitario e sobre a importancia da ilustración. Será tamén o 30 de xaneiro, ás 20:00, con entrada libre. Deste xeito, pouco a pouco a celebración do Día da Ilustración vai estendéndose, e os promotores do Día confían en que en cada edición haxa un maior número de entidades e localidades involucradas.

    O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Toda a información sobre esta e as pasadas edicións pode encontrarse na web diadailustracion.gal.

    • Noticia do Día da Ilustración na web da Xunta de Galicia

    • Especial sobre o Día da Ilustración (con entrevistas a Alberto Guitián, Bea Lema e Santy Gutiérrez) no programa ‘Diario Cultural’ da Radio Galega (30/1/2019)

    • Vídeos das actividades do Día da Ilustración na MiiC

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez

  • O Encontro Galego de Ilustración chega ás 15 edicións

    O Encontro Galego de Ilustración chega ás 15 edicións

    Este ano, o Encontro Galego de Ilustración, que organiza anualmente a AGPI, alcanza a súa edición número 15, e ofrece máis contidos e actividades de interese tanto para profesionais como para o público xeral. O groso das actividades decorrerá na Unitaria (o venres 28) e no Auditorio de Galicia (o sábado 29).

    Convidados de relevancia internacional

    Os convidados principais deste ano son tres nomes de grande relevancia dentro do panorama actual da ilustración: Ana Galvañ, Juan Díaz-Faes e Miguel Gallardo.

    Ana Galvañ, murciana afincada en Madrid, ten realizado traballos de ilustración e cartelería para empresas e institucións como Lonely Planet, Unicef ou Matadero Madrid. É unha das autoras de cómics máis interesantes e innovadoras da actualidade, e o seu libro Pulse enter para continuar está a piques de publicarse no mercado estadounidense da man da prestixiosa editora Fantagraphics.

    O asturiano Juan Díaz-Faes é un ilustrador multidisciplinar, especializado en deseño de estampados téxtiles e ilustración de produto. Colabora en revistas como Yorokobu ou Ling e ten traballado para marcas como Vodafone ou Ikea. É coautor de varios libros, como Treinteenagers, con Carlos G. Miranda (Lunwerg), ou Cien pelis para ver y darle al coco, con Borja Crespo (Yorokubu).

    Pola súa parte, a longa traxectoria do catalán Miguel Gallardo está ligada nos seus comezos á lendaria revista El Víbora, na que creou personaxes tan icónicos como Makoki ou El Niñato. Despois ten acadado unha sólida traxectoria internacional como ilustrador editorial, colaborando con medios como New Yorker ou Herald Tribune (que lle teñen valido dous premios da Society of Newspaper Design). En 2007 publicou a novela gráfica María y yo, que narra as súas experiencias coa súa filla con autismo. O libro, de grande éxito, foi adaptado posteriormente ao cinema, e en 2015 tivo unha continuación, María cumple 20 años.

    Un programa atractivo

    O venres 28 a Unitaria (Calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela) acolle dúas actividades: un obradoiro de ilustración a cargo de Miguel Gallardo —co irónico título de «Eu non sei debuxar»— e unha nova sesión da Ilustranoite, formato en que unha decena de ilustradores e ilustradoras de Galicia presentarán os seus proxectos de xeito áxil, ameno e moi visual. Participarán nesta ocasión Maru Astray, Víctor Boullón, Nuria Díaz, Tomás Guerrero, Komorebi, María Lapido, Miss Hope, Ness, Venditti e Dani Xove.

    O sábado 29, pola mañá e e pola tarde no Auditorio de Galicia (Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela), e coa ilustradora Laura Pato (Le Petit Patito) como mestra de cerimonias, terán lugar as charlas de Galvañ, Díaz-Faes e Gallardo. Ademais, haberá un panel de experiencias en que os galegos Pilar Marcó, Xurxo G. Penalta e David Pazos falarán da súa visión como ilustradores para a industria téxtil galega.

    Xa pola noite, nun local da cidade vella de Santiago que se revelará o propio sábado, está organizada unha Festa fin de Encontro cunha Sesión DJ ilustrada; contará con música a cargo do DJ Bluemouse e proxeccións de debuxos realizado en directo por Dani Xove, Manel Cráneo e Alberto Guitián, entre outros.

    Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta, agás o obradoiro, que precisa dunha inscrición previa de 15 euros (5 euros no caso dos socios da AGPI). Toda a información pode consultarse aquí.

    O Encontro conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, que cede a sala do Auditorio de Galicia, e co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

    15 edicións do Encontro

    Desde 2004, o Encontro Galego de Ilustración trae a Galicia ilustradores e ilustradoras de primeiro nivel internacional, sen esquecer os grandes nomes da ilustración galega.

    Esta cita dá cabida a todas as áreas existentes dentro da profesión, desde o mundo editorial ata o da animación, pasando pola publicidade ou os medios dixitais. Polo Encontro teñen pasado autores do talle de Ajubel, Algarabía Animación, Horacio Altuna, Arnal Ballester, Xosé Cobas, Suso Cubeiro, Luís Davila, Cristina Durán, Manel Fontdevila, Forges, Sagar Forniés, Giovanna Lopalco, Xan López Domínguez, Mar Malota, Xaquín Marín, Ignacio F. Maroto (Bambinomonkey), Max, Elena Odriozola, Carlos Ortín, Puño, Raúl, Julián Romero, David Rubín, Siro, Alberto Taracido, María Luisa Torcida, Alberto Vázquez ou Xosé Vizoso.

    O Encontro ten tratado, ademais, temas clave para a profesión como os dereitos de autor, a situación económica do sector, os cambios nos modelos de negocio ou o impacto das novas tecnoloxías. Temas debatidos e analizados por especialistas procedentes de organizacións e ámbitos moi diversos: axencias de ilustración, avogados, entidades de xestión, editoriais, asociacións sectoriais…

    Catorce anos despois, a ilustración está moito máis normalizada na nosa paisaxe cultural. O Encontro busca agora dar un paso adiante como cita pioneira en Galicia para os profesionais e os amantes da ilustración gráfica.