Etiqueta: Faladoiro BD autoeditada

  • Meu dito, meu feito: unha achega sobre BD autoeditada

    Meu dito, meu feito: unha achega sobre BD autoeditada

    Construír espazos de intercambio de ideas e compartir os retos que xorden na práctica diaria tamén forma parte, para nós, da ilustración coma oficio.

    Por iso, foi un verdadeiro pracer ter este espazo para a conversa no Salón do Libro de Pontevedra o pasado 8 de maio.

    Se non puideches asistir, agora tes ocasión de escoitar o faladoiro, no que Cristian Fojón, Inés Casajeros e Miguel Porto, moderados por Óscar Iglesias, charlaron sobre o espírito do fanzine e outras posibilidades de autoedición do traballo de ilustración. Moitas grazas a todas as persoas que viñéstedes conversar e fixéstedes as vosas valiosas achegas.

  • Conversa sobre BD autoeditada na nova edición do Salón do Libro

    Conversa sobre BD autoeditada na nova edición do Salón do Libro

    Na AGPI sempre temos moitas ganas de cultura: de creala, de reivindicala e de expandila. E agora máis que nunca despois dun ano coma este. Por iso convidámosvos con especial ilusión ao próximo evento:

    O vindeiro sábado 8 de maio ás 19.30 h estaremos no XXII SALÓN INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL DE PONTEVEDRA no faladoiro “Meu dito, meu feito: unha semblanza sobre BD autoeditada”.

    Cristian Fojón, Inés Casajeros e Miguel Porto serán os encargados de reflexionar e realizar interesantes achegas sobre BD, nunha conversa moderada por Óscar Iglesias no Salón de actos do Pazo da Cultura. O encontro é de balde, retransmítese tamén en streaming e precisa inscrición previa, entrando aquí para seleccionar a actividade e reservar praza.

    Cine, contacontos, obradoiros de tecnoloxía e audiovisual, pintura mural, exposicións, escola de escrita e conversas arredor de distintos procesos creativos completan o programa de actividades desta nova edición do Salón do Libro, á que estamos moi contentas de sumarnos.

    O cartaz gañador desta edición é obra da artista Aida Alonso, membro da AGPI, quen vén de realizar un prolífico e orixinal traballo de ilustración e collage.

    Agardámosvos o próximo 8 de maio para festexar xuntas o regreso paseniño da cultura.

    Cartaz de Aida Alonso.