Etiqueta: Encontro Galego de Ilustración

  • DÍA DA ILUSTRACIÓN 2021

    DÍA DA ILUSTRACIÓN 2021

    O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. A protagonista deste ano é Lolita Díaz Baliño.

    Lolita Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963) foi unha pioneira artista multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época. Colaborou como ilustradora en diversas publicacións gráficas, como Mariñana, Galicia Gráfica ou Céltiga, amosando un estilo art déco sobrio e elegante, acorde coa moda propia do momento e tamén influencias do pensamento rexionalista.

    Exerceu tamén unha importante labor como docente e, o 13 febreiro 1938, convértese na primeira muller, xunto a Carme Corredoyra, en ingresar como académica na Real Academia Galega de Belas Artes; é a primeira muller en facelo.

    Lolita Díaz permaneceu incomprensiblemente esquecida durante moito tempo, a pesar de ser unha figura adiantada, que abriu camiño para moitas artistas que viñeron despois. Finalmente comeza a recibir o recoñecemento que merece.

    Como todos os anos, a AGPI (e co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo), produciu un vídeo viral sobre a autora, xa dispoñible na web do evento www.diadailustracion.gal, onde se pode consultar tamén máis información sobre Lolita Díaz así como as actividades programadas para estes días nas bibliotecas de Galicia.

    A Biblioteca de Galicia acolle a exposición «Lolita Díaz Baliño. A discreción imposta dunha grande artista». A mostra recolle documentos, libros, imaxes e obras de Fernández Mazas que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia. A mostra inaugurarase o vindeiro 30 de xaneiro e poderase visitar ata o 13 de maio de 2021 no horario de 9:00 a 21:00, e con entrada libre e gratuíta

    Como novidade, a AGPI convidou a catro ilustradoras de diferentes ámbitos da ilustración, Lidia Cao, Nuria Figueiredo, Iria Ribadomar e Laura Romero, para que fixesen unha obra sobre aquel aspecto de Lolita Díaz que máis lles inspirase. Todas as obras poden consultarse tamén na web antes citada.

    Ademais, debido á emerxencia sanitaria actual, as charlas deste ano serán retransmitidas online o 29 de xaneiro pola mañá, entre as 10.30 e as 13.30. O acceso ás charlas é totalmente libre, sen inscrición previa, e pódese seguir tanto pola web do Día da Ilustración, como polo facebook e a canle de youtube da AGPI.

    As ponentes das dúas charlas serán Carla Berrocal, que nos falará da súa obra e proxectos persoais, e Rosario Sarmiento, que nos trazará un percorrido pola faceta ilustradora de Lolita Díaz. O acceso ás charlas é totalmente libre, sen inscrición previa, e pódese seguir tanto pola web, como polo facebook e a canle de youtube da AGPI. Este é o programa:

    · CHARLA CON ILUSTRADORA INVITADA: CARLA BERROCAL  29 de xaneiro ás 10:30

    · CHARLA: ‘LOLITA DÍAZ BALIÑO: A ILUSTRADORA DOS SOÑOS’ Con Rosario Sarmiento 29 de xaneiro ás 12:10 

    (Ambas charlas serán conducidas por Neves Rodríguez)

    Agradecemos por suposto toda a difusión que lle dedes ao evento. 

    Apertas para todos!

    Cartaz por Manel Cráneo
  • 17 Encontro Galego de Ilustración

    17 Encontro Galego de Ilustración

    A AGPI realiza un ano máis o seu Encontro Galego de Ilustración o próximo sábado 14 de novembro. Esta decimosétima edición, a primeira que se desenvolve integramente online, aborda a importancia da ilustración alén do campo editorial. A través das experiencias de creadores en distintos ámbitos, como os videoxogos, as apps móbiles ou o mundo audiovisual e escénico, o Encontro pretende ampliar a visión das aplicacións e posibilidades laborais desta disciplina artística.

    Os autores convidados para esta edición visibilizarán partes da nosa profesión menos coñecidas, en mercados crecentes e en clara expansión. Susy Broullón falará da súa aventura no mundo dos videoxogos, Javi de Castro das súas experiencias no mundo dixital e Montse Piñeiro amosará as posibilidades da interacción entre distintas disciplinas artísticas. Ademais, Isabel Méndez impartirá un obradoiro sobre un tema esencial da profesión: a protección dos dereitos de autor, tanto nos contratos como no incerto mundo da internet.

    Un programa completo para unha edición especial do Encontro, ao que queremos convidar, un ano máis, a todos aqueles que gozan coa Ilustración. As actividades, que se emitirán en directo en formato webinar, están abertas a todo o público e son gratuítas. É precisa a inscrición previa nesta ligazón. Faino o antes posible, que as prazas son limitadas!  

    O 17 Encontro Galego de Ilustración está organizado pola AGPI co apoio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

    Toda a información sobre o programa e a inscrición no obradoiro pode atoparse aquí.

    Encontro_2020

  • 16 Encontro Galego de Ilustración

    16 Encontro Galego de Ilustración

    A AGPI organiza un ano máis o seu Encontro Galego de Ilustración. Nesta edición número dezaseis, o Encontro trae de novo a Santiago de Compostela, os días 27 e 28 de setembro, unha escolma da ilustración máis interesante da Península, o que permitirá botar unha ollada a autores que traballan en lugares tan diferentes como o País Vasco, Portugal ou Cataluña.

    Nun programa en que o puxante panorama da ilustración do país luso contará cun especial destaque, as charlas terán como relatores o ilustrador e deseñador Javirroyo (que, ademais, impartirá un obradoiro sobre realización de mapas ilustrados), Inês Silva, directora da prestixiosa axencia Illustopia, e o ilustrador Jon Juárez (Harrihorrihar), e complementaranse cun panel de experiencias e unha mesa redonda coas ilustradoras portuguesas Marta Madureira e Cátia Vidinhas. Esta parte central do Encontro estará presentada e conducida pola comunicadora Neves Rodríguez.

    Ademais, como actividades complementarias, o programa inclúe tamén unha sesión de revisión de portafolios e unha actividade lúdica (a Sesión DJ Ilustrada, co DJ Pablo Electrocute e proxección de debuxo en directo a cargo de varios ilustradores).

    Coma sempre, todas as persoas interesadas na ilustración e a creatividade gráfica están convidadas a asistir; todas as actividades están abertas a todo o público e son gratuítas, salvo o obradoiro, que ten unha pequena tarifa de inscrición. O groso das actividades terá lugar, como na edición anterior, no Auditorio de Galicia (avenida do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela). Unicamente terán outras sedes o obradoiro con Javirroyo (na Unitaria, calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela) e a Sesión DJ Ilustrada (no Camalea, praza de San Martiño, 4, 15704 Santiago de Compostela).

    O 16 Encontro Galego de Ilustración está organizado pola AGPI coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e o apoio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

    Toda a información sobre o programa e a inscrición no obradoiro e na sesión de revisión de portafolios pode encontrarse aquí.

    Cartel do Encontro, con ilustración de Jon Juárez
  • O Encontro Galego de Ilustración chega ás 15 edicións

    O Encontro Galego de Ilustración chega ás 15 edicións

    Este ano, o Encontro Galego de Ilustración, que organiza anualmente a AGPI, alcanza a súa edición número 15, e ofrece máis contidos e actividades de interese tanto para profesionais como para o público xeral. O groso das actividades decorrerá na Unitaria (o venres 28) e no Auditorio de Galicia (o sábado 29).

    Convidados de relevancia internacional

    Os convidados principais deste ano son tres nomes de grande relevancia dentro do panorama actual da ilustración: Ana Galvañ, Juan Díaz-Faes e Miguel Gallardo.

    Ana Galvañ, murciana afincada en Madrid, ten realizado traballos de ilustración e cartelería para empresas e institucións como Lonely Planet, Unicef ou Matadero Madrid. É unha das autoras de cómics máis interesantes e innovadoras da actualidade, e o seu libro Pulse enter para continuar está a piques de publicarse no mercado estadounidense da man da prestixiosa editora Fantagraphics.

    O asturiano Juan Díaz-Faes é un ilustrador multidisciplinar, especializado en deseño de estampados téxtiles e ilustración de produto. Colabora en revistas como Yorokobu ou Ling e ten traballado para marcas como Vodafone ou Ikea. É coautor de varios libros, como Treinteenagers, con Carlos G. Miranda (Lunwerg), ou Cien pelis para ver y darle al coco, con Borja Crespo (Yorokubu).

    Pola súa parte, a longa traxectoria do catalán Miguel Gallardo está ligada nos seus comezos á lendaria revista El Víbora, na que creou personaxes tan icónicos como Makoki ou El Niñato. Despois ten acadado unha sólida traxectoria internacional como ilustrador editorial, colaborando con medios como New Yorker ou Herald Tribune (que lle teñen valido dous premios da Society of Newspaper Design). En 2007 publicou a novela gráfica María y yo, que narra as súas experiencias coa súa filla con autismo. O libro, de grande éxito, foi adaptado posteriormente ao cinema, e en 2015 tivo unha continuación, María cumple 20 años.

    Un programa atractivo

    O venres 28 a Unitaria (Calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela) acolle dúas actividades: un obradoiro de ilustración a cargo de Miguel Gallardo —co irónico título de «Eu non sei debuxar»— e unha nova sesión da Ilustranoite, formato en que unha decena de ilustradores e ilustradoras de Galicia presentarán os seus proxectos de xeito áxil, ameno e moi visual. Participarán nesta ocasión Maru Astray, Víctor Boullón, Nuria Díaz, Tomás Guerrero, Komorebi, María Lapido, Miss Hope, Ness, Venditti e Dani Xove.

    O sábado 29, pola mañá e e pola tarde no Auditorio de Galicia (Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela), e coa ilustradora Laura Pato (Le Petit Patito) como mestra de cerimonias, terán lugar as charlas de Galvañ, Díaz-Faes e Gallardo. Ademais, haberá un panel de experiencias en que os galegos Pilar Marcó, Xurxo G. Penalta e David Pazos falarán da súa visión como ilustradores para a industria téxtil galega.

    Xa pola noite, nun local da cidade vella de Santiago que se revelará o propio sábado, está organizada unha Festa fin de Encontro cunha Sesión DJ ilustrada; contará con música a cargo do DJ Bluemouse e proxeccións de debuxos realizado en directo por Dani Xove, Manel Cráneo e Alberto Guitián, entre outros.

    Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta, agás o obradoiro, que precisa dunha inscrición previa de 15 euros (5 euros no caso dos socios da AGPI). Toda a información pode consultarse aquí.

    O Encontro conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, que cede a sala do Auditorio de Galicia, e co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

    15 edicións do Encontro

    Desde 2004, o Encontro Galego de Ilustración trae a Galicia ilustradores e ilustradoras de primeiro nivel internacional, sen esquecer os grandes nomes da ilustración galega.

    Esta cita dá cabida a todas as áreas existentes dentro da profesión, desde o mundo editorial ata o da animación, pasando pola publicidade ou os medios dixitais. Polo Encontro teñen pasado autores do talle de Ajubel, Algarabía Animación, Horacio Altuna, Arnal Ballester, Xosé Cobas, Suso Cubeiro, Luís Davila, Cristina Durán, Manel Fontdevila, Forges, Sagar Forniés, Giovanna Lopalco, Xan López Domínguez, Mar Malota, Xaquín Marín, Ignacio F. Maroto (Bambinomonkey), Max, Elena Odriozola, Carlos Ortín, Puño, Raúl, Julián Romero, David Rubín, Siro, Alberto Taracido, María Luisa Torcida, Alberto Vázquez ou Xosé Vizoso.

    O Encontro ten tratado, ademais, temas clave para a profesión como os dereitos de autor, a situación económica do sector, os cambios nos modelos de negocio ou o impacto das novas tecnoloxías. Temas debatidos e analizados por especialistas procedentes de organizacións e ámbitos moi diversos: axencias de ilustración, avogados, entidades de xestión, editoriais, asociacións sectoriais…

    Catorce anos despois, a ilustración está moito máis normalizada na nosa paisaxe cultural. O Encontro busca agora dar un paso adiante como cita pioneira en Galicia para os profesionais e os amantes da ilustración gráfica.