Etiqueta: Día da Ilustración

  • Cuarta edición de Allariz Debuxado

    Cuarta edición de Allariz Debuxado

    O venres 31 de xaneiro e o sábado 1 de febreiro decorrerá na vila de Allariz o IV Allariz Debuxado – Festival da Arte da Ilustración, que se insire nas actividades que celebran o Día da Ilustración.

    O programa desta edición comeza o 31 de xaneiro ás 12:00 no Fogar dos Maiores (Campo da Barreira, 3, Allariz) coa inauguración do festival; intervirán a alcaldesa de Allariz e mais o director de Aira editorial, César Lorenzo Gil. A continuación, David Lafuente falará de «Cómo ser dibujante (y que te paguen)».

    Xa pola tarde, ás 17:00, a charla será de Ester García e titularase «Detrás del telón». Despois, ás 19:00, Tomás Hijo impartirá o relatorio «Ilustrando a Tolkien y Lovecraft. Gracias y desgracias del “fan art”».

    Pola noite, ás 23:00, no Café Catro Portiñas (Rúa de Emilia Pardo Bazán, 11), haberá un concerto do dúo Piratas sen Parche.

    O 1 de febreiro, durante todo o día e de forma ininterrompida, entre as 11:00 e as 20:00, terá lugar na Praza de Abaixo a III Feira da Creación (en caso de mal tempo, a feira trasladarase ás instalacións do Museo do Coiro, situado na rúa da Granxa).

    Mentres tanto, na Fundación Vicente Risco (rúa de San Lourenzo, 3), continuarán as actividades. Ás 11:45, presentarase a novela gráfica Grandarroiba, de Cristian F. Caruncho. A partir das 12:30, haberá micropresentacións de artistas emerxentes, e entre as 11:45 e as 13:30, sinaturas de obras dos autores participantes no festival. Finalmente, ás 17:00, Manel Cráneo falará da experiencia de Demo Editorial.

    Cartel a cargo de Miguel Robledo
  • Vídeo homenaxe a Cándido Fernández Mazas

    Vídeo homenaxe a Cándido Fernández Mazas

    Un dos obxectivos do Día da Ilustración é recuperar e dar a coñecer ao gran público figuras históricas da ilustración en Galicia. Este ano, o artista e escritor Cándido Fernández Mazas é o que merece esa homenaxe. Fernández Mazas (Ourense, 1902 – Castro Caldelas, 1942) colaborou como ilustrador en libros, revistas como Nós ou Alfar e xornais como La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou Política. En París tomou contacto coas vangardas artísticas, e durante a Segunda República participou nas actividades culturais das «Misións pedagóxicas» realizando carteis e decorados para o seu teatro de monicreques. Ao final da Guerra Civil foi encarcerado, o que afectou seriamente a súa saúde, e morreu sen chegar a cumprir os corenta anos. Despois de moitos anos de esquecemento, afortunadamente a súa obra foi reivindicada a finais dos anos oitenta.

    Como cada ano, entre outras actividades, a AGPI produce, en colaboración coa Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, un vídeo que repasa nun par de minutos a vida e a obra do autor homenaxeado.

    Como nas edicións anteriores (Álvaro Cebreiro en 2017, Camilo Díaz Baliño en 2018 e Federico Ribas Montenegro en 2019), o guión corre a cargo de Alberto Guitián, e a música vén da man de Roberto Casteleiro, que nesta ocasión versiona un tema de Erik Satie —un dos músicos favoritos de Fernández Mazas—. A animación e montaxe do vídeo é responsabilidade este ano de Martín Romero, coa colaboración de Isabel Vila.

    Toda a información sobre Fernández Mazas e o resto das actividades relacionadas con el e co Día da Ilustración, nesta ligazón.

  • Día da Ilustración 2020

    Día da Ilustración 2020

    O Día da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. O protagonista deste ano é Cándido Fernández Mazas.

    Cándido Fernández Mazas (Ourense, 1902 – Castro Caldelas, 1942) foi artista e escritor, e colaborou como ilustrador en publicacións como Nós ou Alfar. Ilustrou numerosos libros e asinou baixo distintos pseudónimos en xornais como La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou Política. En 1925 obtivo unha bolsa para estudar arte en París, onde entrou en contacto coas vangardas. Durante a Segunda República, participou nas actividades culturais das «Misións pedagóxicas» realizando carteis e decorados para o seu teatro de monicreques. A súa saúde psíquica e física quedou seriamente afectada pola Guerra Civil; morreu sen chegar a cumprir os corenta anos.

    A Biblioteca de Galicia acollerá a exposición «Cándido Fernández Mazas: signos dunha quimera», con documentos, libros, imaxes e obras de Fernández Mazas que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia. A mostra inagurarase o 30 de xaneiro ás 11:00, e poderá visitarse ata o 29 de maio na sala de exposicións da Biblioteca de Galicia, no Monte Gaiás. Nos próximos días presentarase o vídeo de homenaxe que produce a AGPI coa colaboración da Dirección Xeral de Políticas Culturais, e que tamén se proxectará na mostra.

    Ademais, no programa de actividades previsto para as bibliotecas públicas e escolas de arte galegas, hai unha mostra sobre o autor homenaxeado na bilioteca pública de Pontevedra, e o estudoso da súa obra José Manuel Bouzas dará unha charla na EASD Antonio Faílde de Ourense o 29 de xaneiro ás 12:00.

    Por parte da AGPI (e co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo), están previstas actividades na EASD Pablo Picasso da Coruña os días 29 e 30 de xaneiro. O 29, a partir das 19:00 presentarase o Día da Ilustración e a continuación haberá unha charla co autor convidado Jesús Cisneros, que chega a Galicia despois de impartir talleres en lugares como Marsella, Seúl ou Bangkok. O 30, para as persoas previamente inscritas (as prazas están xa esgotadas), Cisneros impartirá un obradoiro de máscaras no mesmo lugar.

    No resto de bibliotecas públicas haberá diferentes mostras, obradoiros e charlas con ilustradores como María Lires, Jorge Campos, Laura Núñez, Pablo Otero ou Xulia Pisón, que é ademais a autora do cartel do Día da Ilustración deste ano. Pola súa parte, o Club de Prensa de Ferrol tamén se sumou este ano á celebración cun acto de homenaxe a Fernández Mazas na Biblioteca Municipal ferrolá.

    O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

    Cartel do Día da Ilustración 2020, obra de Xulia Pisón
  • Taller con Jesús Cisneros no Día da Ilustración

    Taller con Jesús Cisneros no Día da Ilustración

    Coincidindo coa celebración do Día da Ilustración 2020 —da que en breve daremos máis información—, a AGPI terá un convidado de luxo, grazas ao patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo. O ilustrador Jesús Cisneros estará os días 29 e 30 na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña: o mércores día 29 dará unha charla sobre a súa obra, con entrada libre e gratuíta; o xoves 30, impartirá un Taller de máscaras, tamén gratuíto, pero para o que é necesaria inscrición. En ambos os casos, trátase dunha oportunidade única de ver e escoitar este artista.

    O taller, que decorrerá entre as 16:00 e as 20:00, precisa de inscrición mediante este formulario. As prazas son limitadas e serán otorgadas por orde de inscrición. Os asistentes deberán traer o seu propio material: tinta chinesa, pinceis (fino, medio, groso), pintura vermella (gouache ou acrílico); papel A4, de 100 g (30 follas por alumno).

    Jesús Cisneros naceu en Zaragoza en 1969. Formouse na súa cidade natal e estudou ilustración na escola de artes, e historia da arte na universidade. A súa obra caracterízase pola economía de elementos, os trazos sinxelos de carácter practicamente minimalista e unha breve selección de cores para dar vida a ilustracións moi evocadoras. A sensibilidade e a técnica mestúranse nas ilustracións de Cisneros, demostrando que poden contarse grandes historias con moi pouco.

  • Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Hoxe presentouse publicamente o programa de actividades do Día da Ilustración 2019. Desde a súa instauración en 2014, o Día da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego.

    O protagonista de 2019 é o vigués Federico Ribas, grande innovador da publicidade, moi célebre no seu momento coas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó. Como parte da homenaxe, realizouse un pequeno vídeo de dous minutos cunha ollada á súa vida e obra, seguindo a serie iniciada en 2017 con Álvaro Cebreiro e continuada en 2018 con Camilo Díaz Baliño. Ademais, a Biblioteca e Arquivo de Galicia inaugura hoxe unha mostra, titulada «Federico Ribas: As liñas da beleza», con obras, publicacións e outros documentos do ilustrador, que poderá visitarse ata o 7 de marzo na sala de exposicións da biblioteca, no complexo do monte Gaiás.

    O cartel anunciador deste ano correu a cargo do ilustrador Santy Gutiérrez, cuxos traballos están ligados a campos tan diversos como o libro, o humor gráfico, a caricatura, a publicidade, a banda deseñada e o deseño téxtil, e que ten colaborado coas máis importantes editoras do país e con empresas como Estrella Galicia, R ou Inditex.

    Actividades do Día da Ilustración na MiiC

    Cartel con ilustración de Federico Ribas
    Cartel con ilustración de Federico Ribas

    Desde hoxe ata o propio Día da Ilustración sucederanse actividades nas diferentes bibliotecas públicas de Galicia, nunha iniciativa á que se suman este ano actividades desenvolvidas en colaboración entre a MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea), Afundación, AGPI e mais a Consellería de Cultura.

    Así, o propio día 30, no vestíbulo da Sede de Afundación en Santiago de Compostela exporase un orixinal de Federico Ribas, reproducirase o vídeo sobre Ribas do Día da Ilustración e haberá un mural realizado pola ilustradora Bea Lema o día 28 de xaneiro. A inauguración desta xornada especial será ás 12:00, e, pola tarde, haberá unha charla e unha mesa redonda sobre ilustración: a partir das 19:00, o ilustrador e estudoso Siro (Siro López) pronunciará unha breve conferencia co título «Federico Ribas Montenegro». A iso das 20:00, baixo o título de «O oficio de ilustrar: o que está por vir» reuniranse nunha mesa redonda, en conversa sobre ilustración e banda deseñada, os autores Anabel Colazo, Andrés Magán e Carlos Arrojo, moderados por Bea Lema. Son todas elas actividades con entrada libre e gratuíta.

    Ademais, por primeira vez unha entidade súmase por iniciativa propia á celebración: o Club de Prensa de Ferrol organiza, na Biblioteca Municipal desa cidade, unha charla e proxeccións sobre ilustración: proxectarán o vídeo do Día da Ilustración sobre Federico Ribas, ademais dunha serie de obras deste autor, e o ilustrador Leandro Lamas conversará coa xornalista Puri Rodríguez Calvo sobre o creativo publicitario e sobre a importancia da ilustración. Será tamén o 30 de xaneiro, ás 20:00, con entrada libre. Deste xeito, pouco a pouco a celebración do Día da Ilustración vai estendéndose, e os promotores do Día confían en que en cada edición haxa un maior número de entidades e localidades involucradas.

    O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Toda a información sobre esta e as pasadas edicións pode encontrarse na web diadailustracion.gal.

    • Noticia do Día da Ilustración na web da Xunta de Galicia

    • Especial sobre o Día da Ilustración (con entrevistas a Alberto Guitián, Bea Lema e Santy Gutiérrez) no programa ‘Diario Cultural’ da Radio Galega (30/1/2019)

    • Vídeos das actividades do Día da Ilustración na MiiC

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez