Categoría: presentacións

  • Ilustración no Culturgal 2018

    Ilustración no Culturgal 2018

    Esta fin de semana decorre no Pazo da Cultura de Pontevedra a nova edición de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais. Nela darase cita unha boa representación de moi diversos sectores culturais, con presentacións, mesas redondas, actuacións, proxeccións e talleres para todo tipo de públicos. Entre toda a oferta de actividades culturais non podían faltar, naturalmente, as relacionadas coa ilustración.

    Así, por exemplo, mañá venres, ás 20:30 haberá o contacontos e obradorio de monicreques Lola e as 21 vacas (Triqueta Verde), coa ilustradora Blanca Millán.

    O sábado, ás 12:00, presentarase o novo libro de Bieito Iglesias, Guías caninos, coa presenza do seu ilustrador, Xulio Gayoso. Á mesma hora, Bea Lema conducirá un obradoiro de banda deseñada, que terá continuación ás 17:00 e ás 18:30. Ás 12:30, presentarase o novo volume da colección «Mulleres Bravas da nosa historia», Pepa, a loba, escrito por Ledicia Costas, e o acto contará coa súa ilustradora, Eva Agra. Ás 13:00 haberá espazo para a presentación «Deica! Creacións. 5 anos ilustrando o país», con Iria Ribadomar. Xa ás 17:30, presentarase a revista de banda deseñada A Viñeta de Schrödinger, editada pola Mesa pola Normalización Lingüística. A partir das 18:15 haberá unha sesión de contacontos e pintura, «Roger, o rato e o misterio das manchas» (Triqueta Verde) con David Lorenzo. Ás 19:00 será o momento da presentación do volume O puño e a letra. Antoloxía do cómic poético, que inclúe versións en cómic a cargo de 40 autores sobre poemas de Yolanda Castaño. En diferentes espazos da feira, ás 19:45 presentaranse os libros Anónimas, retratos de musas cotiás, coa ilustradora Gemma Marqués, e Don Ferretín Ferretón e o seu cadelo lambón coa ilustradora Aurora Cascudo Román.

    Xa o domingo, ás 13:00 terá lugar na feira a presentación do libro infantil O tempo meteorolóxico, co seu autor, Miguel Robledo. Finalmente, ás 13:30 poderase asistir á presentación do álbum ilustrado Puff! Vaia peido, con Luisa Martínez Lorenzo.

    O programa completo en PDF pode descargarse desde a web do festival.

    Cartel do Culturgal 2018, obra de Pepe Barro
  • Múltiples citas de ilustración na Coruña

    Múltiples citas de ilustración na Coruña

    Desde o 1 de agosto desenvólvese na Coruña a Feira do Libro, que acolle moi diversas actividades e presentacións. Presentaron xa as súas novidades os nosos socios Dani Padrón, Xosé Tomás e Alberto Vázquez; a partir de hoxe fan o mesmo ilustradores como Fausto ou Miguelanxo Prado.  Mañá, sábado 4, a partir das 12:00, terá lugar na feira a 2.ª Brincadeira de ilustradoras e ilustradores, que, coordinada por David Pintor, contará coa presenza de Miguel Calatayud, Mariona Cabassa, Noemí Villamuza, Xan López Domínguez, Marc Taeger, Gustavo Roldán Devetach, Lucía Cobo, María Luisa Torcida, Xosé Cobas e María Lires, que participarán ás 18:00 nun debate conxunto. O venres 10 ás 18:00, a nosa socia Paula Mayor prepara a actividade «Collage da Coruña», relacionada co seu libro Coloreando A Coruña. Ao longo de toda a feira asinarán libros ademais os nosos socios Siro, Antonio Seijas e Óscar Villán.

    Ademais, o luns, día 6, comeza tamén a nova edición do festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, e á presenza de autores convidados coas súas respectivas exposicións súmanse tamén varias mostras complementarias organizadas por outras entidades. Así, na Galería Monty4 podemos encontrar a titulada Comix Revolution, do noso socio David Rubín, tamén protagonista, xunto con David Aja, da exposición Superpoderes, que ocupa a sede coruñesa de Afundación. No MAC (Museo de Arte Cotemporáneo), pola súa parte, exponse Historietas del tebeo, 1917-1977, que percorre a historia do cómic español baixo o comisariado de Antoni Guiral.

    Ademais, na próxima fin de semana comeza a nova edición do festival de autoedición e BD de autor Autobán, que se desenvolverá o venres 10 na Nave 1839 e o sábado 11 en diversos locais da rúa Orzán e que incluirá unha presentación de proxectos (o «Autobombo»), un Combate de debuxantes, unha feira de fanzines, charlas e mais un taller infantil.

  • XIV Encontro Galego de Ilustración

    XIV Encontro Galego de Ilustración

    O sábado 28 de outubro terá lugar o XIV ENCONTRO GALEGO DE ILUSTRACIÓN, que, como cada ano, organiza a AGPI, na sede Afundación de Santiago (rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela)

    As actividades matinais son abertas a todo o público interesado, e completamente gratuítas.

     

    :::::::::: PROGRAMACIÓN MAÑÁ ::::::::::

    · 10:00 RECEPCIÓN

    · 10:30 PRESENTACIÓN OFICIAL DO ENCONTRO

    · 10:40 PRESENTACIÓN DA NOVA WEB DE AGPI

    · 11:00 AVENTURAS E DESVENTURAS (da profesión do ilustrador) Mar Malota contaranos unha serie de reflexións acerca da profesión do ilustrador desde o seu punto de vista e baseadas na súa experiencia como ilustradora profesional.

    ·········· 12:30 DESCANSO ··········

    · 13:00 CANDO A ILUSTRACIÓN ATOPA O CINEMA Giovanna Lopalco falará do proceso de creación nun filme de animación, de como a linguaxe da ilustración e dun ilustrador se adapta a outro medio, como é o cinema.

    · 14:00 FOTOMATÓN (Foto grupal da man de Óscar Villán)

    :::::::::: PROGRAMACIÓN TARDE :::::::::: (exclusivo socixs)

    · 14:30 XANTAR DE CONFRATERNIZACIÓN (con inscrición previa) RESTAURANTE O AFIADOR, rúa de San Pedro, 28

    · 17:00 ASEMBLEA XERAL DE SOCIOS DA AGPI
    Sede Afundación (rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela)

    · 19:00 FINALIZACIÓN DA ASEMBLEA

  • Cidade Creativa 2017

    Cidade Creativa 2017

    Cidade Creativa quere ser un mercado de creación diferente, un punto de encontro para que os que traballan no eido creativo e cultural poidan dar a coñecer os seus produtos e servicios dunha forma máis vivencial que o que permiten os tradicionais ‘networkings’, e onde ademáis de visibilizar ás máis de 50 empresas que diaramente conviven no Centro de Emprendemento Gaiás – CEM (e todas aquelas que se animen a participar) se podan establecer sinerxias entre emprendedores, axentes e cidadanía.

    Arte, artesanía, música, deseño, artes vivas, creación multidisciplinar e intercambio de coñecementos serán os eixes centrais desta cita que contará con dous tempos: xornada de mañá e comida para profesionais e xornada de tarde aberta ao público.

    Xoves, 30 de Marzo na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

    Máis información en 7Hcoop@7Hcoop.es