Categoría: obradoiros

  • Obradoiro de Humor Gráfico de Santy Gutiérrez

    Obradoiro de Humor Gráfico de Santy Gutiérrez

    O vindeiro venres 27, o noso socio Santy Gutiérrez impartirá un obradoiro no espazo  Escola Unitaria (Calz. de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela, A Coruña). Esta é unha das actividades de AGPI enmarcadas na celebración do Día da Ilustración 2023.O horario será de 17:30 a 19:30h.

    A cota de inscrición é de 3€ para socixs de AGPI e 10€ público en xeral. Podedes apuntarvos no seguinte enlace.

    Sobre o obradoiro:

    Durante as dúas horas do obradoiro, Santy fará un percorrido polas súas viñetas e procesos creativos, para despois propoñer ó conxunto dxs asistentes unha actividade.

    Sobre Santy Gutiérrez

    30 anos de experiencia como creador freelance: entre os seus clientes atópanse as principais editoriais nacionais e estranxeiras, empresas téxtiles, grupos de comunicación, axencias de publicidade, produtoras audiovisuais, institucións públicas e privadas, etc… ilustrando libros infantís e xuvenís para eles, educativos. , artigos de prensa, carteis, elaboración de viñetas, viñetas, story boards, deseño de personaxes, deseño téxtil, etiquetas, logotipos, murais e infinitos debuxos en todo tipo de materiais e soportes…


    Tamén da charlas, obradoiros, conferencias, e participa en mesas redondas, debates, coloquios sobre ilustración, banda deseñada, sector editorial, literatura ilustrada, etc…

    Membro fundador do estudio BAOBAB e ex presidente de AGPI e FADIP.

    Animádevos!

  • Sesión do Clube de Debuxo en Pontevedra

    Sesión do Clube de Debuxo en Pontevedra

    Trala boa acollida que tivo o Clube de Debuxo en Vigo e A Coruña, movémonos cara outras cidades. Nesta ocasión, visitaremos a asociación cultural Liceo Mutante, que leva anos ofrecendo actividades culturais na Rúa Rosalía de Castro, número 100 en Pontevedra. Trátase dun espazo aberto cun xardín no que poderemos debuxar sentados en cadeiras arredor da modelo. A actividade durará 2 horas cun descanso de 10 minutos. Será este sábado 22 de Agosto, de 11:30 a 13:30. Nesta ocasión teremos a unha profesional do Aikido que realizará unha exhibición co traxe reglamentario.

    As actividades do Clube de Debuxo están dirixidas a ilustradores/as, animadores/as, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. No caso dos/as socios/as da AGPI, a actividade é gratuíta, pero aos non socios nesta ocasión pediráselles un donativo de 2 euros (no propio local), para cubrir o pagamento do modelo. Dado que o Liceo Mutante é un espazo autoxestionado que está a atravesar serias dificultades trala crise da Covid-19, quen o desexe poderá facer un donativo libre destinado a súa subsistencia. Cada asistente, como é habitual, debe levar o seu propio material de debuxo. Para realizar a inscrición, só hai que cubrir este formulario en liña. As prazas son limitadas, e serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición. O prazo estará aberto ata o 21 de Agosto.

    O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir as nosas experiencias e inquedanzas.

    AVISO IMPORTANTE:

    • Recordamos que é imprescindible levar a mascarilla posta durante a duración da actividade. Para máis seguridade, as cadeiras estarán separadas apropiadamente unhas de outras. Pregamos utilicedes tamén o xel desinfectante que poremos á entrada.

    • A actividade realizarase ao aire libre, polo que recomendamos traer unha botella de auga e algo para crubir a cabeza en caso dun día moi soleado.

  • Comezan as sesións do Clube de Debuxo en Vigo con wáter-polo

    Comezan as sesións do Clube de Debuxo en Vigo con wáter-polo

    O Clube de Debuxo, organizado pola AGPI, que ata agora desenvolveu maioritariamente as súas sesións na cidade da Coruña, chega este mes de marzo a Vigo. Farao cunha sesión de debuxo durante un adestramento do equipo de wáter-polo do Real Club Náutico de Vigo. Será no propio Real Club Náutico (rúa das Avenidas, s/n, 36202 Vigo), o próximo venres 6 de marzo, de 21:30 a 22:30.

    Como nas anteriores ocasións, o Clube de Debuxo está dirixido a ilustradores, animadores, debuxantes de cómic e estudantes de ilustración. É unha actividade tanto para socios como para non socios da AGPI. As prazas, totalmente gratuítas, son limitadas e outórganse por rigorosa orde de inscrición, mediante o formulario electrónico http://bit.ly/32uwo3Q. O prazo de inscrición estará aberto ata o 5 de marzo.

    A sesión desenvolverase na piscina cuberta do Real Club Náutico de Vigo. A piscina dispón dunha zona de gradas onde acomodarse. Recoméndase ás persoas inscritas levar auga e roupa fresca, dado que na zona onde se realizará a sesión vai moita calor. A sesión comezará con puntualidade e só se poderá acceder ao recinto co grupo de inscritos.

    O Clube de Debuxo naceu coa intención de realizar unha práctica interesante rodeados de compañeiros, ademais de crear un punto de encontro entre profesionais onde compartir as nosas experiencias e inquedanzas. Anteriormente realizáronse sesións de debuxo nun ensaio da Sinfónica de Galicia, na piscina municipal do Club do Mar da Coruña, no Mercado de Verdura de Vilagarcía e nun ensaio de danza no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, así como en varias ocasións cun modelo en vivo na Fundación Luís Seoane. A partir de agora, amplíase o número de lugares de realización do Clube, e unha das localidades habituais será Vigo.

    Ilustración de Martín Romero
  • Taller con Jesús Cisneros no Día da Ilustración

    Taller con Jesús Cisneros no Día da Ilustración

    Coincidindo coa celebración do Día da Ilustración 2020 —da que en breve daremos máis información—, a AGPI terá un convidado de luxo, grazas ao patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo. O ilustrador Jesús Cisneros estará os días 29 e 30 na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña: o mércores día 29 dará unha charla sobre a súa obra, con entrada libre e gratuíta; o xoves 30, impartirá un Taller de máscaras, tamén gratuíto, pero para o que é necesaria inscrición. En ambos os casos, trátase dunha oportunidade única de ver e escoitar este artista.

    O taller, que decorrerá entre as 16:00 e as 20:00, precisa de inscrición mediante este formulario. As prazas son limitadas e serán otorgadas por orde de inscrición. Os asistentes deberán traer o seu propio material: tinta chinesa, pinceis (fino, medio, groso), pintura vermella (gouache ou acrílico); papel A4, de 100 g (30 follas por alumno).

    Jesús Cisneros naceu en Zaragoza en 1969. Formouse na súa cidade natal e estudou ilustración na escola de artes, e historia da arte na universidade. A súa obra caracterízase pola economía de elementos, os trazos sinxelos de carácter practicamente minimalista e unha breve selección de cores para dar vida a ilustracións moi evocadoras. A sensibilidade e a técnica mestúranse nas ilustracións de Cisneros, demostrando que poden contarse grandes historias con moi pouco.

  • Ilustración no Culturgal 2018

    Ilustración no Culturgal 2018

    Esta fin de semana decorre no Pazo da Cultura de Pontevedra a nova edición de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais. Nela darase cita unha boa representación de moi diversos sectores culturais, con presentacións, mesas redondas, actuacións, proxeccións e talleres para todo tipo de públicos. Entre toda a oferta de actividades culturais non podían faltar, naturalmente, as relacionadas coa ilustración.

    Así, por exemplo, mañá venres, ás 20:30 haberá o contacontos e obradorio de monicreques Lola e as 21 vacas (Triqueta Verde), coa ilustradora Blanca Millán.

    O sábado, ás 12:00, presentarase o novo libro de Bieito Iglesias, Guías caninos, coa presenza do seu ilustrador, Xulio Gayoso. Á mesma hora, Bea Lema conducirá un obradoiro de banda deseñada, que terá continuación ás 17:00 e ás 18:30. Ás 12:30, presentarase o novo volume da colección «Mulleres Bravas da nosa historia», Pepa, a loba, escrito por Ledicia Costas, e o acto contará coa súa ilustradora, Eva Agra. Ás 13:00 haberá espazo para a presentación «Deica! Creacións. 5 anos ilustrando o país», con Iria Ribadomar. Xa ás 17:30, presentarase a revista de banda deseñada A Viñeta de Schrödinger, editada pola Mesa pola Normalización Lingüística. A partir das 18:15 haberá unha sesión de contacontos e pintura, «Roger, o rato e o misterio das manchas» (Triqueta Verde) con David Lorenzo. Ás 19:00 será o momento da presentación do volume O puño e a letra. Antoloxía do cómic poético, que inclúe versións en cómic a cargo de 40 autores sobre poemas de Yolanda Castaño. En diferentes espazos da feira, ás 19:45 presentaranse os libros Anónimas, retratos de musas cotiás, coa ilustradora Gemma Marqués, e Don Ferretín Ferretón e o seu cadelo lambón coa ilustradora Aurora Cascudo Román.

    Xa o domingo, ás 13:00 terá lugar na feira a presentación do libro infantil O tempo meteorolóxico, co seu autor, Miguel Robledo. Finalmente, ás 13:30 poderase asistir á presentación do álbum ilustrado Puff! Vaia peido, con Luisa Martínez Lorenzo.

    O programa completo en PDF pode descargarse desde a web do festival.

    Cartel do Culturgal 2018, obra de Pepe Barro

  • O Encontro Galego de Ilustración chega ás 15 edicións

    O Encontro Galego de Ilustración chega ás 15 edicións

    Este ano, o Encontro Galego de Ilustración, que organiza anualmente a AGPI, alcanza a súa edición número 15, e ofrece máis contidos e actividades de interese tanto para profesionais como para o público xeral. O groso das actividades decorrerá na Unitaria (o venres 28) e no Auditorio de Galicia (o sábado 29).

    Convidados de relevancia internacional

    Os convidados principais deste ano son tres nomes de grande relevancia dentro do panorama actual da ilustración: Ana Galvañ, Juan Díaz-Faes e Miguel Gallardo.

    Ana Galvañ, murciana afincada en Madrid, ten realizado traballos de ilustración e cartelería para empresas e institucións como Lonely Planet, Unicef ou Matadero Madrid. É unha das autoras de cómics máis interesantes e innovadoras da actualidade, e o seu libro Pulse enter para continuar está a piques de publicarse no mercado estadounidense da man da prestixiosa editora Fantagraphics.

    O asturiano Juan Díaz-Faes é un ilustrador multidisciplinar, especializado en deseño de estampados téxtiles e ilustración de produto. Colabora en revistas como Yorokobu ou Ling e ten traballado para marcas como Vodafone ou Ikea. É coautor de varios libros, como Treinteenagers, con Carlos G. Miranda (Lunwerg), ou Cien pelis para ver y darle al coco, con Borja Crespo (Yorokubu).

    Pola súa parte, a longa traxectoria do catalán Miguel Gallardo está ligada nos seus comezos á lendaria revista El Víbora, na que creou personaxes tan icónicos como Makoki ou El Niñato. Despois ten acadado unha sólida traxectoria internacional como ilustrador editorial, colaborando con medios como New Yorker ou Herald Tribune (que lle teñen valido dous premios da Society of Newspaper Design). En 2007 publicou a novela gráfica María y yo, que narra as súas experiencias coa súa filla con autismo. O libro, de grande éxito, foi adaptado posteriormente ao cinema, e en 2015 tivo unha continuación, María cumple 20 años.

    Un programa atractivo

    O venres 28 a Unitaria (Calzada de San Pedro, s/n, 15703 Santiago de Compostela) acolle dúas actividades: un obradoiro de ilustración a cargo de Miguel Gallardo —co irónico título de «Eu non sei debuxar»— e unha nova sesión da Ilustranoite, formato en que unha decena de ilustradores e ilustradoras de Galicia presentarán os seus proxectos de xeito áxil, ameno e moi visual. Participarán nesta ocasión Maru Astray, Víctor Boullón, Nuria Díaz, Tomás Guerrero, Komorebi, María Lapido, Miss Hope, Ness, Venditti e Dani Xove.

    O sábado 29, pola mañá e e pola tarde no Auditorio de Galicia (Av. do Burgo das Nacións, s/n, 15704 Santiago de Compostela), e coa ilustradora Laura Pato (Le Petit Patito) como mestra de cerimonias, terán lugar as charlas de Galvañ, Díaz-Faes e Gallardo. Ademais, haberá un panel de experiencias en que os galegos Pilar Marcó, Xurxo G. Penalta e David Pazos falarán da súa visión como ilustradores para a industria téxtil galega.

    Xa pola noite, nun local da cidade vella de Santiago que se revelará o propio sábado, está organizada unha Festa fin de Encontro cunha Sesión DJ ilustrada; contará con música a cargo do DJ Bluemouse e proxeccións de debuxos realizado en directo por Dani Xove, Manel Cráneo e Alberto Guitián, entre outros.

    Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta, agás o obradoiro, que precisa dunha inscrición previa de 15 euros (5 euros no caso dos socios da AGPI). Toda a información pode consultarse aquí.

    O Encontro conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, que cede a sala do Auditorio de Galicia, e co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

    15 edicións do Encontro

    Desde 2004, o Encontro Galego de Ilustración trae a Galicia ilustradores e ilustradoras de primeiro nivel internacional, sen esquecer os grandes nomes da ilustración galega.

    Esta cita dá cabida a todas as áreas existentes dentro da profesión, desde o mundo editorial ata o da animación, pasando pola publicidade ou os medios dixitais. Polo Encontro teñen pasado autores do talle de Ajubel, Algarabía Animación, Horacio Altuna, Arnal Ballester, Xosé Cobas, Suso Cubeiro, Luís Davila, Cristina Durán, Manel Fontdevila, Forges, Sagar Forniés, Giovanna Lopalco, Xan López Domínguez, Mar Malota, Xaquín Marín, Ignacio F. Maroto (Bambinomonkey), Max, Elena Odriozola, Carlos Ortín, Puño, Raúl, Julián Romero, David Rubín, Siro, Alberto Taracido, María Luisa Torcida, Alberto Vázquez ou Xosé Vizoso.

    O Encontro ten tratado, ademais, temas clave para a profesión como os dereitos de autor, a situación económica do sector, os cambios nos modelos de negocio ou o impacto das novas tecnoloxías. Temas debatidos e analizados por especialistas procedentes de organizacións e ámbitos moi diversos: axencias de ilustración, avogados, entidades de xestión, editoriais, asociacións sectoriais…

    Catorce anos despois, a ilustración está moito máis normalizada na nosa paisaxe cultural. O Encontro busca agora dar un paso adiante como cita pioneira en Galicia para os profesionais e os amantes da ilustración gráfica.

  • Múltiples citas de ilustración na Coruña

    Múltiples citas de ilustración na Coruña

    Desde o 1 de agosto desenvólvese na Coruña a Feira do Libro, que acolle moi diversas actividades e presentacións. Presentaron xa as súas novidades os nosos socios Dani Padrón, Xosé Tomás e Alberto Vázquez; a partir de hoxe fan o mesmo ilustradores como Fausto ou Miguelanxo Prado.  Mañá, sábado 4, a partir das 12:00, terá lugar na feira a 2.ª Brincadeira de ilustradoras e ilustradores, que, coordinada por David Pintor, contará coa presenza de Miguel Calatayud, Mariona Cabassa, Noemí Villamuza, Xan López Domínguez, Marc Taeger, Gustavo Roldán Devetach, Lucía Cobo, María Luisa Torcida, Xosé Cobas e María Lires, que participarán ás 18:00 nun debate conxunto. O venres 10 ás 18:00, a nosa socia Paula Mayor prepara a actividade «Collage da Coruña», relacionada co seu libro Coloreando A Coruña. Ao longo de toda a feira asinarán libros ademais os nosos socios Siro, Antonio Seijas e Óscar Villán.

    Ademais, o luns, día 6, comeza tamén a nova edición do festival da banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, e á presenza de autores convidados coas súas respectivas exposicións súmanse tamén varias mostras complementarias organizadas por outras entidades. Así, na Galería Monty4 podemos encontrar a titulada Comix Revolution, do noso socio David Rubín, tamén protagonista, xunto con David Aja, da exposición Superpoderes, que ocupa a sede coruñesa de Afundación. No MAC (Museo de Arte Cotemporáneo), pola súa parte, exponse Historietas del tebeo, 1917-1977, que percorre a historia do cómic español baixo o comisariado de Antoni Guiral.

    Ademais, na próxima fin de semana comeza a nova edición do festival de autoedición e BD de autor Autobán, que se desenvolverá o venres 10 na Nave 1839 e o sábado 11 en diversos locais da rúa Orzán e que incluirá unha presentación de proxectos (o «Autobombo»), un Combate de debuxantes, unha feira de fanzines, charlas e mais un taller infantil.

  • Día da Ilustración 2018

    Día da Ilustración 2018

    Desde 2014, ano en que a Xunta de Galicia introduciu a data no seu Calendario do libro e a lectura, a coincidir co aniversario do nacemento de Castelao, o 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración.

    Para impulsar a conmemoración deste día, a AGPI e mais a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxeron en marcha unha web específica, www.diadailustracion.gal, desde a que se pode acceder aos principais recursos vinculados coa data. Entre eles, un breve vídeo producido pola AGPI sobre o ilustrador histórico homenaxeado este ano, Camilo Díaz Baliño (1889-1936), que ademais é o protagonista dunha exposición na Biblioteca e Arquivo de Galicia, visitable ata o 7 de marzo.

    O programa do Día da Ilustración inclúe diversas actividades desenvolvidas nas bibliotecas das principais cidades galegas, como talleres de cómic e ilustración, cursos e exposicións, e foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da AGPI, Sergio Covelo; Xosé Díaz, neto de Camilo Díaz Baliño; Alberto Guitián, membro da directiva da AGPI, e Minia Regos, autora da imaxe que ilustra o cartel da edición deste ano.