Categoría: noticieiro

  • Día da Ilustración 2018

    Día da Ilustración 2018

    Desde 2014, ano en que a Xunta de Galicia introduciu a data no seu Calendario do libro e a lectura, a coincidir co aniversario do nacemento de Castelao, o 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración.

    Para impulsar a conmemoración deste día, a AGPI e mais a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxeron en marcha unha web específica, www.diadailustracion.gal, desde a que se pode acceder aos principais recursos vinculados coa data. Entre eles, un breve vídeo producido pola AGPI sobre o ilustrador histórico homenaxeado este ano, Camilo Díaz Baliño (1889-1936), que ademais é o protagonista dunha exposición na Biblioteca e Arquivo de Galicia, visitable ata o 7 de marzo.

    O programa do Día da Ilustración inclúe diversas actividades desenvolvidas nas bibliotecas das principais cidades galegas, como talleres de cómic e ilustración, cursos e exposicións, e foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da AGPI, Sergio Covelo; Xosé Díaz, neto de Camilo Díaz Baliño; Alberto Guitián, membro da directiva da AGPI, e Minia Regos, autora da imaxe que ilustra o cartel da edición deste ano.

  • Graphic Jam

    Graphic Jam

    O colectivo de ilustradores Miñoco, coa colaboración da AGPI e co apoio económico do Concello da Coruña a través do programa Cultura de Barrio, organiza o Graphic JAM, un evento que servirá de punto de encontro para os creadores gráficos na cidade da Coruña.

    Dentro das actividades previstas haberá exposicións, un obradoiro infantil, charlas, unha zona de clubes sectoriais e un speed dating para creadores noveis. O Graphic Jam terá lugar o sábado 30 de setembro no Centro Ágora. A entrada é libre e de balde.

    Máis info: Facebook – Twitter – Web

  • Alfredo, Premio Nacional de Ilustración

    Alfredo, Premio Nacional de Ilustración

    O Ministerio de Cultura deu a coñecer hoxe que o ilustrador Alfredo é o galardoado co Premio Nacional de Ilustración correspondente a 2017, «pola súa dilatada traxectoria, que o levou a traballar en distintos puntos de España e do mundo, polo seu cultivo de distintos aspectos da ilustración e polo seu maxisterio e influencia en sucesivas xeracións». O Ministerio concede anualmente este premio, que ten unha dotación económica de 20.000 euros, co obxecto de «recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por un ilustrador español no ámbito do libro e das letras españolas».

    Alfredo (Alfredo González Sánchez, Agüería, Asturias, 1933) estudou Filosofía e Teoloxía e en 1958 trasladouse a Madrid para se dedicar á ilustración. Traballou no mundo da publicidade e en 1971 foi contratado como director por unha axencia venezolana; tras percorrer varios países latinomericanos regresou a España, e comezou a colaborar como ilustrador en revistas e periódicos como La Codorniz, El Jueves, El Papus, Muy Sr. Mío, Summa, Cambio 16, La Calle, El País ou El Mundo. Ademais, ilustrou numerosos libros, como Teoría de Madrid, con textos de Francisco Umbral, De Moscú a Nueva York, co escritor Ignacio Carrión, Seis barbas de besugo, sobre textos de Ramón Gómez de la Serna, ou Poeta en Nueva York, de Federico García Lorca. En 2017 publicou a súa autobiografía, La ventana de atrás. Desmemorias de un dibujante e expuxo gran parte dos seus debuxos orixinais no Museo ABC del dibujo y la ilustración de Madrid.

    O xurado estivo presidido polo subdirector xeral do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Javier Pascual Echalecu, e conformado por Elena Odriozola, autora galardoada na edición 2015; Manuel Garrido, pola APIV; Teresa Novoa, pola APIM; Patricia Castelao, pola AGPI; Mentxu Fernández, por Euskal Iridigileak; Juan Berrio, pola FADIP; Lluís Farré, pola OEPLI; Manuel Alcorlo, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Victoria Soto, polo Centro de Estudios de Género da UNED; e Samuel Alonso, designado polo ministro de Educación, Cultura e Deporte.