Categoría: Institucional

  • Axudas para a participación en actividades do sector do libro 2020

    Axudas para a participación en actividades do sector do libro 2020

    No DOG de onte, 10 de febreiro, pode lerse a convocatoria completa «para a concesión de subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nas actividades que se realicen no sector do libro no 2020». A convocatoria, que estará aberta ata o 15 de outubro de 2020 (inclusive), permite cubrir os gastos de viaxe e aloxamento a feiras, festivais, seminarios, encontros, obradoiros e estadías creativas relacionadas co sector do libro desenvolvidas en 2020 (unha única actividade no sector do libro por persoa beneficiaria). Teñen que ser gastos estritamente necesarios (e non se admiten os de manutención) e non poden superar os 250 euros para actividades dentro de Galicia, 600 euros en caso de actividades situadas na Unión Europea ou os 1500 euros nos das situadas fóra dela. Os gastos deben estar facturados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 12 de decembro de 2020 (inclusive).

    As persoas interesadas deberán presentar, ademais do formulario proporcionado na orde da axuda, un xustificante de inscrición na actividade obxecto da subvención, declaración xurada da exención do IAE (ou certificado desa exención), copia da alta en autónomos e documentación en que conste o ISBN e o depósito legal dos libros publicados nos tres últimos anos.

    Cada persoa pode solicitar axuda para a asistencia a unha única actividade no sector do libro. Os beneficiarios, para percibiren a subvención, deberán acreditar a realización dos gastos subvencionados e xustificar a totalidade do orzamento. En caso de actividades xa realizadas en 2020, o prazo para a xustificación (unha vez concedida a axuda) será de cinco días hábiles desde a data de aceptación da axuda; no caso de actividades que vaian acontecer posteriormente este ano, será de cinco días hábiles desde o remate da actividade en cuestión.

    Para xustificar haberá que entregar: unha copia do certificado de asistencia á actividade emitido pola entidade organizadora ou un xustificante oficial da entrada da persoa beneficiaria; unha memoria das actividades levadas a cabo en relación coa finalidade da subvención; unha relación clasificada dos gastos (identificando o acredor, o documento de gasto ou factura, o importe, a data de emisión e a data de pagamento), e xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (salvo en gastos menores de 1000 euros, que poderán ser en metálico e deberán figurar así na factura).

    Toda a información pode consultarse na orde publicada no DOG, e os formularios e anexos oficiais poden descargarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Vídeo homenaxe a Cándido Fernández Mazas

    Vídeo homenaxe a Cándido Fernández Mazas

    Un dos obxectivos do Día da Ilustración é recuperar e dar a coñecer ao gran público figuras históricas da ilustración en Galicia. Este ano, o artista e escritor Cándido Fernández Mazas é o que merece esa homenaxe. Fernández Mazas (Ourense, 1902 – Castro Caldelas, 1942) colaborou como ilustrador en libros, revistas como Nós ou Alfar e xornais como La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou Política. En París tomou contacto coas vangardas artísticas, e durante a Segunda República participou nas actividades culturais das «Misións pedagóxicas» realizando carteis e decorados para o seu teatro de monicreques. Ao final da Guerra Civil foi encarcerado, o que afectou seriamente a súa saúde, e morreu sen chegar a cumprir os corenta anos. Despois de moitos anos de esquecemento, afortunadamente a súa obra foi reivindicada a finais dos anos oitenta.

    Como cada ano, entre outras actividades, a AGPI produce, en colaboración coa Dirección Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, un vídeo que repasa nun par de minutos a vida e a obra do autor homenaxeado.

    Como nas edicións anteriores (Álvaro Cebreiro en 2017, Camilo Díaz Baliño en 2018 e Federico Ribas Montenegro en 2019), o guión corre a cargo de Alberto Guitián, e a música vén da man de Roberto Casteleiro, que nesta ocasión versiona un tema de Erik Satie —un dos músicos favoritos de Fernández Mazas—. A animación e montaxe do vídeo é responsabilidade este ano de Martín Romero, coa colaboración de Isabel Vila.

    Toda a información sobre Fernández Mazas e o resto das actividades relacionadas con el e co Día da Ilustración, nesta ligazón.

  • Día da Ilustración 2020

    Día da Ilustración 2020

    O Día da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego. O protagonista deste ano é Cándido Fernández Mazas.

    Cándido Fernández Mazas (Ourense, 1902 – Castro Caldelas, 1942) foi artista e escritor, e colaborou como ilustrador en publicacións como Nós ou Alfar. Ilustrou numerosos libros e asinou baixo distintos pseudónimos en xornais como La Zarpa, Galicia, El Pueblo Gallego ou Política. En 1925 obtivo unha bolsa para estudar arte en París, onde entrou en contacto coas vangardas. Durante a Segunda República, participou nas actividades culturais das «Misións pedagóxicas» realizando carteis e decorados para o seu teatro de monicreques. A súa saúde psíquica e física quedou seriamente afectada pola Guerra Civil; morreu sen chegar a cumprir os corenta anos.

    A Biblioteca de Galicia acollerá a exposición «Cándido Fernández Mazas: signos dunha quimera», con documentos, libros, imaxes e obras de Fernández Mazas que forman parte da colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia. A mostra inagurarase o 30 de xaneiro ás 11:00, e poderá visitarse ata o 29 de maio na sala de exposicións da Biblioteca de Galicia, no Monte Gaiás. Nos próximos días presentarase o vídeo de homenaxe que produce a AGPI coa colaboración da Dirección Xeral de Políticas Culturais, e que tamén se proxectará na mostra.

    Ademais, no programa de actividades previsto para as bibliotecas públicas e escolas de arte galegas, hai unha mostra sobre o autor homenaxeado na bilioteca pública de Pontevedra, e o estudoso da súa obra José Manuel Bouzas dará unha charla na EASD Antonio Faílde de Ourense o 29 de xaneiro ás 12:00.

    Por parte da AGPI (e co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo), están previstas actividades na EASD Pablo Picasso da Coruña os días 29 e 30 de xaneiro. O 29, a partir das 19:00 presentarase o Día da Ilustración e a continuación haberá unha charla co autor convidado Jesús Cisneros, que chega a Galicia despois de impartir talleres en lugares como Marsella, Seúl ou Bangkok. O 30, para as persoas previamente inscritas (as prazas están xa esgotadas), Cisneros impartirá un obradoiro de máscaras no mesmo lugar.

    No resto de bibliotecas públicas haberá diferentes mostras, obradoiros e charlas con ilustradores como María Lires, Jorge Campos, Laura Núñez, Pablo Otero ou Xulia Pisón, que é ademais a autora do cartel do Día da Ilustración deste ano. Pola súa parte, o Club de Prensa de Ferrol tamén se sumou este ano á celebración cun acto de homenaxe a Fernández Mazas na Biblioteca Municipal ferrolá.

    O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).

    Cartel do Día da Ilustración 2020, obra de Xulia Pisón
  • Taller con Jesús Cisneros no Día da Ilustración

    Taller con Jesús Cisneros no Día da Ilustración

    Coincidindo coa celebración do Día da Ilustración 2020 —da que en breve daremos máis información—, a AGPI terá un convidado de luxo, grazas ao patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo. O ilustrador Jesús Cisneros estará os días 29 e 30 na Escola de Artes Pablo Picasso da Coruña: o mércores día 29 dará unha charla sobre a súa obra, con entrada libre e gratuíta; o xoves 30, impartirá un Taller de máscaras, tamén gratuíto, pero para o que é necesaria inscrición. En ambos os casos, trátase dunha oportunidade única de ver e escoitar este artista.

    O taller, que decorrerá entre as 16:00 e as 20:00, precisa de inscrición mediante este formulario. As prazas son limitadas e serán otorgadas por orde de inscrición. Os asistentes deberán traer o seu propio material: tinta chinesa, pinceis (fino, medio, groso), pintura vermella (gouache ou acrílico); papel A4, de 100 g (30 follas por alumno).

    Jesús Cisneros naceu en Zaragoza en 1969. Formouse na súa cidade natal e estudou ilustración na escola de artes, e historia da arte na universidade. A súa obra caracterízase pola economía de elementos, os trazos sinxelos de carácter practicamente minimalista e unha breve selección de cores para dar vida a ilustracións moi evocadoras. A sensibilidade e a técnica mestúranse nas ilustracións de Cisneros, demostrando que poden contarse grandes historias con moi pouco.

  • Paco Giménez, Premio Nacional de Ilustración 2019

    Paco Giménez, Premio Nacional de Ilustración 2019

    Onte deuse a coñecer o gañador do Premio Nacional de Ilustración correspondente a 2019, Paco Giménez. En palabras do xurado, o recoñecemento ao ilustrador vén motivado «por manter a calidade e a frescura ao longo dunha traxectoria de máis de corenta anos cun estilo característico; pola súa lealdade á liña e á xeometría asimilada dalgunhas das vangardas históricas das artes visuais, impulsando así a profesión e a ilustración infantil e xuvenil». O premio está concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, «co obxectivo de recoñecer e distinguir o conxunto do labor realizado por unha ilustradora ou ilustrador español no ámbito do libro e das letras en calquera das linguas españolas», e conta cunha dotación económica de 20 000 euros.

    Paco Giménez (Valencia, 1954) iniciou o seu labor profesional como ilustrador e deseñador gráfico en 1974, e desde 1982 o seu traballo céntrase principalmente no sector infantil e xuvenil. Habitualmente forma tándem co escritor Carles Cano. Ademais de banda deseñada, ten ilustrado individualmente máis de 125 libros e materiais didácticos. Entre os outros galardóns que ten obtido encóntrase o Premio Lazarillo (1989), o Premi al llibre en valencià millor il·lustat (2002) e a selección ‘White Raven’ (1996). Ten participado en innumerables exposicións internacionais, como as da Bienal de Bratislava, a Feira de Boloña, o Institut International Charles Perrault ou o MUVIM de Valencia. Ten sido cofundador, presidente e vicepresidente da Associació de Professionals de la Il·lustració Valenciana (APIV) e cofundador e secretario da FADIP.

    O xurado estivo presidido pola subdirectora xeral de Promoción do Libro, Begoña Cerro Prada, e actuaron como vogais: Clara-Iris Ramos, pola APIC; Víctor Visa, pola APIV; Kike de la Rubia, pola APIM; Brais Rodríguez, pola AGPI; Ruth Juan, por Euskal Irudigileak; Riki Blanco, pola FADIP; Sagrario Aznar Almazán, polo Centro de Estudios de Género da UNED; Estrella de Diego Otero, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; e Marta Higueras Diez, pola OEPLI.

    Cartel de Paco Giménez para o Ajuntament de València
  • ‘El día 3’, Premio Nacional do Cómic 2019

    ‘El día 3’, Premio Nacional do Cómic 2019

    O Premio Nacional do Cómic foi outorgado onte a Cristina Durán, Miguel Ángel Giner Bou e Laura Ballester pola súa novela gráfica El día 3. O xurado escolleu esta obra «por saber realizar desde o respecto a crónica dun drama social, cunha narrativa en que se equilibran a emoción, a excelencia gráfica e o uso de potentes metáforas visuais». O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20 000 euros e ten como obxecto «distinguir a mellor obra desta especialidade publicada en calquera das linguas do Estado durante o ano 2018».

    Para a realización da novela gráfica galardoada, os autores baseáronse nas investigacións de Laura Ballester, reflectidas no libro Luchando contra el olvido, el largo camino de las víctimas del metro de Valencia (2015); o proxecto da novela gráfica gañou no seu momento, en 2016, o Premio Ciutat de Palma de Còmic, e publicouse en 2018.

    Cristina Durán (Valencia, 1970) é licenciada pola Facultade de Belas Artes de Valencia. Como debuxante de BD ten publicado, xunto ao guionista Giner Bou, Una posibilidad entre mil (2009), La máquina de Efrén (2012) —recompilados ambos en 2017 nun volume integral co título de Una posibilidad— e Cuando no sabes qué decir (2015). Ten recibido varios galardóns, como o premio Turia, o Premi Dones Progressistes ou o accésit do trofeo Les BDs qui font la différence. Foi presidenta da Associació de Professionals de la Il·lustració Valenciana (APIV) e membro das directivas de FADIP e o EIF. Actualmente forma parte de AC (Colectivo de Autoras de Cómic).

    Miguel Ángel Giner Bou (Benetússer, Valencia, 1969) é licenciado pola Facultade de Belas Artes de Valencia. É profesor de guión e narrativa no Máster de Deseño e Ilustración da Facultade de Belas Artes de Valencia e na ESAT (Escuela Superior de Arte y Tecnología), e traballa como ilustrador. Foi presidente da APIV e actualmente preside ARGH!, a Asociación Profesional de Guionistas de Cómic.

    Laura Ballester é licenciada en Ciencias da Información, e fixo desde 2006 un seguimento exhaustivo do accidente do metro de Valencia, un traballo polo que recibiu o Premio do Ateneu Cultural de Torrent en 2012, o premio da Cartelera Turia á mellor contribución xornalística en 2014 ou o premio Libertad de Expresión 2016 da Asociación de Vecinos de Patraix. Ten traballado en El Punt, en medios de comunicación locais de radio e televisión, e na cooperativa Paleta d’Ocres.

    O xurado, presidido pola subdirectora xeral de Promoción do Libro, Begoña Cerro Prada, tivo como vogais a Ulises Ponce López, pola Asociación de Autores de Cómic de España (AACE); Asier Iturralde, pola FADIP; Gonzalo González Verdoy, pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (CEGAL); Elena Masarah Revuelta, pola Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic de España; Jordi Teixidor, pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando; Berta Tapia Zamora, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE); Graciela Padilla Castillo, polo Instituto de Investigaciones Feministas da Universidad Complutense de Madrid; e mais a autora galardoada na convocatoria de 2018, Ana Penyas.

  • Axudas da Xunta para a asistencia a feiras do libro

    Axudas da Xunta para a asistencia a feiras do libro

    Ata o día 29 de maio está aberto o prazo da convocatoria para a concesión de «subvencións para a participación de persoas escritoras, ilustradoras e tradutoras nos festivais e nas feiras internacionais do sector do libro que teñan lugar en 2019». Esta convocatoria permite cubrir os gastos de viaxe e aloxamento a un único festival ou feira do libro internacional anual por persoa beneficiaria. As axudas serven tanto para as feiras e os festivais xa realizados en 2019 (Angoulême, Boloña…) como para os que se vaian levar a cabo no que queda de ano.

    Os gastos subvencionables teñen que ser gastos estritamente necesarios (non se admiten tampouco os de manutención), e non poden superar os 600 euros en caso de feiras situadas na Unión Europea ou os 1500 euros nos das situadas fóra dela. Os gastos deben estar facturados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro de 2019.

    As persoas interesadas deberán presentar unha memoria xustificativa da necesidade e motivación da asistencia á feira ou ao festival internacional solicitado (pode ser unha feira xa visitada en 2019, como Boloña), declaración xurada da exención do IAE (ou certificado desa exención), copia da alta en autónomos e documentación en que conste o ISBN e o depósito legal dos libros publicados nos tres últimos anos.

    Cada persoa pode solicitar axuda para a asistencia a un único festival ou feira internacional e beneficiarse dunha única axuda. Os beneficiarios, para percibiren a subvención, deberán acreditar a realización dos gastos subvencionados e xustificar a totalidade do orzamento. En caso de festivais xa visitados en 2019, o prazo para a xustificación (unha vez concedida a axuda) será de dez días hábiles desde a data de aceptación da axuda; no caso de festivais que vaian acontecer posteriormente este ano, será de dez días hábiles desde o remate do festival en cuestión.

    Para xustificar haberá que entregar: unha copia do certificado de asistencia á feria ou ao festival emitido pola entidade organizadora ou un xustificante oficial da entrada á feira da persoa beneficiaria; unha memoria das actividades levadas a cabo en relación coa finalidade da subvención; unha relación clasificada dos gastos (identificando o acredor, o documento de gasto ou factura, o importe, a data de emisión e a data de pagamento), e xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (salvo en gastos menores de 1000 euros, que poderán ser en metálico e deberán figurar así na factura).

    Toda a información pode consultarse na orde publicada no DOG, e os formularios e anexos oficiais poden descargarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

    Posto da Xunta de Galicia na Feira de Boloña 2019 (foto: Xunta de Galicia)
  • Dispoñibles os vídeos do Día da Ilustración

    Dispoñibles os vídeos do Día da Ilustración

    O 30 pasado de xaneiro, Día da Ilustración en Galicia, leváronse a cabo diferentes actividades nas bibliotecas públicas de todo o país. Ademais, dentro da MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea) en colaboración coa AGPI e a Consellería de Cultura, desenvolvéronse unha serie de actos na Sede de Afundación en Santiago de Compostela: expúxose un orixinal de Federico Ribas, reproduciuse o vídeo sobre Ribas do Día da Ilustración e puido visitarse un mural realizado pola ilustradora Bea Lema o día 28 de xaneiro. Pode verse aquí un vídeo que serve de resumo de actividades:

    Pola tarde, a mesma sala acolleu dúas charlas sobre ilustración. A primeira, unha pequena disertación do humorista gráfico e estudoso Siro (Siro López), que falou sobre o ilustrador homenaxeado este ano, Federico Ribas Montenegro.  Este vídeo recolle a conferencia completa:

    A outra foi esta mesa redonda cos ilustradores Anabel Colazo, Andrés Magán e Carlos Arrojo, moderados por Bea Lema. O seu título, «O oficio de ilustrar: o que está por vir». Tamén se pode ver íntegra neste vídeo:

  • Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Preséntase o Día da Ilustración 2019

    Hoxe presentouse publicamente o programa de actividades do Día da Ilustración 2019. Desde a súa instauración en 2014, o Día da Ilustración celébrase en Galicia cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego.

    O protagonista de 2019 é o vigués Federico Ribas, grande innovador da publicidade, moi célebre no seu momento coas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó. Como parte da homenaxe, realizouse un pequeno vídeo de dous minutos cunha ollada á súa vida e obra, seguindo a serie iniciada en 2017 con Álvaro Cebreiro e continuada en 2018 con Camilo Díaz Baliño. Ademais, a Biblioteca e Arquivo de Galicia inaugura hoxe unha mostra, titulada «Federico Ribas: As liñas da beleza», con obras, publicacións e outros documentos do ilustrador, que poderá visitarse ata o 7 de marzo na sala de exposicións da biblioteca, no complexo do monte Gaiás.

    O cartel anunciador deste ano correu a cargo do ilustrador Santy Gutiérrez, cuxos traballos están ligados a campos tan diversos como o libro, o humor gráfico, a caricatura, a publicidade, a banda deseñada e o deseño téxtil, e que ten colaborado coas máis importantes editoras do país e con empresas como Estrella Galicia, R ou Inditex.

    Actividades do Día da Ilustración na MiiC

    Cartel con ilustración de Federico Ribas
    Cartel con ilustración de Federico Ribas

    Desde hoxe ata o propio Día da Ilustración sucederanse actividades nas diferentes bibliotecas públicas de Galicia, nunha iniciativa á que se suman este ano actividades desenvolvidas en colaboración entre a MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea), Afundación, AGPI e mais a Consellería de Cultura.

    Así, o propio día 30, no vestíbulo da Sede de Afundación en Santiago de Compostela exporase un orixinal de Federico Ribas, reproducirase o vídeo sobre Ribas do Día da Ilustración e haberá un mural realizado pola ilustradora Bea Lema o día 28 de xaneiro. A inauguración desta xornada especial será ás 12:00, e, pola tarde, haberá unha charla e unha mesa redonda sobre ilustración: a partir das 19:00, o ilustrador e estudoso Siro (Siro López) pronunciará unha breve conferencia co título «Federico Ribas Montenegro». A iso das 20:00, baixo o título de «O oficio de ilustrar: o que está por vir» reuniranse nunha mesa redonda, en conversa sobre ilustración e banda deseñada, os autores Anabel Colazo, Andrés Magán e Carlos Arrojo, moderados por Bea Lema. Son todas elas actividades con entrada libre e gratuíta.

    Ademais, por primeira vez unha entidade súmase por iniciativa propia á celebración: o Club de Prensa de Ferrol organiza, na Biblioteca Municipal desa cidade, unha charla e proxeccións sobre ilustración: proxectarán o vídeo do Día da Ilustración sobre Federico Ribas, ademais dunha serie de obras deste autor, e o ilustrador Leandro Lamas conversará coa xornalista Puri Rodríguez Calvo sobre o creativo publicitario e sobre a importancia da ilustración. Será tamén o 30 de xaneiro, ás 20:00, con entrada libre. Deste xeito, pouco a pouco a celebración do Día da Ilustración vai estendéndose, e os promotores do Día confían en que en cada edición haxa un maior número de entidades e localidades involucradas.

    O Día da Ilustración é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Toda a información sobre esta e as pasadas edicións pode encontrarse na web diadailustracion.gal.

    • Noticia do Día da Ilustración na web da Xunta de Galicia

    • Especial sobre o Día da Ilustración (con entrevistas a Alberto Guitián, Bea Lema e Santy Gutiérrez) no programa ‘Diario Cultural’ da Radio Galega (30/1/2019)

    • Vídeos das actividades do Día da Ilustración na MiiC

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez

    Cartel con ilustración de Santy Gutiérrez

  • Ana Penyas, Premio Nacional do Cómic 2018

    Ana Penyas, Premio Nacional do Cómic 2018

    Onte deuse a coñecer a gañadora do Premio Nacional do Cómic correspondente a 2018: Ana Penyas, pola novela gráfica Estamos todas bien. O xurado elixiu esta obra por «rescatar, a partir dunha historia familiar, a voz dunha xeración silenciada; pola innovación e a frescura da posta en escena gráfica, ademais da habilidade para integrar recursos da banda deseñada e doutros medios». O galardón, que concede anualmente o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, está dotado con 20 000 euros e ten como obxecto «distinguir a mellor obra desta especialidade publicada en calquera das linguas do Estado» durante o ano anterior.

    Ana Penyas (Valencia, 1987) é diplomada en Deseño Industrial e graduada en Belas Artes na Universitat Politècnica de València. Foi seleccionada para realizar unha residencia artística en De Liceiras 18 (Porto, 2015). Recibiu unha mención especial na sexta edición de Iberoamérica Ilustra e gañou a edición seguinte. Ten publicado con editoriais como Mil Razones e Libros del K. O., e con revistas como MipetitMadrid.com, elHype.com, Bostezo e Pikara Magazine. A obra premiada, Estamos todas bien, é a súa primeira novela gráfica e obtivo en 2017 o premio FNAC/Salamandra Graphic; pola mesma obra foi tamén galardoada como autora revelación no Salón do Cómic de Barcelona.

    O xurado estivo presidido por Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, e actuaron como vogais Manuel Barrero (pola Asociación de Autores de Cómic de España), Ana Oncina (pola FADIP), Rocío Orraca (pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros); Tereixa Constenla (pola Asociación de Críticos y Divulgadores de Cómic de España), Josefina Molina (pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando), Pilar Martín (pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España), Yanna Gutiérrez Franco (polo Instituto de Investigaciones Feministas da Universidad Complutense de Madrid), Miguel Gallardo (a proposta do ministro de Cultura), e os dous últimos autores galardoados, Rayco Pulido e Pablo Auladell.